Solicitamos su permiso para obtener datos estadísticos de su navegación en esta web, en cumplimiento del Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta el uso de cookies. Acepto | Más información

volver

Ordenanza reguladora de la gestión de biomasa y de las actividades forestales en el término municipal de Narón Ordenanza reguladora de la gestión de biomasa y de las actividades forestales en el término municipal de Narón

Publicado por ADPFC el

Texto de la Ordenanza reguladora de la gestión de biomasa y de las actividades forestales en el término municipal de Narón (BOP nº 158 de 21 de agosto de 2018)

 

Ordenanza reguladora da xestión de biomasa e das actividades forestais no termo municipal de Narón

Exposición de motivos

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada entre outras pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e mais recentemente pola Lei 9/2017, 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, supuxo un novo marco normativo no ámbito da prevención de incendios establecendo un marco competencial de acordo a criterios de ordenación urbanística.

Así a dita lei deixa fóra do seu ámbito de aplicación o solo urbano, o solo de núcleo rural e o solo urbanizable, encomendando aos concellos a elaboración de ordenanzas nestes tipos de solo segundo os criterios establecidos nela.

Esta ordenanza ten polo tanto dous obxectivos. Por unha banda, dar cumprimento a este mandato legal para garantir a seguridade dos cidadáns deste concello fronte aos incendios forestais e por outra actualizar a Ordenanza municipal reguladora das actividades nos montes e espazos forestais (BOP núm. 126, do 3 de xuño de 2000).

O longo período de tempo transcorrido dende a publicación desta ordenanza fai necesaria a súa revisión para adaptala aos cambios normativos que tiveron lugar neste período, facendo compatible a liberdade de empresa e do desenvolvemento do sector forestal coa preservación e conservación dos camiños e pistas municipais e coa seguridade viaria. Neste caso, as entidades locais teñen recoñecida a potestade regulamentaria no artigo 4.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local en materia de conservación de camiños e vías rurais (art. 25.2º.d), prevendo o correspondente réxime sancionador polo incumprimento das súas determinacións e no suposto de ocasionar danos e estragos nas infraestruturas, instalacións e espazos públicos, derivados da actividade forestal (art. 139 a 141).

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓN XERAIS

Artigo 1º.- Obxecto.

O obxecto desta ordenanza é establecer os criterios de xestión de biomasa nos solos de competencia municipal de acordo co establecido na normativa autonómica e regular tanto as repoboacións como as plantacións existentes.

Os solos de competencia municipal de acordo co establecido na lexislación sectorial de montes e de prevención de incendios forestais son o solo urbano, o solo de núcleo rural e o solo urbanizable.

Esta ordenanza non será de aplicación ao solo urbanizable non delimitado, nin a solo rústico apto para urbanizar, establecidos no PXOM vixente, xa que de acordo coa disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no relativo ao réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado á Lei 9/2002, a estas clases de solo seralles de aplicación o disposto para o solo rústico.

E tamén obxecto desta ordenanza a conservación dos camiños e vías rurais, con motivo da execución de talas e cortas de madeira no municipio, así como a protección dos viais de acceso e demais infraestruturas anexas aos lugares da tala e o estado final da superficie talada.

 Artigo 2º.- Persoas responsables

Aos efectos desta ordenanza entenderase como persoas responsables do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas as persoas titulares dos terreos ou no seu caso aos titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos, así como as administracións, as entidades ou as sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das formas previstas legalmente, das vías de comunicación e das liñas de transporte de enerxía eléctrica.

A efectos do cumprimento das obrigas relacionadas coas actividades forestais serán persoas responsables as persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades de tala, depósito, carga e transporte de madeira dentro do termo municipal. As persoas que realicen talas en parcelas de concellos limítrofes nas que se vaian a usar vías e camiños municipais do Concello de Narón para as actividades de depósito, carga e transporte tamén teñen a consideración de persoas responsables.

CAPÍTULO II: DA XESTIÓN DA BIOMASA

Artigo 3º.- Obriga da xestión da biomasa

As persoas responsables terán a obriga de xestionar a biomasa nas parcelas incluídas en solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable de acordo cos criterios establecidos nesta ordenanza, así como de mantelas limpas de maleza e nas debidas condicións de seguridade e salubridade, evitando que as ramas das árbores afecten ao espazo público. Os residuos producidos pola limpeza terán a consideración de residuos de poda e xardinería aos efectos do establecido na Ordenanza de residuos e limpeza viaria do Concello de Narón (BOP, núm. 224, do 23 de novembro de 2012).

