Solicitamos su permiso para obtener datos estadísticos de su navegación en esta web, en cumplimiento del Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta el uso de cookies. Acepto | Más información

Ordenanza municipal del Ayuntamiento de Narón sobre la protección y tenencia de animales de compañía y de animales potencialmente peligrosos Ordenanza municipal del Ayuntamiento de Narón sobre la protección y tenencia de animales de compañía y de animales potencialmente peligrosos

Publicado por ADPFC

Texto de la Ordenanza municipal del Ayuntamiento de Narón sobre la protección y tenencia de animales de compañía y de animales potencialmente peligrosos (BOP nº 158 de 21 de agosto de 2018)

 

Ordenanza municipal do Concello de Narón sobre a protección e tenza de animais de compañía e de animais potencialmente perigosos

 

Tal e como se recolle no preámbulo da Declaración Universal dos dereitos dos animais, aprobada pola UNESCO o 27 de outubro de 1978 e ratificada posteriormente polas Nacións Unidas, os animais son seres vivos sensibles que teñen uns dereitos que a especie humana debe respectar, o que constitúe un dos fundamentos da coexistencia das especies no mundo. Tamén se recoñece neste preámbulo que o respecto aos animais está ligado ao respecto entre os propios seres humanos.

 

A nivel comunitario o 1 de febreiro do 2018 entrou en vigor en España o Convenio Europeo sobre protección de animais de compañía, asinado en Estrasburgo o 9 de outubro do 2015, que vén a prohibir no noso país, entre outras, a práctica de cortar orellas e rabos cun fin estético.

 

A falta dunha lexislación marco estatal que protexese os dereitos dos animais de compañía, as comunidades autónomas aprobaron normativa onde se establecían tanto as obrigas para a cidadanía e as administracións, como as infraccións e a distribución competencial, outorgando a máxima responsabilidade na defensa e protección dos animais ás persoas titulares das Alcaldías no caso de Galicia.

 

A Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, desenvolvida polo regulamento aprobado polo Decreto 153/1998, do 2 de abril, establecía as disposicións de carácter xeral para a protección dos animais domésticos e salvaxes que viven en catividade en Galicia. O Decreto 111/2010, do 24 de xuño modificou parcialmente o Decreto 153/1998, do 2 de abril, para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE relativa aos servizos no mercado interior.

 

A Lei 1/1993 do 13 de abril foi posteriormente modificada pola Lei 8/2014 do 26 de setembro co fin de marcar un punto de inflexión a partir do endurecemento das sancións e do impulso para sensibilizar e educar a cidadanía galega en materia de denuncia, boas prácticas e tenza responsable, así como enviar unha mensaxe clara e concisa contra o maltrato dos animais.

 

Recentemente tivo lugar a derrogación desta norma coa aprobación por parte da administración autonómica da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, para dar un paso máis na mellora e actualización da defensa, o benestar e a protección dos animais, toda vez que é constatable a persistencia de maltrato aos animais, polo que desde os poderes públicos é obrigado responder con contundencia fronte a estas condutas reprobables. Por outra banda, a lei tamén da un papel significativo ao labor educativo e de sensibilización á cidadanía, trata de potenciar a adopción dos animais abandonados e tamén de regular as normas de convivencia cidadá derivadas da tenza de animais.

 

A Ordenanza reguladora da tenza, defensa e protección dos animais de compañía e potencialmente perigosos do Concello de Narón foi dende o ano 2003 o marco normativo regulador nesta materia, e foi aprobada ao abeiro da xa derrogada normativa autonómica.

 

Por outra banda e cambiando de ámbito regulador, en relación coa seguridade cidadá a nivel estatal aprobouse normativa específica en materia de animais potencialmente perigosos, en concreto, a Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Esta lei, que posteriormente o Real Decreto 287/2002, do 22 de febreiro desenvolvería, aborda a regulación normativa referente á tenza, adestramento e manexo de animais potencialmente perigosos, co obxecto de preservar a seguridade das persoas, bens e outros animais.

 

O Goberno Autonómico, en virtude das súas competencias, regulou mediante o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, a posesión de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e creou os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos.

 

Tanto a normativa estatal como a normativa autonómica estableceron as competencias municipais nesta materia, competencias que son clave no control administrativo das obrigas da cidadanía, como son a concesión das licenzas e o rexistro municipal propio para este tipo de animais. Esta ordenanza inclúe estas obrigas específicas para as persoas propietarias e posuidoras destes animais para contribuír así ao seu coñecemento por parte dos suxeitos obrigados.

 

O longo período transcorrido dende a aprobación da anterior ordenanza e a experiencia adquirida da súa aplicación, así como o novo marco normativo a nivel autonómico que supón un cambio na tipificación das infraccións e na atribución competencial das diferentes administracións involucradas da defensa do benestar animal, fan necesaria a aprobación dunha nova normativa municipal.

 

Co fin de que a presente ordenanza quede perfectamente integrada coa normativa autonómica, ademais de regular aspectos competencia exclusivamente municipal e os recollidos na lexislación específica de animais potencialmente perigosos, óptase pola reprodución de artigos da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de tal forma que os destinatarios da norma poidan ter unha visión de conxunto que non lles obrigue a empregar textos distintos para coñecer a regulación aplicable.

 

Non obstante, esta administración tamén quere dar un paso adiante e ser pioneira no fomento da tenza responsable dos animais de compañía e regular algúns aspectos novidosos que hoxe en día non se recollen nas ordenanzas municipais.

