ORDENANZA REGULADORA DE LA PUBLICIDAD EXTERIOR EN EL TÉRMINO MUNICIPAL DE NARÓN ORDENANZA REGULADORA DE LA PUBLICIDAD EXTERIOR EN EL TÉRMINO MUNICIPAL DE NARÓN
Publicado por ADPFC el
TEXTO DE LA ORDENANZA REGULADORA DE LA PUBLICIDAD EXTERIOR EN EL TÉRMINO MUNICIPAL DE NARÓN (BOP Nº 158 DE 21 DE AGOSTO DE 2018)
ORDENANZA REGULADORA DA PUBLICIDADE EXTERIOR NO TERMO MUNICIPAL DE NARÓN
OBXECTO E FINALIDADE DA ORDENANZA
A presente ordenanza ten por obxecto a regulación detallada das condicións esixibles ás instalacións publicitarias perceptibles desde os espazos públicos no noso termo municipal, do réxime xurídico aplicable aos actos de publicidade e o réxime sancionador das infraccións aos seus preceptos.
Establécense como principais finalidades da norma a adecuación desas instalacións aos diferentes usos do solo, a minimización do seu impacto na paisaxe urbana e natural, o mantemento das condicións de seguridade e ornato esixibles, o respecto aos bens que integran o noso patrimonio cultural, a correcta utilización dos bens municipais e a visibilidade e seguridade do tráfico rodado e a dos viandantes.
CONTIDO, ÁMBITO MATERIAL DE APLICACIÓN E ALCANCE
Formalmente, a parte dispositiva da ordenanza divídese en 49 artigos, agrupados en 10 títulos, cos seus correspondentes capítulos, conforme co seguinte esquema:
Título I ......... Disposicións xerais
Título II ........ Características dos soportes e localizacións
Título III ....... Cualificación tipolóxica do solo
Título IV ....... Publicidade sobre soportes situados en solo de titularidade pública
Título V ........ Publicidade en edificios
Título VI ....... Publicidade en obras
Título VII ...... Publicidade en soares ou terreos urbanos sen edificar
Título VIII…..Elementos verticais tipo “tótem” ou monopostes
Título IX ....... Publicidade en terreos sen edificar en tramos non urbanos.
Título X ........ Réxime xurídico dos actos de publicidade
A súa parte final divídese en 1 disposición adicional, 2 disposicións transitorias, 1 derrogatoria e 2 disposicións finais.
A ordenanza será de aplicación a toda actividade publicitaria que utilice como vehículo transmisor da mensaxe medios materiais de diversa índole, susceptibles de atraer a atención de cantas persoas se atopen en espazos abertos, transiten pola vía pública, circulen por vías de comunicación, utilicen medios privados ou colectivos de transporte e, en xeral, permanezan ou discorran en lugares ou ámbitos de utilización común.
Non obstante o anterior, regularanse pola súa normativa propia a publicidade electoral e a publicidade aérea.
No tocante ao alcance da ordenanza, os soportes publicitarios instalados que conten con título habilitante de natureza urbanística no momento da súa entrada en vigor poderán manterse ata a fin da vixencia daquela, sen que sexa posible a concesión de renovacións ou prórrogas ao abeiro da normativa anterior. Logo de transcorrer ese período, aplicarase na súa integridade o réxime disciplinario que esta ordenanza establece.
Por último, desde a propia ordenanza dáse cobertura específica á posibilidade de que o Concello subscriba convenios de colaboración con entidades e institucións públicas ou privadas nos que se fixen as características e condicións dos soportes publicitarios permisibles durante a execución de obras de limpeza, mantemento ou rehabilitación de inmobles.
Preténdese con esta medida propiciar a rehabilitación do patrimonio edificado, mellorar as condicións de ornato durante a execución das obras e contribuír á divulgación de determinadas expresións artísticas, culturais, medioambientais, etc.
CARÁCTER
Trátase dunha ordenanza de carácter eminentemente urbanístico, en tanto que disciplina os diferentes actos ou manifestacións da actividade publicitaria como actos de uso do solo ou do voo. Non obstante, esta consideración debe entenderse en sentido amplo, comprensivo doutros valores que o ordenamento urbanístico tamén debe protexer, como a seguridade viaria, a estética urbana ou a protección medioambiental.
COMPETENCIAS MUNICIPAIS
Dítase esta ordenanza de acordo coa potestade recoñecida ás corporacións locais de intervir na actividade dos cidadáns a través de ordenanzas e do sometemento ao previo título habilitante de natureza urbanística e coa habilitación legal con que conta o Excmo. Concello de Narón para exercer competencias en materias tales como a disciplina urbanística, o patrimonio histórico-artístico, a protección do medio ambiente ou a ordenación do tráfico de vehículos e persoas nas vías urbanas.
Estarán sometidos ao título habilitante de natureza urbanística municipal todos os actos de instalación de elementos de publicidade exterior aos que se refire esta ordenanza, nas condicións sinaladas no seu título X.
TÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
ARTIGO 1. OBXECTO E ÁMBITO XERAL DE APLICACIÓN
1.1. A presente ordenanza ten por obxecto regulamentar as condicións ás que haberán de someterse as instalacións publicitarias perceptibles desde os espazos públicos no termo municipal de Narón.
1.2. En consecuencia, quedará sometida ás normas desta ordenanza toda actividade publicitaria que utilice como vehículo transmisor da mensaxe medios materiais de diversa índole, susceptibles de atraer a atención de cantas persoas se atopen en espazos abertos, transiten pola vía pública, circulen por vías de comunicación, utilicen medios privados ou colectivos de transporte e, en xeral, permanezan ou discorran en lugares ou ámbitos de utilización común.
ARTIGO 2. LÍMITES E PROHIBICIÓNS XERAIS
2.1. A actividade publicitaria evitará a incidencia negativa sobre o contorno, os seus elementos naturais ou naturalizados, con especial atención a aquelas áreas máis sensibles conforme coas determinacións da normativa xeral ou dos instrumentos de planeamento aplicables.
2.2. Conforme co previsto na actual Ordenanza municipal de residuos e limpeza viaria do Concello de Narón, prohíbese a publicidade incontrolada a base de carteis, folletos, adhesivos, etiquetas, etc., fixada sobre paramentos de edificios, árbores, monumentos, obras e vías públicas ou elementos de mobiliario urbano, resultando de aplicación o réxime sancionador establecido nesa ordenanza.