Artigo 4º.- Criterios de xestión da biomasa

Sen prexuízo do establecido no artigo 5 sobre as distancias das plantacións existentes e as plantacións prohibidas, nos terreos clasificados como solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable, as persoas responsables deberán facer a xestión da biomasa na totalidade da parcela conforme aos seguintes criterios:

-       Roza para a eliminación do estrato herbáceo e arbustivo sempre que supoña un mínimo risco para a propagación de incendios incontrolados de vexetación ou que supoña un problema para a salubridade pública.

-       Poda e rareo do estrato arbóreo de forma que se manteña unha descontinuidade horizontal entre as copas das árbores e vertical entre estas e os estratos herbáceo e arbustivo. A distancia entre plantas será, como mínimo, de 7 metros. Este criterio non serán aplicable en parques e xardíns municipais, árbores senlleiras ou aquelas que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illadas e non supoñan un mínimo risco para a propagación de incendios incontrolados de vexetación.

De non realizarse a xestión as persoas responsables estarán obrigadas a atender o requirimento do concello nun prazo de 15 días hábiles.

Artigo 5º.- Prohibicións e distancias das plantacións

1.    Quedan prohibidas todas as repoboacións forestais nos terreos clasificados como solo urbano, solo urbanizable e solo de núcleo rural. Enténdese por repoboación forestal aquela realizada con especies arbóreas das que se pretende o seu aproveitamento madeireiro. Quedan expresamente excluídas desta consideración as plantacións de árbores frutais, setos ou árbores ornamentais sempre que a súa plantación non estea prohibida por norma de rango superior.

 

2.    Queda prohibida a presencia das seguintes especies nos solos de aplicación desta ordenanza (solo urbano, urbanizable e de núcleo rural): Pinus pinaster (piñeiro galego, piñeiro do país), Pinus sylvestris (piñeiro silvestre), Pinus radiata (piñeiro de Monterrey), Pseudotsuga menziesii (piñeiro de Oregón), Acacia dealbata (mimosa), Acacia melanoxylum  (acacia negra), Eucalyptus spp (eucalipto), Calluna vulgaris (queiruga), Chamaespartium tridentatum (carqueixa), Cytisus spp (xesta), Erica spp (uz, carpaza), Genista spp (xesta, piorno), Pteridium aquilinum (fento), Rubus spp (silva), Ulex europaeus (toxo). As plantacións existentes á entrada en vigor desta ordenanza realizadas coas especies sinaladas neste epígrafe disporán dun período establecido na disposición transitoria para adaptarse ao establecido nesta ordenanza.

 

Quedan exceptuados desta prohibición as plantacións de piñeiros que se atopen en parcelas propiedade municipal como áreas recreativas, parques e xardíns e en espazos de esparexemento ou que poidan ser destinados a eles sempre e cando cumpran en todo caso os criterios de xestión de biomasa establecidos no artigo anterior, que garden unha distancia de 50 metros ás vivendas máis próximas e que non teñan continuidade con ningunha outra masa forestal próxima, así como as árbores illadas que non supoñan un risco de incendios.

 

3.    As plantacións forestais existentes a entrada en vigor desta ordenanza realizadas coas frondosas do anexo I e co resto de especies non incluídas no epígrafe anterior deberán adecuarse para gardar as seguintes distancias nos solos de aplicación desta ordenanza no período establecido na disposición transitoria:

-       Con parcelas forestais: 2 metros.

-       Con terreos situados en solo rústico de especial protección agropecuaria: 10 metros.

-       Con zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos: 4 metros as frondosas do anexo I e 10 metros no caso do resto de especies non prohibidas.

-       Desde o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou do ferrocarril: 4 metros as frondosas do anexo I e 10 metros no caso do resto de especies non prohibidas.

-       Con pistas forestais principais: 2 metros no caso de frondosas do anexo I e 6 metros no caso do resto de especies non prohibidas.

-       Desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa aplicable a cada caso, da infraestrutura eléctrica: 5 metros para todas as especies.