 

Un deles é o de regular as colonias felinas, obriga que nace da propia lei autonómica, pero neste labor este concello quere tender unha man ás asociacións de protección e defensa dos animais, toda vez que son as entidades idóneas para colaborar coa administración no coidado e supervisión destes animais.

 

A outra novidade xorde da necesidade de conciliar o gozo do espazo público por parte da cidadanía que non ten animais de compañía con aquela que si os posúe, tendo en conta para iso o criterio de premiar os cumprimentos na tenza responsable outorgando beneficios a aqueles donos que demostren unha maior responsabilidade e que o poidan acreditar mediante o recoñecemento por parte desta administración da figura do bo cidadán canino. 

 

TÍTULO PRIMEIRO – DISPOSICIÓNS XERAIS

 

Artigo 1. Obxecto e finalidades

 

1.         A presente ordenanza ten por obxecto velar pola protección, benestar, posesión e  tenza responsable dos animais de compañía, incluíndo os silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos e os considerados potencialmente perigosos na normativa autonómica e estatal, de acordo coa atribución competencial que establece a normativa autonómica que atribúe ás persoas titulares das alcaldías a responsabilidade superior na defensa e protección dos animais incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia en cadanseu termo municipal.

2.         Tal e como establece a normativa autonómica, todas as administracións públicas de Galicia cooperarán no desenvolvemento das medidas de defensa e protección dos animais incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/2017 do 3 de outubro e mais na denuncia perante os órganos competentes de calquera actuación contraria ao disposto nela.

3.         Os fins desta ordenanza son:

a.         Acadar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, de acordo á súa condición de seres vivos dotados de sensibilidade física e psíquica.

b.         Fomentar o coñecemento do mundo animal que contribúa a unha conduta máis responsable e cívica das persoas no respecto, a defensa e a preservación dos animais, así como na súa tenza, acorde coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas deles.

c.         Compatibilizar o benestar dos animais co seu gozo e mantemento polas persoas.

d.         Harmonizar a tenza dos animais coa convivencia social pacífica e segura.

e.         Impulsar e promover a identificación dos animais para combater o seu abandono e maltrato.

4.         Esta ordenanza aplícase no marco da normativa internacional, europea, estatal e galega de benestar animal e de tenza de animais potencialmente perigosos.

5.         Esta ordenanza non será de aplicación a animais que sexan obxecto dunha regulación específica, e, entre outros, aos:

a.         Animais de produción destinados ao seu aproveitamento, incluído o autoconsumo.

b.         Animais pertencentes á familia dos équidos.

c.         Animais empregados en calquera espectáculo taurino, incluídos os encerros.

d.         Animais silvestres no medio natural.

e.         Animais empregados para experimentación ou outros fins científicos.

6.         Ás coleccións de animais dos parques ou das reservas zoolóxicas e aos cans de asistencia seralles aplicable supletoriamente esta ordenanza e a Lei 4/2017 do 3 de outubro nos aspectos non previstos na súa normativa específica de regulación.

 

Artigo 2. Definicións

 

Para os efectos desta ordenanza, enténdese por:

 

1.         Animais de compañía: os animais de calquera especie, dos incluídos no ámbito de aplicación desta ordenanza, que teña no seu poder o ser humano, sempre que a súa tenza non supoña como destino o seu consumo ou o aproveitamento das súas producións, ou non se leve a cabo, en xeral, con fins comerciais ou lucrativos. En todo caso, dentro desta definición inclúense, na súa totalidade, os cans, os gatos, os furóns e os animais das coleccións zoolóxicas dos parques ou das reservas zoolóxicas, con independencia do fin ao que sexan destinados ou do lugar en que habiten, ademais de todos aqueles exemplares de animais silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos.

2.         Animais domésticos: aqueles animais de compañía pertencentes a especies que críe e posúa tradicional e habitualmente o ser humano, co fin de vivir en domesticidade no contorno do fogar, así como os de acompañamento, condución e axuda de persoas con discapacidade recoñecida.

3.         Animais silvestres mantidos en catividade: aqueles animais de compañía distintos dos animais domésticos.

4.         Animais de produción: os animais de produción, reprodución, ceba ou sacrificio, incluídos os animais de peletaría ou de actividades cinexéticas, mantidos, cebados ou criados para a produción de alimentos ou produtos de orixe animal, comprendido o autoconsumo, para calquera uso industrial ou calquera outro fin comercial ou lucrativo.

5.         Animais potencialmente perigosos: considéranse animais potencialmente perigosos aqueles animais de compañía pertencentes tanto á fauna autóctona coma alóctona que, con independencia da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertenzan, poidan causar a morte ou provocar lesións ás persoas ou a outros animais, ou producir danos de certa entidade ás cousas, agás o suposto previsto no artigo 1.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.

6.         Animais silvestres: o conxunto de especies, subespecies, poboación e individuos animais que viven e se reproducen de forma natural en estado silvestre, incluídos os que se encontran en invernada ou están de paso, con independencia do seu carácter autóctono ou alóctono e da posibilidade do seu aproveitamento cinexético. Non se entenderán comprendidos os animais das devanditas especies que teñan o carácter de domésticos, os criados con fins produtivos ou de aproveitamento deles ou das súas producións ou cultivos e mais os de experimentación ou investigación científica coa debida autorización.

7.         Animais abandonados: os animais de compañía, incluíndo os vagabundos ou extraviados, cuxa persoa propietaria sexa descoñecida ou da que non sexa posible a súa localización, e aquel animal que, con propietaria ou propietario coñecido, non é recuperado nos prazos legalmente establecidos tras o correspondente requirimento consonte o establecido no artigo 5. Terá igualmente o carácter de abandonado aquel animal que non sexa retirado pola persoa propietaria del de calquera centro ou establecemento de animais no prazo convido, sen prexuízo do procedemento para a súa recollida consonte o establecido no artigo 5.