2.3. Tamén serán de aplicación as limitacións e condicións xerais establecidas nas lexislacións sectoriais, na lexislación urbanística, na de ordenación do territorio e no planeamento urbanístico.
2.4. Con carácter xeral non serán admisibles as actividades publicitarias que polo seu obxecto, forma ou contido sexan contrarias ás leis e, en todo caso, as definidas como ilícitas na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade.
ARTIGO 3. CONVENIOS DE COLABORACIÓN
Coa finalidade de fomentar a rehabilitación e divulgación do patrimonio histórico-artístico e cultural na cidade, o Concello poderá subscribir convenios de colaboración con entidades e institucións públicas e privadas, nos que se fixarán as características das instalacións publicitarias permitidas durante a execución das obras de limpeza, mantemento ou rehabilitación dos inmobles (por exemplo, lonas de protección decoradas) e as demais condicións aplicables.
ARTIGO 4. RÉXIME TRIBUTARIO
Para os efectos tributarios, a publicidade e os seus soportes gravaranse de acordo co disposto nas correspondentes ordenanzas fiscais que aprobe o Concello.
ARTIGO 5. SUPOSTOS ESPECIAIS
5.1. Reparto de publicidade impresa.
Permitirase o reparto individualizado de propaganda ou información escrita, mostras e obxectos na vía pública.
O Concello poderá esixir un aval ou fianza para a limpeza das beirarrúas e beiravías do contorno no que se leve a cabo o reparto, axustándose ao disposto na Ordenanza municipal de residuos e limpeza viaria do Concello de Narón.
5.2. Publicidade electoral.
5.2.1. A publicidade electoral axustarase, con carácter xeral, ó disposto na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, ou norma que a substitúa. No termo municipal de Narón será tamén de aplicación o disposto na Ordenanza municipal de residuos e limpeza viaria do Concello de Narón sobre a realización de actos de propaganda e publicidade impresa en períodos electorais.
5.2.2. Fóra dos lugares especialmente sinalados polo Concello para a colocación gratuíta de carteis, adhesivos ou calquera outro tipo de elementos publicitarios semellantes, os partidos, asociacións, coalicións, federacións ou candidaturas unicamente poderán colocalos nos espazos comerciais permitidos.
5.2.3. O uso de megafonía nas campañas electorais rexerase polo disposto na lexislación específica na materia.
5.3. Publicidade aérea.
5.3.1. A publicidade aérea, entendendo por tal as mensaxes publicitarias que se sitúen ou difundan desde aparellos ou artefactos autosustentados no aire, ben sexan fixos ou móbiles, rexerase pola súa normativa específica ou disposicións que no futuro se diten en substitución destas. En consecuencia, precisarán da autorización da administración competente na materia.
5.3.2. A publicidade realizada mediante globos estáticos ou cativos só se permitirá cando estes se sitúen de forma integrada no interior da parcela, de xeito que o globo, xunto cos seus elementos de sustentación e ancoraxe, non exceda o perímetro daquela.
5.3.3. En ningún caso se permitirá o lanzamento desde eses soportes e sobre a cidade de publicidade impresa.
5.4. Publicidade en festas populares.
5.4.1. O Concello poderá adoptar as disposicións especiais que considere oportunas para regulamentar a publicidade durante as festas populares, de tal xeito que se causen os menores inconvenientes á cidadanía.
5.4.2. En todo caso, a entidade interesada, sendo esta en principio a mesma que colocou a publicidade, deberá retirar os elementos publicitarios unha vez rematado o período festivo. Para o caso de que así non o fixese no prazo de 8 días e previo requirimento, serán retirados polos servizos municipais por conta do titular da publicidade.
5.5. Publicidade extraordinaria.
5.5.1. Con carácter excepcional, o Concello poderá admitir transitoriamente a instalación ou o desenvolvemento de determinadas actividades publicitarias directamente relacionadas coa celebración de acontecementos de especial significación cidadá, como campañas institucionais de carácter temporal, certames culturais ou deportivos, feiras e congresos, etc., aínda que non sexan tratadas ou expresamente permitidas por esta ordenanza.
5.5.2. En todo caso, deberase garantir o cumprimento das finalidades principais da ordenanza; en especial as relativas ás condicións de seguridade esixibles e á correcta utilización dos bens municipais.
TÍTULO II
CARACTERÍSTICAS DOS SOPORTES E LOCALIZACIÓNS
ARTIGO 6. CARACTERÍSTICAS
6.1 Os deseños e construcións dos soportes publicitarios, os seus elementos e estruturas de sustentación, así como o seu conxunto, deberán reunir as suficientes condicións de calidade e seguridade, mesmo en condicións atmosféricas adversas.
6.2. Os materiais utilizados deberán garantir a boa conservación dos soportes publicitarios durante todo o período de vixencia do título habilitante de natureza urbanística.
6.3. Os soportes que se destinen a recibir papel pegado deberán contar cun marco perimetral que impida o desprazamento dos adhesivos utilizados. A profundidade total do soporte, incluído o dito marco, non excederá os 0,30 metros.
6.4. Procurarase favorecer a substitución dos actuais sistemas estruturais de configuración para o soporte dos valos publicitarios por outras solucións de deseño máis acaído que permitan unha menor ocupación do espazo e un mellor acabado do conxunto con soportes estruturais de pouca sección e a posibilidade de carenado posterior do conxunto ao non dispoñerse elementos oblicuos de reforzo estrutural.
ARTIGO 7. SUPERFICIES
7.1. A superficie publicitaria admisible virá definida en función do tipo de soporte, lugar de localización e tipoloxía zonal. Esta superficie poderá ser explotada libremente polo posuidor do título habilitante de natureza urbanística. Se este decidise non explotar a totalidade desta superficie autorizada ou comunicada, estará obrigado a colocar, nas zonas non ocupadas por instalacións publicitarias, e ata completar os límites da dita autorización ou comunicación, elementos de carácter decorativo que respecten a estética do contorno.
7.2. A non ser no caso de tratamentos integrais de paredes medianeiras, non se permitirá a fixación de carteis.
7.3. Para os efectos de medición de alturas, esta realizarase desde a rasante da beirarrúa ou terreo. No caso de vías con pendente, medirase desde o punto medio do soporte publicitario.