-       Con canles fluviais de máis de 2 metros de largo: 5 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo I, e 15 metros no caso do resto de especies non prohibidas, contados desde o dominio público. Non será aplicable en actuacións de recuperación ambiental.

-       Con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais: 15 metros no caso de especies frondosas do anexo I e 50 metros no caso do resto de especies non prohibidas.

-       Con cámpings, gasoliñeiras e industrias ou instalacións preexistentes no que se desenvolven actividades perigosas de acordo coa normativa de aplicación, 25 metros para especies frondosas do anexo I e 50 metros no caso do resto de especies non prohibidas.

 

4.    De non realizarse a retirada das árbores no período establecido na disposición transitoria, as persoas responsables estarán obrigadas a atender o requirimento do concello nun prazo de 15 días hábiles.

CAPÍTULO III: DAS ACTIVIDADES FORESTAIS

Artigo 6º.- A comunicación de tala.

1.- Para garantir a conservación dos camiños e pistas rurais, así como dos viais de acceso e demais infraestruturas anexas aos lugares da tala, é obrigatoria a comunicación de tala por parte da persoa física ou xurídica que actúe en calidade de madeireiro, consonte ao establecido nesta ordenanza, cunha antelación mínima de quince días hábiles, sen prexuízo da obtención doutras autorizacións sectoriais que sexan necesarias para a tala das plantacións forestais.

2.- Na comunicación de tala, deberá constar:

- Data na que se procederá á tala e data en que rematarán tódolos traballos (incluíndo a retirada da madeira da parcela e dos residuos resultantes).

- Identificación do propietario do monte e do madeireiro, con designación do representante deste no suposto de ser unha persoa xurídica.

- Especie da madeira obxecto de tala, así como toneladas a extraer.

- Identificación nun plano do catastro ou do SIXPAC do monte afectado e referencia catastral do mesmo, así como indicación do lugar de depósito e viais a utilizar para o transporte da madeira.

- Identificación da/s empresa/s encargada/s da tala, depósito, carga e transporte da madeira ( razón social, N.I.F., enderezo e teléfono, vehículos cos que se van a realizar as operacións de depósito, carga e transporte así como a indicación da súa marca, modelo, matrícula e peso máximo autorizado).

- Xustificante da solicitude de autorización, comunicación ou declaración responsable de tala achegado previamente ante a Consellería competente en materia forestal, segundo modelo oficial e o establecido no Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, ou decreto que o substitúa.

- Xustificante do depósito da garantía.

No suposto de tratarse dunha tala sen aproveitamento madeireiro, deberá comunicar a tala o titular do monte, indicando en calquera caso o seu motivo (obtención de leña para autoconsumo, enfermidade da especie, situación de perigo para as persoas e bens, etc…), e achegando igualmente a solicitude de autorización, comunicación ou declaración responsable da tala presentado na Consellería competente.

3.- De calquera xeito, poderase facer unha comunicación de tala para varios montes ou parcelas catastrais, cando os traballos vaian a efectuarse de forma simultánea, debendo constar os datos de cada unha das parcelas nas que se vaia a realizar a tala segundo o establecido no apartado anterior.

4.- Previamente ao inicio dos traballos, o madeireiro deberá presentar no rexistro municipal a comunicación de tala dirixida ao departamento de Medio Ambiente do Concello, cunha antelación mínima de quince días hábiles, co obxecto de que se inspeccionen os viais e accesos aos montes que vaian ser utilizados e se constate a realidade física da vía mediante unha reportaxe fotográfica na que se acreditará o estado preexistente.

5.- As vías públicas non se poderán utilizar para almacenamento da madeira, aínda que se autoricen as operacións para a súa carga.

Artigo 7º.- Actividades excluídas.

A efectos desta ordenanza, non teñen a consideración de “talas forestais” os seguintes traballos:

Podas en plantacións forestais.

Desbroce e limpeza de predios.

Clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos.

Talas puntuais de exemplares de árbores ornamentais illadas.

Artigo 8º.- Requisitos e obrigas para os madeireiros ou propietarios que realicen a tala e o depósito, carga e transporte da madeira talada.

1.- Será o madeireiro encargado da tala o responsable dos estragos ocasionados nos lugares de tala, viais de acceso, instalacións ou demais infraestruturas anexas, como consecuencia tanto da tala como do depósito, carga e transporte da madeira, quedando obrigado ao arranxo e reparación inmediata do deterioro producido nos mesmos, incluíndo a limpeza, retirada ou eliminación de residuos procedentes da tala e das operacións de carga e almacenamento. No suposto de non ser identificado o mesmo, quedará obrigado o propietario do monte ou parcela.