8.         Animais identificados: os animais de compañía que, tendo implantado o sistema de marcaxe legalmente establecido por unha veterinaria ou un veterinario habilitado, estean dados de alta no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) ou en calquera outro rexistro considerado oficial no territorio en que se establezan, ben sexa doutra comunidade autónoma, do Estado español ou doutro Estado.

9.         Propietario ou propietaria: a persoa física ou xurídica responsable da custodia dun animal de compañía que figure inscrita como propietaria no rexistro de identificación correspondente. Naqueles supostos en que non exista constancia desta inscrición, considérase propietario ou propietaria quen poida demostrar a súa titularidade por calquera medio admitido en dereito. As persoas menores e incapacitadas poderán ser propietarias de acordo coas regras xerais sobre capacidade establecidas no Código civil.

10.      Posuidor ou posuidora: a persoa física que, sen reunir a condición de propietaria ou propietario segundo o establecido na definición anterior, teña e/ou estea encargada do coidado do animal de compañía.

11.      Tenza responsable: o conxunto de obrigas, condicións e compromisos que deben asumir as persoas propietarias e posuidoras para garantir e asegurar o benestar dos animais incluídos no ámbito de aplicación desta ordenanza e a súa calidade de vida, conforme as súas necesidades etolóxicas e fisiolóxicas.

12.      Asociacións de protección e defensa dos animais: aquelas asociacións constituídas legalmente e inscritas no rexistro oficial correspondente, sen fin de lucro, que teñen por obxecto fundamental a defensa e protección dos animais no medio en que vivan.

13.      Eutanasia: a morte deliberada e provocada dun animal, sempre prescrita e efectuada por unha ou un profesional veterinario, coa finalidade de lle evitar sufrimento grave e irremediable ou afección grave, ou ben por razóns motivadas de sanidade animal, de saúde pública, de seguridade das persoas ou ambientais.

Consonte ao establecido na normativa autonómica, a eutanasia dos animais será prescrita e realizada por unha ou un facultativo veterinario, de forma rápida e indolora, coa aplicación de sedación cando o manexo do animal poida supoñer un estrés ou sufrimento adicional, e efectuada con métodos que impliquen o mínimo sufrimento e provoquen unha perda de consciencia inmediata. Por vía regulamentaria determinaranse os métodos autorizados para a eutanasia animal. As consellarías competentes en materia de protección e sanidade animal poderán establecer excepcións aos métodos de eutanasia en situacións de emerxencia e/ou perigosidade debidamente xustificados. Cando sexa preciso o emprego de armas de fogo, e non exista outro método alternativo, estas deberán ser empregadas polas forzas ou corpos de seguridade ou por persoal expresamente autorizado polas ditas consellarías, logo da valoración da situación e dos riscos que implica, e actuando segundo a normativa específica aplicable.

14.      Maltrato: calquera conduta que ocasione directa ou indirectamente ao animal dor, sufrimentos ou danos evitables, tanto físicos coma psíquicos, ou a morte, sexa por acción ou omisión dolosa ou neglixente. Quedan excluídos desta definición os supostos en que concorra caso fortuíto ou forza maior.

15.      Establecemento de animais de compañía: calquera recinto, instalación, edificio ou grupo de edificios, incluíndo anexos e espazos que non estean totalmente pechados ou cubertos, así como as instalacións móbiles onde se aloxen, manteñan, críen ou se preste servizos a estes animais.

16.      Núcleo zoolóxico: conxunto formado polo establecemento ou recinto de animais de compañía, tanto de titularidade pública coma privada, e a colección zoolóxica que alberga.

17.      Colección zoolóxica: conxunto de animais de compañía que habitan nun núcleo zoolóxico, de xeito permanente ou temporal.

18.      Canceira deportiva: núcleo zoolóxico dedicado ao fomento, á cría e ao coidado de cans coa finalidade da práctica dalgunha modalidade deportiva, incluída a actividade cinexética, que albergue unha cantidade superior a dez exemplares maiores de tres meses de idade, ou quince cans maiores de tres meses de idade no caso de canceiras deportivas dedicadas á actividade cinexética.

19.      Aves de rapina en catividade: aquelas especies de aves e os seus híbridos pertencentes ás ordes falconiformes e estrixiformes que se atopan en catividade.

20.      Consellaría competente en materia de protección animal: a consellaría con competencias e funcións en materia de conservación da natureza, segundo o establecido no correspondente decreto de estrutura orgánica.

21.      Consellaría competente en materia de sanidade animal: a consellaría con competencias e funcións en materia de protección e control da sanidade animal, segundo o establecido no correspondente decreto de estrutura orgánica.

22.      Eventos con animais de compañía: calquera actividade que supoña a exhibición e a realización de concursos, exposicións, certames, feiras ou atraccións públicas, de acordo co establecido na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no relativo aos espectáculos públicos e ás actividades recreativas, recollidos baixo unha mesma autorización, que implique a participación de animais de compañía (agás os parques zoolóxicos, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 31/2003, do 27 de outubro, de conservación da fauna silvestre nos parques zoolóxicos). A realización de eventos con animais de compañía deberá ser obxecto de autorización previa ao seu desenvolvemento, outorgada pola consellaría competente en materia de protección animal, cos requisitos e segundo o procedemento que regulamentariamente se establezan, sen prexuízo de calquera outra autorización que sexa preceptiva.

