REGLAMENTO DE FUNCIONAMIENTO Y RÉGIMEN DE LA LUDOTECA MUNICIPAL REGLAMENTO DE FUNCIONAMIENTO Y RÉGIMEN DE LA LUDOTECA MUNICIPAL
Publicado por ADPFC el
TEXTO DEL REGLAMENTO DE FUNCIONAMIENTO Y RÉGIMEN DE LA LUDOTECA MUNICIPAL SOMETIDO A EXPOSICIÓN PÚBLICA (BOP nº 158 de 21 de agosto de 2018)
REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO E RÉXIME INTERIOR DA LUDOTECA MUNICIPAL
- Preámbulo
-Normativa reguladora
- Capítulo I.- Obxecto e ámbito de aplicación.
- Capítulo II.- Datos do centro.
- Capítulo III.- Funcionamento
- Capítulo IV.- Estrutura organizativa
- Capítulo V.- Normativa referente a todo o persoal
- Capítulo VI.- Normativa referente ás familias
- Capítulo VII.-Financiamento
- Capítulo VIII.-Normativa referente á infraestrutura do centro
-Disposicións finais
-Disposición derrogatoria
PREÁMBULO
A ludoteca municipal cumpre unha función eminentemente social, educativa e lúdica para a infancia e as súas familias, de carácter público e universal, accesible, e identificado coa defensa, promoción e educación en valores de igualdade, solidariedade, liberdade, interculturalidade e respecto dos demais, e en particular dos/as nenos/as, a través do xogo como elemento vehiculizador dos valores e da aprendizaxe humana.
O marco normativo de aplicación refírese a este regulamento como conxunto de normas e pautas reguladoras e inspiradoras da actividade cotiá da ludoteca municipal, elaboradas ao abeiro e en desenvolvemento da normativa aplicable de Ludotecas de Galicia, e demais disposicións concordantes, que xunto coas directrices emanadas do Concello de Narón, servirán de referencia obxectiva e obrigada no desenvolvemento dos servizos prestados no sobredito dispositivo de ludoteca municipal.
NORMATIVA REGULADORA
A ludoteca prestará os servizos e desenvolverá as actividades e programas previstos na Lei de servizos sociais e demais disposicións que a desenvolven, especialmente no marco do Decreto 354/2003, do 16 de setembro, polo que se regulan as ludotecas como centros de servizos sociais e se establecen os seus requisitos, Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, Decreto 254/2011, do 23 de decembro polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia, e demais normas concordantes de aplicación.
CAPÍTULO I
OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN
ARTIGO 1. OBXECTO
O presente regulamento ten por obxecto establecer a organización e funcionamento da ludoteca municipal, co fin de acadar un adecuado funcionamento desta, e o cumprimento dos obxectivos específicos que lle son propios.
As actividades e servizos a desenvolver na ludoteca parten do principio de que o xogo é un instrumento de desenvolvemento da personalidade.
O xogo ofrécelles aos/ás nenos/as a posibilidade de ser e de estar activos/as fronte á realidade. Xogar non é só divertirse senón que ademais é facer, buscar, investigar, crear, comunicar, evolucionar. Os/as nenos/as xogan co fin de descubrirse a si mesmos e de ser recoñecidos polos demais, para aprender a observar, coñecer e poder controlar e mellorar o seu contorno.
A falta de espazo nas vivendas, a falta de compañeiros/as de xogo tanto da mesma como doutras idades, os escasos recursos da familia para mercar xoguetes adecuados ou a falta de tempo libre dos pais e nais para dedicalo a xogar cos/coas fillos/as, son só algúns dos problemas que nos atopamos na sociedade actual.
Coa ludoteca os nenos e as nenas contan con compañeiros/as para compartir xogos, sempre de xeito cooperativo, coa presenza dunha persoa adulta que os/as estimule e oriente nas actividades de xogo, con espazos suficientes e adecuados e con xoguetes e materiais diversificadores da actividade lúdica.
ARTIGO 2. ÁMBITO DE APLICACIÓN
Constitúe o ámbito de aplicación do presente regulamento a ludoteca municipal de Narón, que se configura como un equipamento diúrno, de servizos á comunidade de carácter socioeducativo e lúdico, dirixido á poboación infantil de 2 a 12 anos.
CAPÍTULO II
DATOS DO CENTRO
ARTIGO 3. DEFINICIÓN DO CENTRO
A ludoteca municipal de Narón é un centro prestador de servizos socioeducativos e lúdicos á infancia e ás súas familias, de carácter público e universal, accesible, gratuíto e identificado coa defensa, promoción e educación en valores de igualdade, solidariedade, interculturalidade e paz, a través do xogo como elemento vehiculizador dos valores e da aprendizaxe humana, dirixido á poboación infantil de 2 a 12 anos.