As cantidades depositadas en concepto de garantía responderán da dita obriga, sen prexuízo de que no suposto de non ser suficientes, a diferenza recadarase en concepto de ingreso de dereito público, coa correspondente vía de constrinximento, de ser necesaria.

2.- A superficie do monte debe quedar totalmente limpa, sen ningún tipo de restos das pólas das copas ou calquera outro material que constitúa focos de alta combustibilidade que poidan ser causa de incendio.

3.- Nos supostos previstos nos dous apartados anteriores, o madeireiro ou o propietario, deberán atender o requirimento de reparación ou limpeza que efectúe o concello, e no que se lles outorgará un prazo de quince días hábiles, para a realización dos traballos de reparación e limpeza que procedan.

4.- Establécense dúas categorías para os efectos da fixación da correspondente garantía, segundo o peso máximo autorizado do vehículo de maior peso que se vaia a utilizar na realización das operacións de depósito, carga e transporte da madeira talada:

Vehículos con peso máximo autorizado inferior a 16 TN: 2.060,18 Euros/ comunicación tala

Vehículos con peso máximo autorizado superior a 16 TN: 4.120,36 Euros/comunicación tala.

5.- As correspondentes garantías deberanse depositar na Tesourería Municipal mediante: fianza en metálico, aval solidario e por tempo indefinido, seguro de caución nos termos previstos para o depósito de aquelas pola normativa reguladora de contratos do sector público.

A devolución das ditas garantías, deberá ser solicitada polos depositarios, requirindo previamente á resolución, no que se deixe constancia de que non foron ocasionados estragos nas vías, servizos e infraestruturas públicas municipais.

6.- Excepcionalmente, esta administración poderá limitar ou denegar o acceso polos viais solicitados por mor da capacidade de resistencia do firme da vía ou do seu mal estado, ou pola utilización dos ditos viais na data solicitada para outros fins, o que se porá en coñecemento do solicitante de forma motivada.

7.- En ningún caso poderán iniciarse os traballos de tala, sen contar previamente coa autorización sectorial correspondente, cando ás parcelas obxecto da actuación, estean afectadas pola normativa sectorial de augas, patrimonio, estradas ou calquera outra que resulte de aplicación.

Artigo 9º.- Potestades da administración

Unha vez que o Concello teña coñecemento da produción de danos ou da acumulación de residuos vexetais combustibles e previo o debido requirimento, o órgano municipal competente, poderá realizar con cargo á garantía depositada, as operacións de reparación, acondicionamento ou retirada de residuos, previa audiencia do interesado polo prazo de dez días hábiles, sen prexuízo de recadar as cotas correspondentes en concepto de ingreso público, se os custes da dita operación non fosen totalmente cubertos co importe da garantía depositada.

Todo isto sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan polo incumprimento desta ordenanza.

CAPÍTULO IV: RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 10º.- Procedemento sancionador

Constitúen infraccións administrativas, as accións ou omisións que comporten un incumprimento das obrigas, prohibicións ou requisitos que establece esta ordenanza.

O procedemento sancionador, suxeitarase ao previsto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

No relativo aos incumprimentos das obrigas recollidas no CAPÍTULO II da xestión da biomasa o prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa será de 9 meses de acordo co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

A resolución que poña fin ao procedemento sancionador identificará aos responsables dos feitos, coa imposición das sancións individualizadas que procedan, ordenando de ser o caso os traballos de reposición, de reparación ou de limpeza das vías, servizos e infraestruturas que procedan, que poderán executarse con cargo ás garantías depositadas.

Artigo 11º.- Responsabilidade

Son responsables das infraccións administrativas en materia de xestión de biomasa as persoas responsables obrigadas á xestión de acordo co artigo 2 desta ordenanza.

Son responsables das infraccións administrativas en materia de actividades forestais as persoas físicas ou xurídicas que as cometan en calidade de madeireiro ou subsidiariamente o propietario do monte ou parcela. En todo caso, será responsable o propietario no suposto de non identificar ao madeireiro, sinalando o seu NIF ou CIF e enderezo, cando sexa requirido polo concello, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte á recepción da notificación.