 

Artigo 3. Asociacións de protección e defensa dos animais

 

1.         As asociacións de protección e defensa dos animais inscribiranse de maneira obrigatoria no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía, conforme o procedemento regulamentariamente establecido.

2.         Así mesmo, estas asociacións están obrigadas a comunicar as modificacións producidas nos seus órganos de goberno, estatutos, datos de contacto ou calquera outro dato que conste na inscrición rexistral e mais a súa baixa como asociación, de ser o caso.

3.         As asociacións de protección e defensa dos animais teñen a obriga de denunciar os feitos constitutivos de infracción administrativa segundo o previsto na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia perante as autoridades públicas competentes. Para tal efecto, recoñeceráselles a condición de interesadas no procedemento administrativo sancionador consonte o disposto no artigo 4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

 

TITULO SEGUNDO – PROTECCIÓN E TENZA DE ANIMAIS DE COMPAÑÍA

 

CAPITULO I. Da protección dos Animais de Compañía

 

Artigo 4. Protección dos animais de compañía

 

1.         A persoa propietaria ou posuidora dun animal é responsable da súa protección e benestar e deberá cumprir con todas as obrigas previstas tanto nesta ordenanza como na lei de benestar animal e nas disposicións que a desenvolvan.

2.         En concreto, as persoas propietarias e posuidoras de animais teñen a obriga de garantir as seguintes necesidades básicas:

a.         Subministrarlles a alimentación, a auga e os coidados que estean en consonancia coas súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas axeitados para o seu normal desenvolvemento.

b.         Proporcionarlles aloxamento suficiente, cómodo, seguro, ao abeiro das inclemencias meteorolóxicas, e mantelos en boas condicións hixiénico-sanitarias e ambientais, todo conforme a súa etoloxía e as súas características físicas.

c.         Sometelos ás revisións veterinarias necesarias e prestarlles todos aqueles tratamentos veterinarios preventivos, paliativos ou curativos que sexan precisos para garantir un bo estado sanitario, ou que lles eviten sufrimento, así como sometelos a calquera tratamento preventivo que sexa declarado obrigatorio para o seu benestar ou para a protección da saúde pública ou a sanidade animal.

d.         Proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso, de acordo coas súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas.

e.         Proporcionarlles un contorno libre de estrés, medo e sufrimento, así como a posibilidade de interacción necesaria para o seu normal desenvolvemento.

3.         As persoas propietarias ou posuidoras de animais teñen, ademais das anteriores, as seguintes obrigas:

a.         Colaborar coas autoridades e os seus axentes e mais facilitarlles canta documentación e información lles sexa requirida, así como o acceso ou a entrada aos lugares que sexa necesario, co fin de cumprir as previsións contidas na normativa de aplicación.

b.         Adoptar as medidas necesarias para que os animais non poidan acceder libremente ás vías nin aos espazos públicos ou privados. No caso dos cans, deberán levalos provistos de correa e colar ou outros elementos de retención, agás os supostos establecidos nas actividades autorizadas en que os animais precisan transitar en liberdade ou naqueles lugares en que se permita que transiten en liberdade, e, en todo caso, baixo o control e a responsabilidade das persoas propietarias ou posuidoras deles, evitando danos ou molestias ás persoas viandantes ou a outros animais. Así mesmo, deberase impedir o libre acceso ao lugar onde se aloxen os animais das persoas ou doutros animais. 

c.         Recoller os excrementos que os animais depositen nas vías e nos espazos públicos e privados de uso común.

d.         Evitar a reprodución incontrolada dos animais.

e.         Manter actualizados os datos comunicados aos rexistros obrigatorios previstos na lei de benestar animal, así como nos rexistros municipais previstos na normativa de aplicación.

4.         Están prohibidas as seguintes condutas ou prácticas en relación cos animais incluídos no ámbito de aplicación desta ordenanza:

a.         O maltrato aos animais, no sentido indicado no artigo 2.14.

b.         O abandono dos animais, no sentido indicado no artigo 2.7.

c.         A utilización de calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou empecer a mobilidade dos animais, lles produza dor, danos, sufrimentos, menoscabo ou estrés innecesarios, en especial os que lles impidan manter a cabeza na posición natural, agás prescrición veterinaria. Neste sentido, prohíbese manter os animais da especie canina atados de forma permanente ou limitarlles os movementos que son necesarios durante a maior parte do día, así como o emprego de instrumentos ou métodos daniños de suxeición, retención ou educación, como os colares eléctricos que produzan descargas.

d.         Non proporcionar aos animais a auga e a alimentación abondas e adecuadas ás súas necesidades, agás por prescrición veterinaria.

e.         Manter os animais en condicións inadecuadas, desde o punto de vista hixiénico-sanitario ou ambiental, ou desatender o coidado e a atención necesarios, de acordo coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas segundo a raza e a especie.

f.               Obrigar os animais a desempeñaren traballos ou actividades nos que o esforzo esixido supere a súa capacidade ou ben se poña en perigo a súa saúde.

g.         Empregar animais en atraccións feirais e outras asimilables, agás os eventos con animais de compañía autorizados pola consellería competente en materia de protección animal.

h.         Practicar mutilacións aos animais, incluídas aquelas que teñan como finalidade o mantemento das características dun tipo racial ou estéticas. Exclúense aquelas mutilacións necesarias por razóns médico-cirúrxicas, de esterilización, por esixencia funcional ou por supoñer un beneficio futuro para o animal, as cales deberán ser, en todo caso, prescritas e realizadas por unha ou un profesional veterinario.

i.                Regalar animais como recompensa, premio ou gratificación en eventos ou atraccións públicas, de acordo co definido no artigo 2.22.

j.                Utilizar animais en pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade que leven consigo malos tratos, crueldade ou sufrimento.

k.         A entrada e permanencia de animais de compañía nos locais ou lugares destinados á preparación, a venda, o almacenamento, o transporte ou a manipulación de alimentos. Malia o anterior, as persoas propietarias de hoteis, pensións, restaurantes, bares, cafetarías e similares poderán autorizar ao seu criterio a entrada e permanencia dos animais de compañía nos seus establecementos, para o que deberán mostrar un distintivo que o indique nun lugar visible á entrada do establecemento. En todo caso, para a súa entrada e permanencia, esixirase que os animais domésticos estean debidamente identificados e os cans potencialmente perigosos sempre deben ir atados con correa e levar posto o bozo.