ARTIGO 4.-DATOS IDENTIFICATIVOS
A ludoteca municipal de Narón está situada na rúa Cardenal Cisneros nº 2, baixo, de A Solaina, 15.570 – NARÓN. Teléfono - Fax 981.38.92.84. Correo electrónico ludoteca@naron.es.
ARTIGO 5. TITULARIDADE E XESTIÓN
A ludoteca é de titularidade municipal, en exercicio da competencia que prevé o art. 25.2.m) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, sendo o Concello de Narón unha entidade local prestadora, entre outros, de servizos sociais, cuxo domicilio social é o de praza de Galicia s/n, 15570 – Narón, e sendo o seu representante legal o/a alcalde/sa presidente deste. Está inscrito no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais co núm. E-1184.
O servizo de ludoteca está dentro do ámbito de xestión do Concello de Narón, inscríbese a nivel técnico-funcional no organigrama do servizo Sociocomunitario, que xestiona e coordina a súa actividade.
A súa xestión é directa polo Concello de Narón, e préstase en virtude de contrato de prestación de servizos por empresa externa, na forma establecida pola lexislación vixente.
ARTIGO 6. AUTORIZACIÓNS CONCEDIDAS
A ludoteca municipal ten concedido pola Xunta de Galicia un permiso de inicio da actividade para nenos/as de 2 a 12 anos, estando anotada no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais co número de identificación E-1184, con data de permiso de inicio da actividade do 10 de agosto de 2006.
CAPÍTULO III
FUNCIONAMENTO
ARTIGO 7. OBXECTIVOS DA LUDOTECA
É obxectivo da ludoteca dar resposta ás demandas da cidadanía en relación cos servizos á infancia que recolle a Lei de servizos sociais, e o Decreto 354/ 2003, e converter a ludoteca nun espazo para promover e contribuír a un crecemento harmónico dos nenos e das nenas, a través da socialización, e do xogo, como estratexias de intervención socioeducativa, coa implementación e implicación das súas familias.
No ámbito do ideario de valores sinalados no preámbulo do presente regulamento, cunha metodoloxía sempre activa e participativa vehiculizada a través do xogo, determínanse os seguintes obxectivos específicos:
a) Traballar e desenvolver a psicomotricidade a través do xogo e dos xoguetes.
b) Estimular as capacidades cognitivas, sensoriais e intelectuais dos nenos e nenas por medio do xogo, o xoguete e dos libros.
c) Facilitar a socialización integrada consonte as idades.
d) Favorecer o coñecemento dos pais e nais dos propios fillos/as ao compartir o xogo.
e) Implicar as familias na participación no mundo simbólico do xogo infantil como fonte de educación e aprendizaxe.
f) Facilitar e favorecer a utilización de diversos espazos comunitarios como lugares de uso e actividade lúdica e educacional.
g) Potenciar o valor dos libros e xoguetes como instrumentos vertebradores do xogo para a mellora educacional e intelectual dos nenos e nenas.
h) Dispoñer dun espazo adaptado, dotado de persoal especializado, e con recursos materiais suficientes de xoguetes, libros e outros útiles cualificados para o xogo individual e compartido, con horarios de apertura mínima de 4 horas diarias.
ARTIGO 8. CAPACIDADE DO CENTRO
A ludoteca ten unha capacidade de 40 prazas, sen prexuízo do cumprimento das ratios en función das idades dos/as menores por aula.
A ludoteca está organizada en dúas salas:
SALA B: para exposición e servizo de préstamo de libros, e realización de actividades de xogo organizado, obradoiros multidisciplinares, uso de xogos, construcións e pequenas representacións.
SALA A: para a realización de actividades de xogo organizado, obradoiros multidisciplinares, uso de xogos, construcións e pequenas representacións.
Número de unidades: 2.
O número máximo de prazas por unidade é 20, en idades comprendidas entre os 3 e 12 anos.
O número de prazas da unidade redúcese a 15 cando asistan nenos/as de 2 a 3 anos
ARTIGO 9. DISTRIBUCIÓN DAS AULAS DO CENTRO POR IDADES E RATIOS DE PROFESIONAIS
Consonte establece o artigo 5 do Decreto 354/2003, do 16 de setembro, os/as nenos/as de 2 a 3 anos, terán un espazo diferenciado.
Programarase unha distribución horaria do espazo en función das franxas de idade.