ARTIGO 8. PROHIBICIÓNS
8.1. Non se permitirán as instalacións publicitarias que pretendan situarse en edificios declarados «Bens de Interese Cultural», nos catalogados singularmente conforme coa normativa reguladora do patrimonio cultural e nos catalogados no planeamento urbanístico ou recollidos nos instrumentos de ordenación do territorio, ou no contorno ou zonas de protección destes, sen a previa autorización do organismo competente da Xunta de Galicia.
8.2. Non se tolerarán as que produzan graves distorsións da paisaxe urbana ou natural, quedando expresamente prohibida, a publicidade estática que, polas súas dimensións, localización ou colorido non cumpra as prescricións legais de acordo coa lexislación urbanística, sobre ordenación do territorio e o planeamento urbanístico. As lonas ou calquera outro elemento ou material fixo que deban colocarse con motivo de operacións de limpeza ou arranxo de fachadas, axustaranse ás condicións establecidas no artigo 22 desta ordenanza.
8.3. Igualmente non será admisible a instalación de soportes publicitarios que pola súa forma, cor, deseño ou inscricións poidan ser confundidos cos sinais regulamentarios de tráfico, impidan a visibilidade ou produzan cegamento aos conductores de vehículos e aos peóns ou en lugares onde poidan prexudicar ou obstaculizar o tráfico rodado ou a seguridade dos viandantes. Igualmente, cando impidan a visibilidade dalgún soporte previamente autorizado ou comunicado.
8.4. Cando as instalacións produzan limitacións das luces ou vistas dos predios urbanos do inmoble ou lidantes nunha distancia de 20 metros ou molestias aos seus ocupantes, será requisito indispensable acreditar, mediante documento fidedigno, a expresa aceptación polos afectados de tales limitacións ou molestias.
8.5. Tampouco serán admisibles:
8.5.1. A instalación de soportes publicitarios en lugares non permitidos de acordo coa lexislación urbanística, sobre ordenación do territorio e o planeamento urbanístico ou coa normativa sectorial de aplicación: estradas, costas, medio ambiente, patrimonio cultural, etc.
En particular, fóra dos tramos urbanos das estradas estarase ao disposto na regulación establecida na lexislación estatal e autonómica en materia de estradas.
8.5.2. A instalación de soportes publicitarios nas proteccións e paramentos fixos das infraestruturas urbanas.
8.5.3. Os elementos e instalacións publicitarias constituídas por materiais combustibles situadas a menos de 50 metros de zonas forestais ou con abundante vexetación, sen menoscabo do establecido na lexislación sectorial.
8.5.4. As instalacións publicitarias que poidan afectar á accesibilidade, á habitabilidade, á salubridade ou á seguridade dos inmobles.
8.5.5. As instalacións publicitarias que pretendan situarse en zonas que, atendendo ao número e características daquelas, se cualifiquen como «saturadas de publicidade exterior», mediante acordo municipal.
ARTIGO 9. SOPORTES PUBLICITARIOS ADMISIBLES E NON ADMISIBLES
9.1. Nos títulos IV a IX desta ordenanza indícanse as condicións para que un soporte publicitario sexa admisible en función do seu tipo, características e localización.
9.2. En principio, calquera outro posible caso fóra dos indicados considerarase non admisible.
9.3. Non obstante, o Concello poderá autorizar ou admitir soportes publicitarios non expresamente previstos na ordenanza como poden ser os vencellados co emprego de novas tecnoloxías, obxectos singulares ou formas corpóreas sobre carteleiras sempre que, de acordo coa documentación achegada polos interesados, se garanta a calidade formal da solución proposta e o cumprimento tanto do réxime de prohibicións como das finalidades principais da ordenanza.
TÍTULO III
CUALIFICACIÓN TIPOLÓXICA DO SOLO
ARTIGO 10. ZONIFICACIÓN
Para os efectos fiscais desta ordenanza, establécese a seguinte clasificación de vías de circulación do termo municipal de Narón:
ZONA 1 |
Autoestrada AP-9 e as súas vías de acceso e saída |
Autovía AG-64 e as súas vías de acceso e saída |
FE-11 |
FE-12 |
Estrada de Castela (AC-862) |
Estrada de Cedeira (AC-566) |
Polígono industrial da Gándara |
Polígono industrial do Río do Pozo |
Polígono industrial das Lagoas |
ZONA 2 |
Rúas da zona urbana |
Estrada Ferrol-Valdoviño por Meirás (AC-116) |
Estrada A Carreira-San Sadurniño (AC-112) |
Estrada Cruce de Baltar-Convento (AC-114) |
Estrada Vista Alegre-Igrexafeita (AC-125) |
N-655 (porto exterior) |
ZONA 3 |
Estradas, pistas e camiños públicos da zona rural e zona urbana non recollidos nos apartados anteriores. |
TÍTULO IV
PUBLICIDADE SOBRE SOPORTES SITUADOS EN SOLO DE TITULARIDADE PÚBLICA
ARTIGO 11. RÉXIME XERAL
11.1. Toda publicidade que pretenda utilizar soportes situados ou que voen sobre solo de titularidade municipal, será obxecto de concurso convocado polo Concello e rexerase polos pregos de condicións e características da adxudicación.
11.2. Non estarán comprendidos no parágrafo anterior os soportes situados sobre cerramentos de obras previstos no artigo 21, dado o carácter provisional destas instalacións; razón pola que poderán ser obxecto do título habilitante de natureza urbanística correspondente.
11.3. As instalacións publicitarias sobre soportes de mobiliario urbano suxeitaranse ao disposto na súa regulamentación específica.
11.4. Queda prohibida con carácter xeral a utilización dos báculos de iluminación pública como soportes publicitarios, calquera que sexa o carácter da publicidade que se pretendese instalar neles.
ARTIGO 12. VEHÍCULOS E REMOLQUES PUBLICITARIOS
Non está permitida dentro do termo municipal a utilización con fins publicitarios de vehículos ou remolques, a non ser que estean especialmente deseñados para esta actividade e sempre e cando esta non se realice mediante estacionamento ou aparcamento do vehículo ou remolque.