Exceptúanse das prohibicións establecidas nesta alínea os cans de asistencia e os pertencentes ás Forzas Armadas e aos corpos e forzas de seguridade do Estado, do ámbito autonómico e local, así como os das empresas de seguridade legalmente habilitadas e os dos corpos de salvamento e rescate.

l.                O emprego e a tenza de animais de especies silvestres nos circos.

m.        A filmación ou realización de escenas para cine, televisión ou calquera outro medio audiovisual que recollan escenas de crueldade, maltrato, morte ou sufrimento de animais, agás autorización da consellaría competente en materia de protección animal, co fin de garantir que o dano sexa simulado e que os produtos e os medios empregados non provoquen ningún prexuízo ao animal.

n.         A utilización de calquera tipo de produtos ou substancias farmacolóxicas para modificar o comportamento natural dos animais que se utilizan para o traballo fotográfico, publicitario, de exposición ou exhibición.

o.         Exercer a mendicidade ou calquera outra actividade ambulante utilizando animais como medio de publicidade ou reclamo destas actividades.

p.         Alimentar os animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás situacións que poidan comprometer o benestar dos animais.

q.         Dar educación agresiva, estresante ou violenta aos animais, así como de instigación ou preparación para pelexas ou ataques, quitando os adestradores de cans de empresas de seguridade legalmente habilitadas e de corpos e forzas de seguridade do Estado e as excepcións previstas no artigo 11 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Neste punto, prohíbese expresamente implicar os animais en pelexas, ataques ou agresións, incluíndo a súa organización, así como encirralos, permitirlles ou non impedirlles atacar unha persoa ou calquera outro animal.

 

Artigo 5. Animais de compañía abandonados e perdidos

 

1.         O concello recollerá os animais domésticos vagabundos e extraviados que deambulen polo seu termo municipal e albergaraos en centros de recollida de animais abandonados inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos ata que sexan retirados polos seus propietarios ou propietarias, sexan acollidos temporalmente ou adoptados, ou ben se lles dea outro destino autorizado segundo os supostos establecidos na normativa de aplicación.

2.         O concello poderá prestar o servizo de recollida e acollemento por si mesmo ou asociado, en réxime de xestión directa ou indirecta. Así mesmo, poderá subscribir convenios de colaboración nesta materia con outras administracións públicas e entidades, como as asociacións de protección e defensa dos animais.

3.         O concello poderá recoller e acoller animais por solicitude das persoas propietarias deles, logo da xustificación por parte destas da imposibilidade da asunción das obrigas derivadas da normativa de aplicación.

4.         Aos centros de recollida seralles de aplicación tanto o establecido na Lei 4/2017 do 3 de outubro, como o que se estableza no desenvolvemento regulamentario da lei.

5.         Excepcionalmente, en situacións de emerxencia que poidan comprometer o benestar dos animais, a cidadanía poderá realizar a recollida de xeito puntual e desinteresado dun animal vagabundo ou extraviado ata a súa entrega final ou posta á disposición do centro de recollida autorizado que a autoridade competente determine.

6.         De o animal recollido se atopar identificado ou ter persoa propietaria coñecida, o centro de recollida poñerá en coñecemento desta a entrada do animal nas súas instalacións, no prazo de corenta e oito horas desde a súa recollida. Se transcorridos dous días desde a comunicación á súa persoa propietaria, esta non procede á retirada do animal, o centro notificaralle que dispón dun prazo máximo de dez días naturais, contados desde o día seguinte ao da devandita notificación, para a recuperación do animal, logo da satisfacción de todos os gastos, incluídos os veterinarios, derivados da súa recollida e estancia no centro, e coa exhibición da licenza correspondente no suposto de se tratar dun animal potencialmente perigoso

7.         Ao transcorrer o prazo máximo de dez días naturais, contados desde o día seguinte ao da notificación ou da publicación, no suposto de notificación infrutuosa, sen se ter retirado o animal, este pasará a ter a consideración de animal abandonado, o que habilitará o concello para lle dar o destino que legalmente proceda. Neste suposto, o centro de recollida deberá dar traslado dos feitos á consellaría competente en materia de protección animal para os efectos da apertura do correspondente expediente sancionador.

8.         De o animal recollido non se atopar identificado e non ter dona ou dono coñecido, pasará a ter a consideración de animal abandonado. Se ao transcorrer dez días naturais desde a entrada no centro de recollida non é reclamado pola persoa propietaria, posuidora ou autorizada, logo da acreditación da propiedade ou posesión, o centro queda habilitado para lle dar o destino que legalmente proceda.

9.         Os animais recollidos deberán ser necesariamente identificados, de acordo co artigo 8 desta ordenanza, para poder ser entregados ás persoas propietarias deles, segundo as obrigas establecidas para cada especie, facéndose cargo estas dos gastos derivados da dita actuación.