SALA A:
Esta sala será utilizada polos/as nenos/as de 3 a 6 anos, podendo ser tamén utilizada polos/as nenos/as de 7 a 12 anos en recunchos de xogos diferenciados, ou cando realicen actividades conxuntas de carácter puntual, en cuxo caso nunca se superará a ratio menor en canto a prazas, non podendo coincidir simultaneamente coa utilización polos/as nenos/as de 2 anos, e sempre en horario diferente ao establecido para o servizo de préstamo.
SALA B:
Esta sala será utilizada polos/as nenos/as de 7 a 12 anos, podendo ser tamén utilizada polos/as nenos/as de 3 a 6 anos en recunchos de xogos diferenciados, ou cando realicen actividades conxuntas de carácter puntual.
RATIOS DE PROFESIONAIS
A ludoteca dispoñerá de persoal especializado respectando a proporción máxima de nenos/as que poden ser atendidos por un profesional, como a continuación se relacionan:
Grupos por idade |
Número máximo de prazas |
Ratio profesionais por grupo |
De 2 a 3 anos |
15 prazas |
1 |
De 3 a 6 anos |
20 prazas |
1 |
De 7 a 12 anos |
20 prazas |
1 |
ARTIGO 10. DESCRICIÓN DOS SERVIZOS QUE OFERTA:
10.1 Servizos de préstamo domiciliario:
Será obxecto de préstamo domiciliario o material de lectura destinado para tal fin.
10.2. Actividades ordinarias:
Entenderase por actividades ordinarias a realización daquelas actividades de xogo organizado, animación á lectura, actividades artísticas, xogo libre, xogos deportivos, xogos cooperativos, e aqueles obradoiros multidisciplinares, que forman parte do proxecto base da ludoteca.
10.3.Actividades extraordinarias:
Son aquelas actividades que se realizan de forma puntual, para diferentes temáticas, fóra da programación ordinaria, que poden ser impartidas por profesionais externos á ludoteca, ou en coordinación con outros dispositivos municipais, e outras institucións.
Estas actividades están dirixidas a nenos/as de 3 a 12 anos. Reservarase a hora, día e actividade previamente. Mesmo poderá participar na actividade, sen reserva previa, de quedaren prazas libres. As actividades serán coordinadas por dúas profesionais e nunca se superará a ratio menor en canto a prazas.
ARTIGO 11. ADMISIÓN E BAIXAS
11.1. Requisitos xerais de acceso
-Ter unha idade de 2 a 12 anos.
-Formalizar a inscrición anual no servizo ludotecario.
11.2. Inscrición de persoas usuarias:
Dado que a inscrición permitirá ordenar as horas previstas de uso dos espazos e dos servizos ludotecarios en función das idades e intereses dos/as nenos/as, ao tempo que se garante o respecto á capacidade máxima de nenos por idades e local dispoñible, establécese a obrigatoriedade de inscrición previa das persoas usuarias.
- A solicitude de inscrición efectuarase no modelo oficial, de forma presencial na propia ludoteca, e materializarase de maneira inmediata, procedendo o persoal da ludoteca a formalizar o asento no libro de rexistro de usuarios/as.
- Na ficha de inscrición expresarase quen son as persoas autorizadas para recoller os/as nenos/as.
-A inscrición terá carácter anual, e comprenderá dende o 1 de setembro ata o 31 de xullo do ano seguinte, xa que o mes de agosto a ludoteca permanece pechada.
-O prazo de solicitude iníciase o día 1 de setembro de cada ano (se este fose inhábil, abrirase o primeiro día hábil seguinte) e permanecerá aberto ata o último día de prestación do servizo, 31 de xullo, data na que de forma automática se procederá á baixa de todas as persoas usuarias.
- Unha vez realizada a inscrición, se reúne os requisitos, - non existe límite de prazas para a inscrición, sen prexuízo do disposto no artigo seguinte.
11.3. Acceso á ludoteca
Tendo en conta que a capacidade do centro é limitada, e que para as actividades ordinarias non se require inscrición previa, o acceso diario á ludoteca quedará condicionada ao límite da capacidade máxima permitida en función das ratios.
11.4. Organizacións especiais
-En Semana Santa, Nadal, última semana de xuño, mes de xullo e primeira semana de setembro, coa finalidade de dar unha maior resposta á necesidades de conciliación das familias dos nenos/as de idades máis demandadas, a asistencia á ludoteca quedará limitada ás/aos menores en idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
-Neses períodos realizaranse actividades extraordinarias, polo que, por motivos de organización, e limitación de prazas, se fai preciso abrir un prazo de inscrición para poder asistir, que se fará público no centro.
11.5. Documentación necesaria para formalizar a inscrición:
- Datos da nai, do pai ou titor/a legal.
- Datos da nena ou neno.