ARTIGO 13. BANDEIROLAS
As denominados «bandeirolas» situadas nas fachadas de edificios, aínda que voan sobre solo de titularidade pública, rexeranse, para os efectos desta ordenanza, polas normas do planeamento urbanístico municipal aplicables en cada caso.
ARTIGO 14. PUBLICIDADE DIRECCIONAL
14.1. Os carteis indicativos ou de sinalización direccional con mención de marcas, distintivos, logotipos ou nomes de establecementos non son admisibles en solo de titularidade pública, como tampouco a utilización de sinais de circulación ou rótulos viarios para incluír tal tipo de mensaxes.
14.2. Non terán esa consideración os indicadores informativos direccionais que teñan unicamente por finalidade sinalar a localización de servizos públicos da Administración ou os accesos a eles, ou das instalacións, equipamentos e servizos de interese xeral da cidade.
TÍTULO V
PUBLICIDADE EN EDIFICIOS
ARTIGO 15. SUPOSTOS
Para os efectos desta ordenanza, consideraranse os seguintes supostos de utilización de edificios como elementos de fixación do soporte publicitario:
a) Bandeirolas
b) Publicidade en coroación de edificios
c) Publicidade en paredes medianeiras
d) Superficies publicitarias non ríxidas sobre fachadas
e) Rótulos ou carteis informativos
ARTIGO 16. BANDEIROLAS
As denominadas “bandeirolas”, con mensaxes fixas ou variables co tempo, situadas nas fachadas de edificios, rexeranse, para os efectos desta ordenanza, polas normas do planeamento urbanístico municipal aplicable en cada caso.
ARTIGO 17. PUBLICIDADE EN COROACIÓN DE EDIFICIOS
A publicidade en coroación de edificios non poderá superar o volume máximo do sólido capaz establecido no Plan xeral de ordenación municipal.
Excepcionalmente, e sempre que o proxecto de obras xustifique e garanta a súa adecuada integración, poderá admitirse a publicidade solicitada simultaneamente coa obtención do título habilitante de natureza urbanística para a execución da obra. Respectarase, en todo caso, as limitacións para as azoteas e para os lucernarios establecidas no planeamento, e as limitacións determinadas no Decreto de habitabilidade de Galicia relativas ás condicións de vivenda exterior.
Asemade respectaranse as seguintes limitacións e condicións:
a) Presentarase un estudo de integración paisaxística para a valoración da viabilidade da actuación.
b) As superficies publicitarias luminosas deberán ser construídas de forma tal que tanto de día como de noite se respecte a estética do predio sobre o que se sitúen e a do contorno, así como a perspectiva desde a vía pública, coidando especialmente o seu aspecto cando non están iluminadas.
c) A súa iluminación será por medios eléctricos integrados e non por proxección luminosa sobre unha superficie.
d) Estes soportes publicitarios non deberán producircegamento, fatiga ou molestias visuais nin inducir a confusión con sinais luminosos de tráfico, debendo cumprir, así mesmo, coa normativa sobre balizamento para a navegación aérea.
e) En ningún caso alterarán as condicións construtivas ou de evacuación en edificios que teñan prevista unha vía de escape de emerxencia a través da terraza.
f) Son admisibles os anuncios luminosos con mensaxe ou efectos visuais variables obtidos por procedementos exclusivamente eléctricos ou electrónicos, non así os dotados de movemento por procedementos mecánicos.
g) A superficie opaca do anuncio non poderá exceder o 25 por 100 do total da superficie publicitaria e non existirán zonas deste a menos de 15 metros de ocos de ventás de edificios habitados (distancia real, non en proxección). Para estes efectos, non se considerarán os ocos de ventá situados no plano vertical do anuncio.
h) O Concello poderá fixar limitacións de horario de acendido ou suprimir os efectos luminosos cando existan reclamacións xustificadas de veciños residentes en vivendas próximas.
i) En edificios exclusivos de carácter oficial, sanitario, relixioso ou docente, non se admiten estes soportes publicitarios. Non terán esta consideración os meramente identificativos de tales edificios ou das súas actividades propias.
j) Non se admitirá a publicidade en coroación de edificios en solo de núcleo rural e solo rústico.
ARTIGO 18. PUBLICIDADE EN PAREDES MEDIANEIRAS
18.1. En medianeiras requirirase un estudo de adecuación de toda a superficie de medianeiras (estudo de integración paisaxística). A superficie publicitaria proxectada (mediante carteis, inscricións ou debuxos, etc.) integrarase no tratamento global de todo o paramento de forma que se melloren as condicións estéticas e medioambientais do conxunto.
18.2. As paredes medianeiras formadas como consecuencia de diferenzas de alturas na edificación por razóns de planeamentos urbanísticos, levarán a mesma consideración.
18.3. En ningún caso o plano exterior do soporte publicitario ou dalgún dos seus compoñentes poderá exceder de 0,30 metros sobre o plano da medianeira.
ARTIGO 19. SUPERFICIES PUBLICITARIAS NON RÍXIDAS SOBRE FACHADAS
Os soportes publicitarios non ríxidos sobre fachadas tales como lonas decoradas, etc., só serán admisibles en fachadas de edificios sen ocos, de maneira xustificada, así como en edificios desocupados na súa totalidade, para o que será necesario presentar un estudo de integración paisaxística para a valoración da súa viabilidade.
ARTIGO 20. RÓTULOS OU CARTEIS INFORMATIVOS
Os carteis ou rótulos que nos predios sobre os que teñan título legal suficiente sirvan para indicar a denominación social de persoas físicas ou xurídicas ou o exercicio de actividade mercantil, industrial, profesional ou de servizos a que estas se dediquen e non teñan finalidade estritamente publicitaria, rexeranse, cando se sitúen en edificios, polas normas do planeamento urbanístico municipal para os denominados rótulos, entendendo por tales os anuncios ou rótulos paralelos ao plano de fachada.
TÍTULO VI
PUBLICIDADE EN OBRAS
ARTIGO 21. CONDICIÓNS XERAIS
21.1. Para os efectos desta ordenanza, as obras susceptibles de servir para colocar publicidade serán as de nova planta, remodelación total ou derruba de edificios, así como as obras de arranxo de fachadas que precisen da instalación de andamios de protección.