10.      O destino prioritario dos animais domésticos abandonados será a súa adopción. Sen prexuízo dos que se establezan regulamentariamente, deberanse cumprir os seguintes requisitos para a adopción:

a.         Que o animal doméstico que se vai adoptar teña a condición de abandonado, segundo os prazos e as condicións establecidos neste artigo.

b.         Que o animal doméstico proveña dun centro de recollida autorizado.

c.         Que o animal doméstico sexa declarado apto para a adopción polo veterinario ou pola veterinaria responsable do centro de recollida no que se encontre. Os animais deben ser entregados en adopción identificados, vacinados, desparasitados e esterilizados segundo prescrición da veterinaria ou do veterinario responsable, co fin de garantir o seu correcto estado hixiénico-sanitario.

d.         A adopción deberá ser gratuíta, sen prexuízo de que o propio centro de recollida poida repercutir sobre quen o adopte os custos derivados dos tratamentos subministrados, da identificación e da esterilización, segundo proceda.

11.      As persoas físicas que adopten animais de compañía segundo o establecido neste artigo quedarán sometidas ás obrigas previstas para as persoas propietarias e posuidoras de animais establecidas nesta ordenanza e na normativa autonómica de aplicación.

12.      Cando non sexa posible a adopción ou cando concorran circunstancias que o aconsellen, o centro de recollida poderá entregar o animal abandonado, en réxime de acollemento temporal, a persoas físicas que poidan garantir o coidado, a atención e as condicións hixiénico-sanitarias que precise. En calquera caso, será necesario o cumprimento do establecido no epígrafe 10.c) deste artigo e o acollemento estará condicionado á devolución inmediata do animal de aparecer unha persoa adoptante.

13.      A persoa física que acolla temporalmente un animal neste réxime estará obrigada a comunicar ao centro que llo entrega calquera incidencia ao seu respecto.

14.      Os domicilios en que se acollan temporalmente animais de compañía terán a consideración de fogares de acollida. Regulamentariamente establecerase pola administración autonómica o número máximo de animais que se poderán acoller nun mesmo fogar de acollida.

15.      As persoas físicas que acollan temporalmente animais domésticos quedarán sometidas ás obrigas previstas nesta ordenanza para as persoas propietarias e posuidoras, agás no establecido para a contratación dos seguros de responsabilidade civil legalmente esixibles, que corresponderá ao centro que entrega o animal en acollemento temporal.

16.      Os concellos e os centros de recollida autorizados manterán unha relación actualizada destes fogares de acollida.

17.      O establecido neste artigo tamén será de aplicación para os exemplares de especies silvestres mantidos en catividade, agás aqueles pertencentes a especies que conten con normativa específica de aplicación na que se recollan as autoridades competentes responsables da súa protección e custodia. En especial, exceptúanse os exemplares de especies silvestres acollidas nun réxime de protección especial, as especies cinexéticas e as especies declaradas como exóticas invasoras.

18.      Non se poderá dar morte aos animais acollidos nun centro de recollida ou fogar de acollida temporal, con independencia do tempo transcorrido desde a súa entrada.

19.      Exceptúanse da prohibición establecida no punto anterior os supostos de eutanasia do animal debidamente motivados por escrito por unha ou un profesional veterinario, co fin de lle evitar un sufrimento grave e irremediable ou unha afección grave, ou ben por razóns motivadas de sanidade ou benestar animal, de saúde pública, de seguridade das persoas ou ambientais.

 

CAPITULO II. Da tenza dos animais domésticos

 

Artigo 6.  Obrigas específicas das persoas posuidoras e propietarias de animais domésticos

 

1.         Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 4, correspóndenlles ás persoas posuidoras ou propietarias de animais domésticos as seguintes obrigas específicas:

a.         A esterilización dos cans de asistencia segundo a súa normativa específica, así como dos cans que se manteñan en polígonos industriais e obras.

b.         Prohíbese levar ceibos nas vías públicas os cans e os demais animais domésticos, que deberán ir provistos de correa e colar ou outro elemento de retención, agás naqueles lugares nos que se permita que transiten en liberdade e, en todo caso, baixo o control e a responsabilidade dos posuidores ou das posuidoras daqueles. Malia o anterior, nos carreiros e camiños no ámbito rural poderase levar solto o animal sempre que non se ocasione danos, molestias nin riscos ás persoas, a outros animais e ás cousas e sempre e cando se conte coa correa e colar que permita a súa retención no caso de atoparse con outros peóns a fin de evitarlles as molestias que os animais poidan ocasionar. Esta excepción non será de aplicación aos animais potencialmente perigosos, que se rexen pola súa lexislación específica.

c.         Comunicar ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) o extravío ou a morte do animal doméstico, no caso de inscrición obrigatoria, no prazo máximo de setenta e dúas horas desde que se teña coñecemento de tales feitos.

d.         Comunicar ao centro de recollida de animais domésticos abandonados encargado do servizo de lacería do concello a subtracción ou perda dun animal de compañía, no prazo de 24 horas dende que se tivese coñecemento dos feitos, coa documentación identificativa pertinente, para os efectos de facilitar a súa recuperación.