- 1 fotografía da nena ou neno.
- Autorización para uso dos datos persoais por parte do concello dentro do ámbito da súa responsabilidade, en relación co servizo, en cumprimento da lexislación vixente.
11.6. Causas de baixa das persoas usuarias:
Causarase baixa na ludoteca por calquera das circunstancias seguintes:
a) Cumprimento da idade regulamentaria de 13 anos.
b) Pola solicitude de baixa voluntaria dos/as pais/nais ou titores/as legais, formalizada por escrito no propio servizo.
c) Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para estar no centro.
d) Pola comprobación de falsidade na documentación ou datos achegados.
e) Por calquera outra circunstancia sobrevida.
As baixas por cumprimento da idade regulamentaria, ou a petición da persoa interesada, terán carácter automático. As contemplada nos apartados c) d) e e), resolveranse por resolución da Alcaldía ou concellaría delegada, previa tramitación do expediente correspondente.
ARTIGO 12. FUNCIONAMENTO DO SERVIZO
12.1. Calendario e horarios do centro
Os horarios de apertura e de actividade adáptanse aos ciclos da vida cotiá, baseándose na actividade escolar e/ou familiar dos/das nenos/as, e será como segue:
Horario en períodos escolares:
Do 8 de xaneiro ao 25 de xuño.
Do 10 de setembro ao 21 de decembro.
Apertura do centro: de 16:00 a 20:00 horas
Horario en períodos non escolares:
Dende o 26 de xuño ata o 9 de setembro.
Dende o 21 de decembro ao 7 xaneiro.
Durante a Semana Santa
Apertura do centro: de 10:00 a 14:00 horas.
Os horarios establecidos poderán sufrir algunha modificación cando se programen actividades comunitarias fóra das instalacións ou para programas específicos.
No suposto de que, por circunstancias excepcionais, variase o horario habitual, expoñeranse en lugar visible, na porta ou fiestras externas, os novos horarios previstos.
12.2. Organización das actividades do servizo.
-Os/as nenos/as de 2 anos só poderán acudir a xogo libre, nos horarios establecidos para esta franxa de idade, e recomendarase que estean acompañadas/os por un adulto responsable.
-O tempo máximo de permanencia dos/das menores de 3 a 12 anos, será de 3 horas diarias.
- A actividade de xogo libre será nos horarios previamente establecidos en función do grupo de idade. Poderá accederse neste horario de xogo libre por rigorosa orde de chegada e ata cubrir o límite de prazas autorizadas pola ratio deste regulamento, ou o límite que, en calquera caso, estea establecido legal ou regulamentariamente.
- As actividades programadas por idades terán unha duración de 50 minutos. As familias procurarán que os/as nenos/as se incorporen nos primeiros minutos para facilitar a organización do grupo.
- As familias están obrigadas a recoller aos/ás nenos/as nos dez minutos finais ao remate da actividade. No caso de non suceder así, procederase a localizar telefonicamente os titores legais correspondentes para que recollan o/a menor.
- Na ficha de inscrición expresarase quen son as persoas autorizadas para recoller os/as nenos/as.
CAPÍTULO IV
ESTRUTURA ORGANIZATIVA
ARTIGO 13. ESTRUTURA ORGANIZATIVA DA LUDOTECA
13.1. Requisitos do persoal da ludoteca
A ludoteca deberá dispoñer de persoal especializado respectando as ratios establecidas no artigo 7 do Decreto 354/2003, do 16 de setembro.
A ludoteca deberá de dispoñer do seguinte persoal cualificado que cumpra os requisitos de titulación esixidos no artigo 7.2 do citado decreto:
-Un/ha coordinador/a ludotecario/a.
-Un/ha auxiliar ludotecario/a.
Todo o persoal dispoñible deberá acreditar o seu correcto estado de saúde, cunha periodicidade anual, someterse a un recoñecemento médico adecuado para acreditar que non padece enfermidade infecto-contaxiosa nin defecto físico ou psíquico que impida ou dificulte as súas funcións.
-Todo o persoal deberá dispor do carné de manipulador de alimentos, segundo o establecido na normativa vixente na materia.
ARTIGO 14. FUNCIÓNS DO PERSOAL DA LUDOTECA
A prestación do servizo lévase a cabo por unha empresa externa adxudicataria do contrato de prestación de servizo, polo que as funcións a realizar polo persoal da dita empresa son as contempladas no Decreto 354/2003, do 16 de setembro, regulador das ludotecas, e nos pregos técnico e administrativo que rexen a contratación, en función das súas categorías profesionais.