21.2. En todo caso, as obras deberán contar previamente co título habilitante de natureza urbanística en vigor e a publicidade nelas só será admisible durante a súa duración. Se as obras quedasen paralizadas por un tempo superior ao previsto na normativa urbanística ou fosen paralizadas polo Concello, este poderá esixir a desmontaxe dos soportes publicitarios instalados.
21.3. Deberá levarse a cabo un estudo de integración paisaxística arquitectónica de adecuación ao contorno, procurando a integración da publicidade no conxunto a realizar.
ARTIGO 22. CARACTERÍSTICAS DOS SOPORTES
22.1. Os soportes publicitarios en obras non poderán sobresaír do plano do valo de obras ou andamios.
22.2. No caso de soportes para papel pegado ou pintura, a altura máxima destes será de 5,50 metros sobre a rasante do terreo.
22.3. Admítense os soportes publicitarios non ríxidos situados sobre estruturas de andamios, que deberán cubrir a totalidade da liña de fachada, tendo como limitacións a altura do futuro edificio e a calidade formal do seu deseño.
22.3.1. En xeral, consideraranse aceptables aqueles deseños que se limiten a reproducir idealmente as fachadas dos inmobles sobre os que se actúa e nos que o contido estritamente publicitario do soporte non faga desmerecer, pola súa superficie ou estética, a calidade formal da solución proposta.
22.3.2. En caso de dispor de iluminación, os aparellos situaranse na coroación do soporte publicitario, responderán a unha solución uniforme e homoxénea e soamente poderán sobresaír do plano do valo un máximo de 1 metro, sen que poidan situarse en ningún punto sobre a vía pública ou espazo a menos de 3,5 metros da súa rasante ou nivel.
22.3.3. Ademais, e en relación coas condicións de seguridade destes soportes, esixirase en particular o cumprimento do disposto no artigo 38.i desta ordenanza.
ARTIGO 23. CARTEIS INFORMATIVOS
23.1. Os carteis ou rótulos que nos predios en obras sobre os que teñan título habilitante de natureza urbanística sirvan para indicar a denominación social de persoas físicas ou xurídicas ou a clase de obra de que se trata e non teñan unha finalidade estritamente publicitaria, cumprirán as condicións xerais dos soportes publicitarios nestas localizacións.
23.2. En todo caso e salvo previsión normativa distinta, os carteis deberán ser retirados tan pronto como rematen as obras.
TÍTULO VII
PUBLICIDADE EN SOARES OU TERREOS URBANOS SEN EDIFICAR
ARTIGO 24. LOCALIZACIÓNS PERMITIDAS
Para os efectos desta ordenanza, os predios sen edificar susceptibles para a colocación de anuncios publicitarios serán os que se acredite que reúnen as debidas condicións de seguridade, salubridade, limpeza e ornato.
ARTIGO 25. CONDICIÓNS DE LOCALIZACIÓN
25.1. Os soportes publicitarios neste tipo de localizacións instalaranse sobre o regulamentario cerramento opaco do predio e sempre na aliñación oficial.
25.2. Exceptúanse os casos nos que a aliñación forme esquina a dúas rúas, nos que se admitirá que o soporte poida desprazarse dentro da aliñación ata un máximo de 4 metros do vértice.
25.3. Situaranse sobre o cerramento de separación coa vía pública e non sobre os divisorios con predios lindantes.
25.4. Para os efectos da explotación publicitaria, non poderán parcelarse zonas parciais dun predio, polo que tan só poderán obterse títulos habilitantes de natureza urbanística para instalacións publicitarias a un solicitante en cada predio catastralmente independente.
ARTIGO 26. CARACTERÍSTICAS DOS SOPORTES
26.1. A superficie publicitaria máxima será de 24 metros cadrados por cada 10 metros de liña de fachada do predio, debendo cubrirse mediante láminas ou celosía os espazos non ocupados pola publicidade, de modo que se cree unha superficie continua.
26.2. A altura máxima dos soportes nestas localizacións será de 5,50 metros, agás nos casos en que, pola escasa lonxitude da fachada, sexa preferible a instalación dun só valo de formato vertical de 4 x 6 nos que a altura máxima virá condicionada polo propio valo.
ARTIGO 27. CARTEIS INFORMATIVOS
Os carteis ou rótulos que en predios sen edificar sobre os que teñan título legal suficiente sirvan para indicar a denominación social de persoas físicas ou xurídicas ou o exercicio de actividade mercantil, industrial, profesional ou de servizos a que estas se dediquen e non teñan finalidade estrictamente publicitaria, cumprirán as condicións xerais dos soportes publicitarios nestas localizacións, sen que poidan exceder os 24 metros cadrados de superficie total por localización.
TÍTULO VIII
ARTIGO 28. ELEMENTOS VERTICAIS TIPO TÓTEM OU MONOPOSTES
28.1 Enténdese por elementos de publicidade tipo “tótem” aqueles elementos verticais, illados ou non da edificación, que no seu corpo publiciten actividades ou usos.
28.2 Colocaranse no interior da parcela, nas áreas de retranqueo sen impedir o paso a vehículos nin peóns. As condicións de altura serán as establecidas nas ordenanzas urbanísticas correspondentes.
28.3 En ningún caso poderá voar sobre vía pública ningún elemento do tótem.
TÍTULO IX
PUBLICIDADE EN TERREOS SEN EDIFICAR EN TRAMOS NON URBANOS
ARTIGO 29. LOCALIZACIÓNS PERMITIDAS
O réxime de usos e autorizacións serán os fixados na lexislación urbanística, sobre ordenación do territorio e o planeamento urbanístico, con especial relevancia da lexislación de estradas nos terreos adxacentes a estes.
ARTIGO 30. CARACTERÍSTICAS DOS SOPORTES
30.1. A superficie publicitaria máxima será de 150 metros cadrados por cada 100 metros liñais de fachada do terreo coa vía.