Artigo 12º.- Clasificación das infraccións

1.-  As infraccións polo incumprimento das obrigas establecidas no CAPÍTULO II clasifícanse en leves, graves ou moi graves:

a) Constitúen infraccións moi graves:

1º. A resistencia, coacción ou ameaza a autoridade municipal, funcionarios e axentes en cumprimento das súas funcións.

2º. A reincidencia en infraccións graves. Enténdese que existe reincidencia pola comisión no termo dun ano dunha infracción grave, cando así fose declarado por resolución firme.

b) Constitúen infraccións graves:

1º. A negativa a subministrar información a autoridade municipal, funcionarios e axentes en cumprimento das súas funcións.

2º. A realización de plantacións nos solos urbano, urbanizable e de núcleo rural.

3º. A non retirada das plantacións ou a non adecuación plantacións ás distancias establecidas no CAPÍTULO II no prazo establecido no requirimento municipal.

4º. A reincidencia en infraccións leves. Enténdese que existe reincidencia pola comisión no termo dun ano dunha infracción leve, cando así fose declarado por resolución firme.

c) Constitúen infraccións leves:

1º. Non proceder á xestión da biomasa cos criterios regulados nesta ordenanza, sempre que non teña a consideración de infracción grave de acordo co establecido no artigo anterior.

2.- As infraccións en materia de actividades forestais clasifícanse en leves, graves e moi graves:

a) Constitúen infraccións moi graves:

1º. A realización das actividades forestais sen o previo depósito da garantía no importe que corresponda.

2º. Non proceder á reparación dos danos e/ou limpeza dos restos forestais dentro do prazo sinalado de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte da notificación do requirimento municipal.

b) Constitúen infraccións graves:

1º. Non achegar a documentación requirida antes de efectuar a tala da madeira, sempre que non se trate da formalización do depósito de garantía que terá a consideración de infracción moi grave.

2º. Non achegar ou falsear os datos que se esixen segundo o artigo 6 desta ordenanza.

3º. A non comunicación da tala por parte do madeireiro no prazo de 15 días hábiles previo aos inicios dos traballos.

4º. A reincidencia na comisión de dúas infraccións leves da mesma natureza, no prazo dun ano.

5º. A realización dos traballos de tala sendo denegada previamente a utilización da vía pública para a realización dos mesmos.

c) Constitúen infraccións leves:

1º. O incumprimento polo propietario do monte ou parcela da obriga de identificar ao madeireiro.

2º. Calquera acción ou omisión que infrinxa as disposicións desta ordenanza no relativo as actividades forestais e non estea tipificada expresamente nela como moi grave ou grave.

Artigo 13º.- Sancións

As infraccións administrativas sancionaranse con multa nas seguintes contías:

a)    Infracción leve: ata 750 euros.

b)    Infracción grave: de 751 a 1500 euros.

c)    Infracción moi grave: de 1501 a 3000 euros.

Artigo 14º.- Multas coercitivas e execución subsidiaria

1.- A imposición das sancións pecuniarias anteriormente sinaladas, non eximirá aos responsables dos feitos de repoñer a realidade física alterada, e de realizar os traballos de reparación e/ou limpeza que a tal fin sexan sinalados na resolución que poña fin ao procedemento sancionador.

2.- Con este fin, no relativo as obrigas establecidas no CAPÍTULO II, de acordo co establecido no artigo 53.bis da Lei 3/2007 do 9 de abril, no caso de non procederse á reparación, procederase á imposición de multas coercitivas por importe de ata o 20% da multa fixada pola infracción cometida, reiterables por lapsos de tempo  suficientes para cumprir o ordenado, ou, de ser o caso, acordar a execución subsidiaria de acordo co establecido na lexislación de aplicación.

Artigo 15º.- Criterios para a gradación das sancións.