Cantas outras funcións, administrativas e pedagóxicas, se deriven do desempeño dos postos de traballo, que se poidan derivar da lexislación vixente e da contratación da prestación do servizo.
En concreto, son funcións pedagóxicas a realizar:
- Elaborar o proxecto socioeducativo da ludoteca.
b. Desenvolver as actividades e programas da ludoteca.
c. Promover e impulsar as relacións da ludoteca coas institucións e recursos do contorno, especialmente coas que se desenvolven no Servizo Sociocomunitario Municipal.
d. Coordinar e fomentar a participación dos distintos sectores implicados na comunidade socioeducativa da ludoteca, procurando os medios precisos para un mellor desenvolvemento das súas atribucións.
e. Prestar asesoramento e información ás nais, pais e titores/as legais dos nenos/as.
f. Atención, acompañamento e coidado de nenas e nenos usuarios/as da ludoteca.
g. Coordinación no desenvolvemento da actividade xeral da ludoteca co responsable do Servizo Sociocomunitario.
h. Informar e formular propostas sobre aspectos lúdicos ou educativos do xogo aos nenos e nenas ou pais/nais e familias.
i.- Recoller, ordenar e revisar acotío o estado e disposicións dos elementos, xoguetes e equipamento da ludoteca para unha correcta utilización por parte das persoas usuarias.
ARTIGO 15. PROCEDEMENTO PARA SUBSTITUCIÓNS E IMPREVISTOS DO PERSOAL
A entidade adxudicataria deberá dispoñer dos medios propios precisos para a execución do contrato, incluíndo eventualidades como as baixas médicas, ausencias e outros imprevistos de persoal. As incidencias ou variacións no persoal asignado a cada instalación durante a execución do contrato.
ARTIGO 16. PERSOAL TÉCNICO MUNICIPAL
O persoal técnico do Servizo Sociocomunitario coordinará a actividade a realizar pola empresa adxudicataria na prestación do servizo ludotecario, para garantir a adecuada prestación do servizos municipal de ludoteca.
CAPÍTULO V
NORMATIVA REFERENTE A TODO O PERSOAL
ARTIGO 17. DEREITOS E OBRIGAS DO PERSOAL
Son dereitos do persoal da ludoteca municipal:
a) Recibir regularmente información dos programas e actividades relacionadas do Servizo Sociocomunitario, a través do/a técnico/a responsable.
b) Presentar propostas que contribúan a mellorar o funcionamento da ludoteca e a atención prestada aos/ás menores.
c) Desenvolver as funcións socioeducativas axustadas ao proxecto socioeducativo e programación anual da ludoteca.
d) A que lle sexan proporcionados os recursos e medios precisos para desenvolver as súas funcións axeitadamente en beneficio dos nenos/as ao seu cargo.
e) Dereito a ser tratados con respecto.
Son obrigas do persoal da ludoteca:
a) Cumprir e facer cumprir, de acordo coas súas funcións, o presente regulamento.
b) Velar polo respecto aos dereitos dos e das menores, recollidos no presente regulamento, e aqueles outros recoñecidos na lexislación vixente.
c) Gardar estrita confidencialidade sobre os datos persoais dos/das menores e das súas familias aos que teñan acceso en razón das súas funcións.
d) Cumprimento das tarefas e responsabilidades derivadas do seu posto de traballo.
e) O persoal educativo deberá desenvolver o seu labor de acordo co marco lexislativo vixente para cada tramo de idade.
CAPÍTULO VI
NORMATIVA REFERENTE ÁS FAMILIAS
ARTIGO 18. DEREITOS DAS FAMILIAS
Os/as pais/nais, titores/as nenos/as, ou representantes legais dos/as nenos/as, terán os seguintes dereitos:
a)Acceso a todos os servizos que se presten na ludoteca e a participar nas actividades programadas nos horarios e pautas sinalados neste regulamento, sen discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
b) Á consideración no trato debido, á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal da ludoteca, como das demais persoas usuarias, e á intimidade persoal.
c) Ser atendidos de maneira eficiente e correcta por todo o persoal da ludoteca, que estará identificado ante o/a usuario/a en todo momento.
d) A garantirlle a confidencialidade dos seus datos de carácter persoal que figuren no expediente.
e) A teren unha atención individualizada acorde coas súas necesidades específicas.
f) A recibir información suficientemente detallada dos programas e actividades que se van desenvolver na ludoteca, e sobre xogos e xoguetes como elemento educativo, na forma establecida no neste regulamento.
g) A propoñer actividades e efectuar propostas sobre calquera aspecto que afecte ao funcionamento da ludoteca municipal, por medio dos pais/nais ou titores/as, constituídos ou non, en asociacións de pais e nais.
h) A formular as queixas e suxestións que consideren oportunas.