30.2. A distancia mínima entre agrupacións de soportes publicitarios será de 50 metros en calquera dirección.
30.3. A altura máxima do soporte publicitario sobre a rasante do terreo xunto á vía de circulación será fixada mediante a seguinte táboa en función da distancia da súa parte máis próxima á beiravía:
Distancia |
< 25 m |
≥25 < 50 m |
≥50 m |
Altura máxima |
5,50 m |
8,50 m |
17 m (monopostes) |
30.4. Esixirase un estudo de integración paisaxística para a valoración da súa viabilidade.
ARTIGO 31. CARTEIS INFORMATIVOS
Os carteis ou rótulos que en terreos sen edificar, sobre os que teñan título legal suficiente, sirvan para indicar a denominación social de persoas físicas ou xurídicas ou o exercicio de actividade mercantil, industrial, profesional ou de servizos a que estas se dediquen e non teñan finalidade estritamente publicitaria, cumprirán as condicións xerais dos soportes publicitarios nestas localizacións, sen que poidan exceder os 24 metros cadrados de superficie total por localización.
TÍTULO X
RÉXIME XURÍDICO DOS ACTOS DE PUBLICIDADE
CAPÍTULO I
NORMAS XERAIS
ARTIGO 32. SUXEICION A TÍTULO HABILITANTE DE NATUREZA URBANÍSTICA
32.1. Todos os actos de instalación de elementos de publicidade exterior, como actos de uso do solo que son, están suxeitos ao correspondente título habilitante de natureza urbanística, sen prexuízo das demais autorizacións esixibles conforme á normativa sectorial aplicable. Tamén estarán suxeitos ao pagamento das exaccións fiscais que procedan.
32.2. Os elementos ou soportes en solo de titularidade pública estarán sometidas a licenza municipal de obras e instalacións, previa autorización ou concesión administrativa do titular do dominio público.
ARTIGO 33. EXCEPCIÓNS
Non necesitarán título habilitante de natureza urbanística municipal:
a) As placas e escudos identificativos de dependencias públicas, sedes de representacións
oficiais estranxeiras, hospitais, clínicas e dispensarios, actividades profesionais e semellantes, colocadas sobre portas de acceso ou preto delas.
b) As bandeiras, bandeirolas ou estandartes e elementos semellantes representativos dos
diferentes países, estados, organismos oficiais, centros culturais, relixiosos, deportivos, políticos, colexios profesionais e centros con actividades semellantes, nos edificios correspondentes.
c) Os anuncios colocados no interior de portas, vitrinas ou escaparates de establecementos
comerciais que se limiten a indicar os horarios de apertura ao público, prezos dos artigos en venda, os motivos dun posible peche temporal, de traslado, liquidacións, rebaixas e otros semellantes, de carácter circunstancial.
d) Os anuncios que se limiten a indicar a situación de venda ou aluguer dun inmoble.
ARTIGO 34. CUMPRIMENTO DA NORMATIVA TÉCNICA
Os actos de publicidade exterior realizados mediante instalacións eléctricas ou mecánicas, ademais da normativa específica, deben acomodarse á reguladora dos medios técnicos que utilicen.
ARTIGO 35. DEBER DE CONSERVACIÓN. ESIXENCIA DE PÓLIZA DE SEGURO E OUTRAS GARANTÍAS
35.1. A persoa física ou xurídica propietaria dos soportes publicitarios está obrigada á súa perfecta conservación e ao cumprimento das normas sobre este tipo de instalacións.
35.2. Ademais, deberá ter subscrito un seguro de responsabilidade civil que cubra os danos que poidan derivarse para terceiros da colocación e explotación dos soportes publicitarios dos que, en todo caso, serán responsables. Para estes efectos, achegarase xunto coa solicitude de licenza ou coa presentación da documentación para a obtención do correspondente título habilitante de natureza urbanística o documento acreditativo da posesión da póliza de seguro indicada, que deberá estar vixente durante toda a duración da actividade publicitaria.
35.3. Sen prexuízo do anterior, o Concello poderá esixir tamén o depósito dunha fianza ou aval que garanta a reposición ou restauración dos elementos da urbanización que a xuízo dos servizos técnicos puidesen resultar afectados ou ben para cubrir os gastos de limpeza subsidiaria das vías e espazos públicos, cando se trate de determinadas actividades publicitarias que poidan causar danos neles.
ARTIGO 36. CONDICIÓNS XERAIS DOS TÍTULOS HABILITANTES DE NATUREZA URBANÍSTICA. ESIXENCIA DE PLACA IDENTIFICATIVA
36.1. Os títulos habilitantes de natureza urbanística adquírense deixando sempre a salvo os dereitos de propiedade concorrentes sobre as respectivas localizacións e sen prexuízo de terceiros.
36.2. Non poderá invocarse o dito título para tratar de excluír ou diminuír dalgunha forma as responsabilidades civís ou penais que deban ser asumidas integramente polos seus titulares ou propietarios das instalacións, mesmo no tocante a calquera defecto técnico da instalación ou para os efectos das mensaxes publicitarias.
36.3. O Concello esixirá que todos os soportes publicitarios teñan colocada, en sitio ben visible, unha placa de identificación numerada na que figure o nome da empresa publicitaria, o número que se lle asigne no correspondente título habilitante de natureza urbanística e a data da súa caducidade.
CAPÍTULO II
DOCUMENTACION E PROCEDEMENTO
ARTIGO 37. SOLICITUDE
A solicitude de licenza ou a presentación da documentación para a obtención do correspondente título habilitante de natureza urbanística para a instalación de soportes de publicidade exterior deberá estar subscrita por persoa física ou xurídica con capacidade legal suficiente en impreso oficial que para o efecto estableza o Concello.