1.    En materia de xestión de biomasa e plantacións, os criterios para a gradación das sancións serán os previstos no artigo 52 da Lei 3/2007 do 9 de abril.

a.    A superficie afectada e o valor atribuído a cada tipo de cobertura vexetal.

b.    A adopción inmediata e eficaz de medidas tendentes a diminuír o dano ou prexuízo ocasionado.

c.    A diferente consideración da época de perigo, zonas de risco e índice de risco diario de incendio forestal, na data da comisión da infracción.

d.    A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.

e.    A intencionalidade.

f.     A situación de risco creado para as persoas ou os bens.

g.    O ánimo de lucro.

h.    Os prexuízos causados e a irreversibilidade dos mesmos.

i.      A transcendencia social,  medioambiental ou paisaxística.

j.      A agrupación ou organización para cometer a infracción.

k.    Que a infracción fora cometida en zona queimada ou declarada como de especial risco de incendios.

l.      A reincidencia na comisión dunha infracción das contempladas no CAPÍTULO II no último ano. O prazo comezará a contarse dende o día seguinte a aquel no que adquirise firmeza na resolución en vía administrativa.

2.    Para a determinación da contía da sancións polas infraccións cometidas en materia de actividades forestais, teranse en conta as seguintes circunstancias:

a.    A existencia de intencionalidade ou reiteración entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.

b.    A natureza dos danos causados.

c.    A reincidencia na comisión dunha infracción das contempladas no CAPÍTULO III no último ano. O prazo comezará a contarse dende o día seguinte a aquel no que adquirise firmeza na resolución en vía administrativa.

d.    A transcendencia social da infracción.

Artigo 16º.- Competencia sancionadora

A competencia para a iniciación e resolución dos expedientes sancionadores polas infraccións a esta ordenanza, corresponde as persoas titulares da Alcaldía.

Artigo 17º.- Prescrición das infraccións.

1.    As infraccións previstas na presente ordenanza prescribirán nos prazos seguintes:

a.    As infraccións leves, ao ano.

b.    As infraccións graves, aos 3 anos.

c.    As infraccións moi graves, aos 5 anos.

2.    O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse dende o día no que a infracción se cometese ou dende que se tivese coñecemento da súa comisión.

Interrompe a prescrición da infracción a incoación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, reanudándose o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado mais dun ano por causa non imputable ao presunto responsable.

3.    No caso de infraccións continuadas, o inicio do prazo de prescrición comezará a contarse dende que cesase a súa comisión.

4.    No caso de concorrencia de infraccións leves, graves e moi graves, ou cando algunha destas infraccións fose medio necesario para cometer outra, o prazo de prescrición é o establecido para a infracción mais grave das cometidas.

5.    Nas infraccións permanentes, o prazo de prescrición non comezará a computarse ata que cesase a situación infractora. A estes efectos, enténdese que existe unha infracción permanente cando unha actividade concreta produce efectos que perduran no tempo. Considéranse, así mesmo, comprendidas dentro das infraccións permanentes as infraccións por omisión no que o incumprimento nun determinado momento dunha obriga produce efectos permanentes.

DISPOSICION TRANSITORIA

As plantacións existentes á entrada en vigor desta ordenanza dispoñen dun prazo de 3 meses para adaptarse ao establecido no artigo 5º desta ordenanza.

Disposición Final.

De acordo co establecido nos artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/85, do 02 de abril, reguladora das bases de réxime local, a presente ordenanza entrará en vigor ós quince días hábiles da súa publicación completa no Boletín Oficial da Provincia, unha vez aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación ou cando, transcorrido o prazo de exposición pública sen presentarse alegacións se entenda definitivo o acordo ata entón provisional.

ANEXO I

Ameneiro: Alnus glutinosa (L.) Gaertn.

Pradairo: Acer pseudoplatanus L.

Bidueiro: Betula sp.

Freixo: Fraxinus excelsior L.

Freixa: Fraxinus angustifolia Vahl.

Castiñeiro: Castanea sativa Mill.

Castiñeiro híbrido: Castanea x híbrida (resistente tinta)

Cerdeira: Prunus aviun L.

Carballo: Quercus robur L.

Cerquiño: Quercus pyrenaica Will.

Sobreira: Quercus suber L.

Carballo albar: Quercus petraea (Matts) Liebl.

Aciñeira: Quercus ilex L. ssp. ballota (Desf.) Samp.

Quercus rotundifolia Lam.

Abeleira: Corylus avellana L.

Faia: Fagus sylvatica L.

Umeiro: Ulmus glabra Huds.

Ulmus minor Miller.

Loureiro: Laurus nobilis L.

Sorbeira do monte: Sorbus aria L.

Capudre: Sorbus aucuparia L.

Nogueira: Juglans regia L.

Érbedo: Arbutus unedo L.