ARTIGO 19. OBRIGAS DAS FAMILIAS
Os/as pais/nais, titores/as nenos/as, ou representantes legais dos/as nenos/as, terán as seguintes obrigas:
-Respectar a integridade e o estado das instalacións e equipamento da ludoteca.
-Cumprir coas disposicións que regulen o acceso e uso dos distintos servizos da ludoteca, e as indicacións do persoal.
-Manter a orde dentro das instalacións da ludoteca.
-Colaborar cos servizos da ludoteca co obxecto de permitir o seu correcto funcionamento e evitar condutas que puidesen deteriorar a súa prestación.
-Evitar condutas que poidan perturbar ás demais persoas usuarias.
-Manter en silencio os teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos.
-Cumprir co disposto neste regulamento.
CAPÍTULO VII
NORMAS XERAIS DE FUNCIONAMENTO
ARTIGO 20. NORMAS DE SAÚDE E HIXIENE PERSOAL
- Os/as nenos/as deberán acudir á ludoteca en boas condicións de saúde e hixiene.
- Non serán admitidos na ludoteca os/as nenos/as que padezan enfermidades infecto-contaxiosas. A aparición destas enfermidades deberán ser comunicadas polos pais/nais/ titores/as ao persoal da ludoteca que, á súa vez, a través do/a coordinadora da empresa adxudicataria, o poñerán de inmediato en coñecemento do Concello de Narón e das autoridades sanitarias.
- No caso de observarse síntomas dun proceso infecto-contaxioso nos/as nenos/as na propia ludoteca, informarase ao persoal desta, e avisarase aos/ás seus pais/nais ou persoas representantes, co fin de evitar a propagación da enfermidade entre os/as demais nenos/as. A volta ás actividades da ludoteca só será posible logo de transcorrido o período de contaxio e tras un informe médico que acredite tal circunstancia.
- Considerando que as nenas e nenos están nos grupos de transmisión de doenzas víricas como constipados, gripes, etc., cando as nenas/os, estean con procesos gripais ou similares características de contaxio, as familias non poderán deixar os nenos/as para evitaren a propagación.
- No caso de enfermidade ou accidente sobrevido na ludoteca, despois das primeiras atencións “in situ” e, á maior brevidade posible, poñerase a circunstancia en coñecemento dos/as pais,nais titores/as ou persoas representantes legais do/a neno/a, se é o caso, que deberán acudir de seguida á ludoteca para se faceren cargo do/a neno/a. No caso de non se poder desprazar á ludoteca, ou de que a circunstancia concreta, accidente ou enfermidade o requirise, a dirección do centro está facultada para autorizar, nestes casos, os desprazamentos necesarios.
- O persoal da ludoteca non administrará menciñas nin outro tipo de produtos aos nenos usuarios.
- As nenas e nenos que necesiten cueiro, no momento de incorporarse á ludoteca, deberá ter sido renovado, para garantir a súa comodidade e satisfacción durante a actividade, xa que, agás casos excepcionais, non se realizarán durante o tempo de actividade cambios de cueiro. No suposto de que os profesionais da ludoteca detecten algún neno/a con necesidade de cambio de cueiro, procederán a chamar á familia para que recolla a/o nena/o.
-Na ficha de inscrición as familias reflectiran os datos de saúde significativos ou necesarios para unha correcta atención e adopción de precaucións por parte do persoal da ludoteca, se procedese.
ARTIGO 21. NORMAS DE ALIMENTACIÓN
Dado que as actividades na ludoteca teñen un tempo limitado, nela non se prestará ningún tipo de comida, nin se permite comer nas súas estancias.
ARTIGO 22. NORMAS DE CONVIVENCIA
Para unha mellor convivencia e non interromper as actividades deberán respectarse os horarios de entrada e saída dos/as nenos/as.
ARTIGO 23. UNIFORME
Os/as nenos/as levarán roupa cómoda que lles permita moverse con plena comodidade para o desenvolvemento das actividades.
ARTIGO 24. A LINGUA
Como norma xeral de funcionamento, potenciarase a lingua galega, que será tamén a de normal funcionamento do centro, en aplicación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e da Ordenanza de normalización lingüística do Concello de Narón. Non obstante, non será motivo de exclusión das persoas de fala doutras linguas, favorecendo en todo momento a comunicación e a integración.
ARTIGO 25. FOMENTO DA IGUALDADE DOS/AS NENOS/AS
A ludoteca promoverá a igualdade como valor fundamental de convivencia entre os/as nenos/as, evitando os comportamentos e actividades discriminatorias por razón de sexo.