ARTIGO 38. DOCUMENTACIÓN
Xunto coa solicitude ou coa presentación da documentación para a obtención do correspondente título habilitante de natureza urbanística achegarase a documentación requirida no correspondente procedemento, establecido en cada caso na normativa municipal e demais normativa de aplicación, ademais da específica recollida de seguido:
a) Cando os soportes publicitarios deban instalarse sobre o cerramento da parcela, deberá achegarse unha fotocopia da acta de aliñacións oficiais da localización xustificando que o peche existente cumpre coa dita aliñación ou, noutro caso, obter previamente título habilitante de natureza urbanística do peche axustada a esta.
b) Fotografías a cor da localización desde diferentes ángulos e tomadas desde as vías públicas lindantes e dende a parcela nos seus catro ventos, de modo que permitan a súa perfecta identificación e, se é o caso, fotomontaxe do efecto final da actuación.
c) Estudo de integración paisaxística arquitectónica, nos casos previstos nesta ordenanza.
d) De ser o caso, acreditación documental da aceptación polos posibles afectados das limitacións aos dereitos de servidume que correspondan, ou das molestias que as instalacións poidan sopoñer.
e) Xustificación da obtención do correspondente título habilitante de natureza urbanística cando a instalación se efectúe nunha localización onde se estean executando ou se vaian executar obras.
f) Para autorizar a instalación de globos estáticos ou cativos como soportes publicitarios, esixirase un certificado técnico sobre características e calidades, situación, sistema de ancoraxe, elementos que garantan a inamobilidade do elemento e xustificación da debida fortaleza do conxunto, en especial para resistir a acción do vento, así como a autorización da Administración competente.
g) Fotocopia de alta no imposto de actividades económicas ou resgardo de estar ao corrente no pago do imposto por parte do empresario que execute a instalación correspondente, e do anunciante só para o caso de que a actividade anunciada sexa de carácter empresarial, profesional ou artística.
h) Póliza de seguro, segundo o previsto no artigo 35.2 desta ordenanza.
g) As carteleiras publicitarias de toda clase, incluídos valos publicitarios, monopostes, carteleiras mecánicas e carteleiras luminosas ou iluminadas, deberán presentar unha copia do boletín de instalación eléctrica debidamente rexistrado no organismo correspondente.
h) De ser o caso, aval ou fianza que garanta os desperfectos ocasionados no dominio público pola instalación.
i) Cando se trate de instalar soportes publicitarios non ríxidos sobre estruturas de andamios, achegarase unha xustificación de posesión da autorización municipal para a instalación desa estrutura, debéndose prever expecificamente no preceptivo estudo de seguridade e saúde a colocación daqueles soportes e xustificar o cumprimento das condicións de seguridade esixibles unha vez instalados os andamios e o soporte publicitario.
CAPÍTULO III
PRAZOS DE VIXENCIA
ARTIGO 39. PRAZO INICIAL E PRÓRROGAS
39.1. Os títulos habilitantes de natureza urbanística terán a vixencia que se sinale neles.
39.2. En xeral, e a non ser que a vixencia do título estea xa limitada en función da natureza da actividade publicitaria (por exemplo, publicidade en obras), o prazo máximo de vixencia dos títulos relativos aos actos de publicidade exterior será de dous anos, prorrogables por períodos iguais e nas mesmas condicións, previa petición ou comunicación expresa formulada polo titular quince días antes da súa extinción.
39.3. A vixencia dos títulos habilitantes de natureza urbanística de bandeirolas e rótulos será de 5 anos, prorrogables nas mesmas condicións sinaladas no parágrafo anterior.
39.4. Coa solicitude de prórroga deberá achegarse, necesariamente, a seguinte documentación:
a) Fotografías actualizadas da localización nas que se reflicta claramente o estado actual do soporte publicitario.
b) De ser o caso, certificado de facultativo competente acreditativo de que a instalación se axusta ao título habilitante de natureza urbanística obtido e de que se manteñen as condicións de seguridade esixibles.
39.5. Unha vez obtida/s a/s prórroga/s achegarase o documento acreditativo da posesión da póliza de seguro de responsabilidade civil, que deberá estar vixente durante toda a súa duración.
ARTIGO 40. DESMONTAXE DAS INSTALACIÓNS
40.1. Rematada a vixencia do título habilitante de natureza urbanística ou das sucesivas prórrogas, o titular estará obrigado á desmontaxe, ao seu cargo, da totalidade dos elementos que compoñían a instalación, no prazo máximo de oito días e sen necesidade de requirimento municipal ningún.
40.2. Se a instalación publicitaria fose desmontada antes do remate dos prazos de vixencia do título habilitante de natureza urbanística, o seu titular estará obrigado a comunicarllo por escrito ao Concello.
ARTIGO 41. PERDA DE VALIDEZ DO TÍTULO HABILITANTE DE NATUREZA URBANÍSTICA. CAMBIOS DE TITULARIDADE
41.1. O título habilitante de natureza urbanística perderá a súa validez se varían as características da localización ou as condicións da instalación, debendo o titular obter un novo título adecuado ás circunstancias do momento. Se este non fose obtido ou ben se denegase ou se declarase a súa ineficacia, deberá desmontar a instalación no prazo máximo de oito días desde a preceptiva notificación.
41.2. De se modificar a titularidade da instalación, será necesario comunicar o cambio de nome regulamentario no título habilitante de natureza urbanística, achegando a mesma documentación que a prevista no artigo 39.4 desta ordenanza, ademais da que sexa común para os cambios de titularidade.
41.3. A transmisión do título habilitante non alterará, en ningún caso, o seu prazo de vixencia e a súa falta de comunicación ao Concello obrigará ao antigo e ao novo titular a responder solidariamente de todas as responsabilidades derivadas do acto publicitario.
CAPÍTULO IV
INFRACCIÓNS
ARTIGO 42. NORMATIVA APLICABLE
Os actos ou omisións relacionados coa actividade publicitaria que teñan a consideración de infraccións urbanísticas, quedarán sometidos ás súas disposicións, ao disposto nesta ordenanza no que lle resulte de aplicación, así como á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e á Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
ARTIGO 43. PERSOAS RESPONSABLES
Serán persoas responsables da infracción as sinaladas no artigo 160 da Lei do solo de Galicia e 391 do Regulamento desta lei, considerando para estes efectos como promotor tanto á empresa publicitaria como á do produto ou servizo anunciado; todo isto sen prexuízo das responsabilidades que lles puidesen corresponder á dirección facultativa e aos técnicos redactores dos proxectos.
ARTIGO 44. IDENTIFICACIÓN DAS INSTALACIÓNS PUBLICITARIAS
44.1. Para a identificación dos propietarios de instalacións publicitarias unicamente terá validez o número asignado no correspondente título habilitante de natureza urbanística, expresamente colocado naquelas.
44.2. Para estes efectos non se considerarán elemento de identificación as marcas, sinais, produtos anunciados, nome da empresa ou outras indicacións que puidesen conter os soportes instalados.
44.3. Cando a instalación careza do citado número ou placa identificativa ou cando estes non se correspondan co existente nos arquivos municipais, será considerada anónima e, polo tanto, carente de titular, sen prexuízo dos labores de investigación que o Concello efectúe co fin de identificar as persoas responsables e, en todo caso, aos beneficiarios da publicidade.