2.         A tenza de animais domésticos en recintos ou vivendas privadas queda condicionada ás necesidades etolóxicas de cada especie e raza, ao espazo, ás circunstancias hixiénicas óptimas e á adopción das axeitadas medidas de seguridade, sen prexuízo do disposto nas normas que constitúan o réxime interior das comunidades de veciños. A tenza ou posesión de máis de cinco animais, maiores de tres meses, pertencentes á especie canina, estará sometida á obriga de comunicación previa á consellaría competente en materia de protección animal, de acordo co procedemento que se estableza regulamentariamente. Non obstante, cando a xuízo das autoridades autonómicas competentes en materia de sanidade e benestar animal, a tenza destes animais poida comportar un risco sanitario ou se precisen condicións diferentes ás existentes para garantir o seu benestar e protección, deberá ser obxecto de autorización como establecemento de coleccións zoolóxicas particulares, consonte o establecido na normativa autonómica de aplicación.

3.         As persoas propietarias ou posuidoras de animais que causen lesións a persoas ou a outros animais están obrigadas a:

a.         Facilitar os datos do animal agresor e os propios á persoa agredida, aos propietarios do animal agredido e aos axentes da autoridade que o soliciten.

b.         Comunicar a agresión e presentar a documentación sanitaria do animal, nun prazo máximo de 24 horas tras os feitos, ás autoridades municipais, e pórse á súa disposición.

c.         Someter ao animal agresor a recoñecemento dunha veterinaria ou dun veterinario en exercicio libre da profesión en dúas ocasións dentro dos 15 días seguintes á agresión. Neste recoñecemento o veterinario responsable emitirá un certificado no que conste se o animal presenta ou non síntomas de doenza infecto-contaxiosa, que comunicará ás autoridades competentes en sanidade animal no caso de sospeita. Cando as circunstancias o aconsellen e a autoridade municipal o considere necesario, poderase obrigar a recluír ao animal agresor nun centro autorizado, para sometelo a observación veterinaria; e os gastos ocasionados correrán a cargo da persoa propietaria ou posuidora.

d.         De acordo co establecido no artigo 2 do Real Decreto 287/2002, de 22 de marzo, polo que se desenvolve a lei 50/1999, de 23 de decembro, sobre o Réxime Xurídico da Tenza de Animais Potencialmente Perigosos, a autoridade local poderá determinar a potencial perigosidade do mesmo, previo informe dun veterinario designado ou habilitado pola autoridade municipal, polo que o propietario estará obrigado a facilitar a realización da valoración e do dito informe de ser o caso.

e.         Os veterinarios clínicos do Concello teñen a obriga de comunicar á administración municipal os casos atendidos consistentes en lesións producidas por agresións entre cans nos que teñan datos dos animais involucrados, debendo especificarse o potencial perigo dos cans, aos efectos da súa posible consideración como potencialmente perigosos.

 

Artigo 7. Protección da saúde pública e da tranquilidade e seguridade das persoas

 

1.         En particular, establécense as seguintes prohibicións para a protección da saúde pública:

a.         A entrada de animais domésticos en todo tipo de locais destinados á fabricación, almacenamento, transporte, manipulación ou venda de alimentos, coa excepción establecida na normativa autonómica recollida no artigo 4.4.k.

b.         A entrada de animais domésticos nos parques de ocio destinados para os nenos.

c.         O baño de animais en fontes, estanques públicos ou similares.

d.         Dar de beber directamente en fontes de consumo público.

e.         A entrada de animais domésticos nos establecementos recreativos e deportivos de concorrencia pública, salvo os animais participantes en establecementos deportivos autorizados (canódromos, hipódromos ou similares) ou aqueles eventos debidamente autorizados pola consellería competente e polo concello.

2.         Non se aplicarán as condicións establecidas nos puntos 1.a) e 1.e) aos cans de asistencia, debidamente acreditados. Tampouco serán sancionables as conductas accidentais que poidan realizar os donos destes animais no tocante aos puntos 1.b), 1.c) e 1.d).

3.         Está prohibido deixar, en horario nocturno, animais nos patios, terrazas, galerías, ventás ou balcóns, que con sons, gritos ou cantos poidan alterar o descanso ou tranquilidade dos veciños. Así mesmo durante o horario diúrno deberán ser atendidos polos seus propietarios ou encargados, cando de xeito evidente ocasionen molestias ós ocupantes de vivendas veciñas, e se superen os niveis de emisión de ruídos establecidos na lexislación de aplicación.

 

Artigo 8. Identificación dos animais de compañía

1.         A identificación dos animais da especie canina é obrigatoria sen excepción. O animal deberá ser identificado dentro dos seus tres primeiros meses de vida e, en todo caso, antes de ser obxecto de transmisión. Así mesmo, serán obxecto de identificación obrigatoria todos os animais catalogados como potencialmente perigosos. As persoas propietarias e criadoras de cans están obrigadas a proceder á súa identificación neste prazo.

2.         Todos aqueles exemplares de aves de rapina que dispoñan da autorización da consellería competente deberán estar identificados individualmente con microchip ou anel, sen prexuízo de calquera outro sistema de marcaxe que se poida establecer regulamentariamente, e inscribirse na sección correspondente do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía.

3.         No caso da tenza en catividade de exemplares de animais silvestres pertencentes a especies autóctonas, incluídas as declaradas como especies cinexéticas, ademais da preceptiva a autorización expresa da consellaría competente en materia de protección animal, será obrigatoria así mesmo a identificación individual mediante microchip ou anel identificativo destes animais, segundo o procedemento que se estableza regulamentariamente.

4.         A identificación do resto de animais de compañía será voluntaria. Nestes casos, as condicións desa identificación fixaranse regulamentariamente.

5.         No caso específico dos gatos e furóns que sexan obxecto de traslado a outros países serán aplicables as obrigas establecidas na normativa vixente que regula o desprazamento de animais de compañía.