En todo caso, na medida do posible, aplicaranse os obxectivos e actuacións das distintas áreas do Plan de igualdade implementado polo Concello de Narón.
A ludoteca poñerá especial coidado en revisar aqueles materiais e ilustracións que se utilicen como instrumentos de traballo. Así mesmo vixiará que no uso da linguaxe se adopten expresións e formas non discriminatorias ou sexistas.
A ludoteca prestará especial atención ao fomento da interculturalidade como instrumento de igualdade.
ARTIGO 26. INSTRUMENTOS DE INFORMACIÓN AOS/ÁS PAIS/NAIS, TITORES/AS OU PERSOAS REPRESENTANTES LEGAIS
a) Toda a información sobre a ludoteca poderá ser obtida no propio centro, situado na rúa Cardenal Cisneros, núm. 2, baixo, A Solaina, ou no Servizo Sociocomunitario Municipal, situado na 1ª planta da Casa do Concello, ou en calquera outro punto informativo que se determine polos órganos municipais.
b) Todas as familias recibirán persoalmente aquela información que soliciten arredor dos seus fillos ou fillas, ou nenos/as aos/ás que teñan baixo a súa garda, titoría ou representación legal.
c) As familias poderán e deberán participar nas accións da ludoteca que inclúan sesións compartidas de nenas/os e persoas adultas, ou en sesións específicas para familias coa finalidade de compartir os espazos e tempos de coeducación. Para iso poderán consultar a programación de actividades e horarios co fin de acomodalos ás súas posibilidades.
d) As familias e as/os nenas/os serán informados, por medio de carteis, medios de comunicación, taboleiros e oralmente dos programas e actividades que se van desenvolver na ludoteca coa antelación necesaria.
CAPÍTULO VIII
NORMATIVA REFERENTE Á INFRAESTRUTURA DO CENTRO
ARTIGO 27. MEDIDAS DE SEGURIDADE E HIXIENE
- O establecemento cumpre coa normativa sanitaria.
- O centro está suxeito aos controis sanitarios “DDD”, consonte a normativa de aplicación.
- O equipamento, xogos e xoguetes deberán cumprir a normativa europea sobre seguridade nas áreas de xogo infantil e nos xoguetes contidos nas normas UNE.
- Os xogos que se realizan serán controlados e vixiados polos profesionais ludotecarios para garantir a seguridade e previr accidentes.
- Respectaranse escrupulosamente as ratios de nenos/as por idade e sala, tal como establece a normativa, para potenciar as posibilidades de coidado dos profesionais
ARTIGO 28. PLAN DE SEGURIDADE, PREVENCIÓN DO RISCO, EMERXENCIAS E EVACUACIÓN E IMPREVISTOS
Será aplicable nos termos previstos na lexislación vixente e inspeccionados polo SPEIS municipal.
As instalacións contan cos dispositivos de seguridade e protección eléctrica, de protección de portas con dispositivos preventivos, fiestras, medidas contra o lume, acceso directo ao exterior mediante portas antipánico, e demais especificacións técnicas contidas no artigo 5 do Decreto 354/2003, do 16 de setembro.
Existe Plan de emerxencia e evacuación, que figurará exposto en lugar ben visible.
Coa frecuencia establecida legalmente efectuarase un simulacro de aplicación do Plan de emerxencias e evacuación.
ARTIGO 29. PÓLIZA DE LOCAL, RESPONSABILIDADE CIVIL E ACCIDENTES
O centro conta cunha póliza do edificio da ludoteca, sendo obriga da empresa adxudicataria a contratación dunha póliza de seguro de responsabilidade civil que garanta a cobertura de indemnizacións ás persoas usuarias, e sinistros do edificio.
ARTIGO 30. LIBRO DE RECLAMACIÓNS A DISPOSICIÓN DAS PERSOAS USUARIAS
A ludoteca conta cun libro de reclamacións a disposición das familias.
A empresa adxudicataria da prestación do servizo dará traslado ao Servizo Sociocomunitario das reclamacións formuladas, no prazo máximo de tres días contados dende a súa presentación, agás nos casos en que, pola situación, se requira unha comunicación inmediata.
No espazo de recepción está situada unha caixa de suxestións para estimular a iniciativa, proposta e participación de familias ou persoas usuarias que desexen achegar as súas ideas ou propostas de mellora.
ARTIGO 31. PROXECTO SOCIOEDUCATIVO DE ACTIVIDADES A DISPOSICIÓN DOS PAIS/NAIS
A ludoteca conta co seguinte proxecto socioeducativo de actividades:
33.1. As actividades iniciais da ludoteca sinálanse coma unha referencia básica, que logo serán redeseñadas coa clave de adaptación ás características individuais de nenos e nenas usuarios/as.