ARTIGO 45. CLASIFICACIÓN DAS INFRACCIÓNS
45.1. Para os efectos de graduar a responsabilidade polas infraccións, estas clasifícanse en moi graves, graves e leves.
45.1.1. Consideraranse infraccións moi graves as cometidas en materia de publicidade exterior que afecten a terreos cualificados como zonas verdes, espazos libres, dotacións, equipamentos públicos, viarios ou na zona de protección das vías de circulación establecida na Lei do solo de Galicia, aos elementos protexidos nos catálogos de patrimonio cultural ou natural, de acordo coa lexislación urbanística, sobre ordenación do territorio e o planeamento urbanístico, así como aquelas recollidas na normativa sectorial correspondente.
45.1.2. Consideraranse infraccións graves:
a) A instalación de soportes publicitarios sen título habilitante de natureza urbanística municipal e non legalizables ou que non se axusten ás condicións deste, agás que se demostre a escasa entidade do dano producido aos intereses xerais.
b) O incumprimento dos requirimentos municipais sobre corrección de deficiencias advertidas nas instalacións, execución das obras necesarias para a conservación e ornato destas.
c) A reincidencia en faltas leves nun período de trinta días consecutivos nunha ou varias instalacións.
d) A utilización de elementos de mobiliario urbano como soportes de publicidade non autorizada de calquera tipo.
45.1.3 Consideraranse infraccións leves:
a) A execución de instacións publicitarias sen título habilitante de natureza urbanística cando sexan legalizables por seren conformes co ordenamento xurídico.
b) O estado de sucidade ou deterioro do soporte publicitario ou o seu contorno próximo; neste último caso cando sexa como consecuencia da actividade publicitaria.
c) As infraccións que non teñan o carácter de graves ou moi graves.
45.2. Ademais, teranse en conta as circunstancias que poden agravar ou atenuar a responsabilidade e as regras para a aplicación de sancións contidas na Lei do solo de Galicia e no artigo 393 do seu regulamento.
ARTIGO 46. SANCIÓNS
46.1. A contía das multas con que se sancionen as infraccións cometidas axustarase ás seguintes prescricións:
46.1.a) As infraccións leves, con multa de 300 a 6.000 euros e como mínimo o 2% do valor da instalación.
46.1.b) As infraccións graves, con multa de 6.001 a 30.000 euros e como mínimo o 20% do valor da instalación.
46.1.c) As infraccións moi graves, con multa de 30.001 a 80.000 euros e como mínimo o 30% do valor da instalación.
46.2. A multa graduarase segundo o establecido na Lei do solo de Galicia e o seu regulamento.
46.3. En ningún caso, a infracción poderá supor un beneficio económico para o infractor.
ARTIGO 47. ORDES DE DESMONTAXE E RETIRADA DOS SOPORTES PUBLICITARIOS
47.1. Á parte da sanción que en cada caso corresponda, a Administración municipal poderá dispor a desmontaxe ou retirada dos soportes publicitarios con reposición dos bens ao estado anterior á comisión da infracción.
47.2. As ordes de desmontaxe comunicaranse expresamente por escrito ao titular do título habilitante de natureza urbanística, resultando este obrigado á retirada dos soportes no prazo de oito días seguintes á data de recibo da notificación.
47.3. No caso de incumprimento, os servizos municipais procederán á execución subsidiaria a custa dos obrigados, que deberán aboar os gastos de desmontaxe, transporte e depósito dos materiais retirados ou á execución forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas reiterables ata lograr a execución polo suxeito obrigado, na contía determinada para o efecto na Lei do solo de Galicia e no seu regulamento, que estará en función das circunstancias concorrentes e do custo estimado das actuacións necesarias para restaurar a legalidade.
47.4. De optarse pola execución subsidiaria, previamente á retirada das instalacións publicitarias afectadas, practicarase unha dilixencia na que se fará constar os datos de identificación do propietario ou titular (nome, apelidos, DNI, domicilio, etc.), o tipo de elemento retirado e a súa localización, facilitándolle unha copia ao interesado, de estar este presente na execución subsidiaria.
Realizada esta, concederáselles aos titulares dos elementos un prazo de 10 días para que manifesten por escrito a súa vontade expresa de facerse cargo dos elementos retirados, mediante a súa recollida no día e hora que se fixe, apercibíndoos de que, de non facelo así, entenderase que renuncian á súa recuperación, facultando ao Concello a dispor deles para o seu traslado a un vertedoiro autorizado ou para a súa reciclaxe.
ARTIGO 48. DESMONTAXE INMEDIATA DE SOPORTES PUBLICITARIOS
Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, o órgano municipal competente poderá dispor por razóns de seguridade a desmontaxe inmediata de calquera instalación publicitaria e, en todo caso, daquelas consideradas anónimas de acordo co artigo 44.3 da ordenanza.
ARTIGO 49. RECURSOS
O réxime de recursos contra os actos dos órganos municipais sobre materias reguladas nesta ordenanza axustarase ás disposicións xerais da lexislación urbanística e de réxime local.
DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA
O Concello de Narón queda facultado para establecer un rexistro das empresas de publicidade que operen no termo municipal de Narón. Nese caso, deberán notificarlle ao Concello o seu CIF, domicilio para notificacións e representante legal, así como calquera modificación que se produza neses datos.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
Primeira. Os soportes publicitarios instalados que conten con título habilitante de natureza urbanística no momento de entrar en vigor esta ordenanza poderán manterse ata a fin da vixencia daquela, sen que sexa posible a concesión de renovacións ou prórrogas ao abeiro da normativa anterior.
Segunda. Transcorrido ese período aplicarase na súa integridade o réxime disciplinario que a ordenanza establece.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA
Quedan expresamente derrogadas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan á presente ordenanza.
DISPOSICIÓNS FINAIS
Primeira. A promulgación futura e entrada en vigor de normas de rango superior ao desta ordenanza que afecten ás materias reguladas nela determinará a aplicación automática daquelas, sen prexuízo dunha posterior adaptación, no que fose necesario, da ordenanza.
Segunda. Esta ordenanza entrará en vigor conforme co establecido nos artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.