33.2. A ludoteca contará cun proxecto educativo adaptado para cada idade.
33.3 Cada sala dispón de “recunchos” ou miniespazos de:
a. Mesa de xogos individuais ou colectivos.
b. Espazo de xogos individuais ou colectivos.
c. Bosque de libros.
d. Galaxia de xogos electrónicos.
33.3. Dentro de cada miniespazo diferéncianse os “lotes temáticos” de xoguetes:
a) Psicomotricidade (manipulados, pinchos, aros, pelotas, etc...)
b) Lóxicos e de composición ou construción ( bloques, loxísticos, puzzles,...)
c) Funcionais ou gremiais (supermercados, oficios, granxas, etc...)
d) Afectivos ou socializados (bonecas, casas, etc...)
e) Electrónicos (pantallas, consolas, etc...)
f) Outras clasificacións mesturadas.
Mensualmente determinarase un centro de interese didáctico arredor do que se elaboran as estratexias de xogo e os xoguetes a empregar, de xeito que se estimulen determinados aspectos: igualdade, cooperación, recoñecemento dos outros, xénero, linguaxe, respecto, aceptación das diferenzas, etc., fomentando a participación e dinamización das familias.
ARTIGO 32. USO DE PRÉSTAMO DE LIBROS
- Dentro dos principios básicos de carácter pedagóxico, aplicaranse boas prácticas de uso, manipulación e conservación dos materiais da ludoteca.
- Existe na ludoteca unha serie de materiais de lectura que poderán ser utilizados na modalidade de préstamo domiciliario.
- Os materiais bibliográficos que se destinen a esta modalidade serán rexistrados no libro electrónico (libro de préstamos), que indica como mínimo: os datos persoais de identificación do/a tomador/a do préstamo (que pode ser un/ha neno/a pero avalado pola sinatura do seu/súa titor/a), así coma do material obxecto de préstamo.
-O prazo do préstamos será de 15 días naturais. O prazo de préstamo poderá renovarse unha soa vez e antes de que remate o período de vixencia.
- O horario para realizar a petición e devolución dos préstamos será de 19:00 a 20:00 horas de luns a venres, cando a ludoteca teña horario de tarde, e de 13:00 a 14:00 horas cando o horario sexa de mañá.
- Na ludoteca existe un ficheiro de identificación de libros que contén a relación de libros dispoñibles na modalidade de préstamo domiciliario.
-Non se poderá retirar ningún libro sen rexistro de préstamo.
ARTIGO 33. PROCEDEMENTO SANCIONADOR
A finalidade socioeducativa e lúdica do servizo non é compatible cun sistema sancionador propiamente dito, como instrumento aplicable ás actividades alí desenvolvidas, senón máis ben cunha serie de medidas reeducadoras.
Non obstante, regúlanse medidas reparadoras nos seguintes aspectos:
1.-Referentes ao uso de materiais e instalacións:
- A non devolución dos libros prestados no prazo previsto terá como consecuencia a suspensión do dereito de retirar material ata a súa reposición. Igual consecuencia terá a retirada de libros sen rexistro previo.
- A persoa que por utilización inadecuada das instalacións ou materiais, lles cause danos, de forma que impida o seu uso normal, deberá reparar o dano causado.
2.- Referentes aos horarios das actividades.
-No caso de que non se respecten os horarios previstos, provocando distorsións periódicas nas actividades, ou non recoller os/as nenos/as nos horarios e situacións previstas, o persoal da ludoteca adoptará as medidas oportunas, poñendo en coñecemento do Servizo Sociocomunitario, con proposta razoada, das medidas correctoras a adoptar, para a súa aprobación.
ARTIGO 34. LIBRO DE REXISTROS E PERSOAS USUARIAS
A ludoteca conta cun libro de rexistro de persoas usuarias, sendo os datos que constan de carácter confidencial.
A utilización dos datos recollidos farase de acordo coa Lei de protección de datos de carácter persoal, a Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, e o Regulamento UE 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
DISPOSICIÓNS FINAIS
1.- Facúltase ao/a alcalde/sa – presidente/a do Concello de Narón a ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento do presente regulamento.
2.- Será de obrigado cumprimento ter a disposición das persoas usuarias este regulamento.
3.- O presente regulamento entrará en vigor unha vez sexa publicado enteiramente o seu texto no BOP e así que transcorra un prazo de 15 días ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de las bases del réxime local.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
O presente regulamento derroga expresamente o anterior regulamento da ludoteca.
Narón, 06 de xullo de 2018
A alcaldesa
Marián Ferreiro Díaz