6.         A identificación comprende o sistema de marcaxe legalmente establecido, a expedición do correspondente documento de identificación ou pasaporte nos casos que corresponda, segundo o modelo normativamente regulado, así como a inscrición do animal no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac).

7.         A inscrición no Regiac (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía), sen prexuízo dos demais requisitos establecidos regulamentariamente, conterá o código identificador do animal, o número de pasaporte sanitario nos casos en que este sexa preceptivo, a especie e a raza, o sexo, a data do nacemento e o enderezo habitual do animal, xunto cos datos identificativos da persoa propietaria del.

8.         No caso de inscrición obrigatoria, o cambio de titularidade dun animal de compañía será comunicado ao devandito rexistro, tanto pola persoa cedente coma pola adquirente da súa titularidade, no prazo máximo de dez días desde que se produza a efectiva entrega del.

9.         Quedan exceptuados da obriga de inscrición no Regiac os cans que proveñan doutros territorios do Estado e que permanezan transitoriamente en Galicia un período de tempo inferior a tres meses.

10.      A identificación será requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transmisión do animal, cando aquela sexa obrigatoria segundo a especie, a título oneroso ou gratuíto, e debe constar en calquera documento que faga referencia a el. Non se expedirán pasaportes sanitarios a cans sen facer constar a identificación do animal.

11.      Ao amparo dos principios de cooperación, colaboración e coordinación previstos no artigo 3 da Lei 40/2015, 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, persoal municipal debidamente acreditado poderá consultar os datos obrantes no Regiac, da mesma forma que de acordo cos procedementos que regulamentariamente estableza a consellería competente, o persoal municipal achegará a dito rexistro os datos requiridos e obrantes nesta administración de tal forma que se constitúa unha base de datos única, completa e actualizada que permita unha maior eficacia e eficiencia para o exercicio das funcións de todas as administracións.

CAPITULO III. Dos animais domésticos na vía e espazos públicos

 

Artigo 9. Condicións dos animais na vía e nos espazos públicos

 

1.         Na vía e espazos públicos, os cans deben ir atados por medio dun colar e unha correa que non ocasione lesións ao animal.

2.         Para a condución de cans potencialmente perigosos pola vía pública deberán cumprirse as seguintes condicións adicionais cando circulen pola vía e os espazos públicos:

a.         O animal deberá levar un bozo apropiado á tipoloxía racial do mesmo.

b.         O animal deberá ir atado por medio dun colar e unha correa que non sexa extensible e de lonxitude inferior a 2 metros, e que non ocasione lesións ao mesmo.

c.         O animal deberá ser conducido por unha persoa en posesión da licenza de tenza de animais potencialmente perigosos.

d.         Non se poderá conducir máis dun can potencialmente perigoso por persoa.

3.         Deben recollerse inmediatamente as deposicións realizadas polos animais na vía pública, en zonas verdes e en xeral, en calquera lugar destinado ao tránsito de péons, e introducilas de xeito hixiénico dentro de bolsas axeitadas, e depositalos nos colectores ou nos lugares que a Administración municipal destine expresamente para ese efecto. Debe procederse á inmediata limpeza dos elementos afectados. Esta obriga non será aplicable ás deposicións dos cans guía ou lazarillos que guíen a persoas invidentes.

4.         A maiores das prohibicións detalladas no artigo 7. Está prohibido:

a.         O adestramento na vía pública de cans para as actividades de ataque, defensa, garda e similares.

b.         As miccións nas fachadas dos edificios e naquel mobiliario urbano destinado ao uso por parte dos peóns como son bancos, marquesiñas de transporte público e fontes públicas. Exclúense desta limitación os farois ou elementos de iluminación pública.

c.         Utilizar en calquera elemento das fachadas, na vía pública e espazos privados de uso público, produtos que polas súas características de perigosidade poidan causar calquera tipo de dano a persoas ou animais. En concreto, prohíbese o uso de xofre nos anteditos espazos para evitar as miccións dos animais.

5.         O Concello habilitará espazos dirixidos expresamente ós animais de compañía domésticos como son os parques caninos.

6.         Ademais, o Concello poderá regular e delimitar as áreas e espazos onde os cans, que non teñan a consideración de potencialmente perigosos, poderán ir ceibos, aínda que supervisados en todo momento polos seus propietarios, e sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos.

a.         Será requisito obrigatorio para gozar da excepción de conducir o can con correa que o dono e o can conten cunha acreditación de ter superado con éxito o Programa Cidadán Canino Exemplar, de tal forma que o propietario do can sexa un dono e guía responsable e estea en posesión da certificación que acredite que o can posúe a educación e o comportamento social adecuado para manter unha convivencia adecuada e ser membros fiables e educados no entorno familiar e das cidades onde habiten.

b.         A requirimento dun axente da autoridade deberase mostrar a acreditación sinalada no apartado anterior, constituíndo unha infracción leve a esta ordenanza non mostrala.

c.         A comisión dunha infracción desta ordenanza ou da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, sancionada por resolución firme suporá a perda do dereito a gozar desta condición.

d.         A delimitación destas áreas poderá incluír delimitacións horarias se así se considerase conveniente para garantir o gozo do espazo público por parte da cidadanía en xeral.

e.         A falta dunha regulación específica na materia, serán validos as certificacións dos programas de bo cidadán canino que cumpran os seguintes requisitos:

                       i.             Estean deseñados de forma homoxénea e estandarizada.

                      ii.Conten cun programa de auditoría e/ou control que garanten estes      aspectos.

                     iii.Que estean amparados por unha entidade e/ou asociación profesional de carácter autonómico, estatal e/ou internacional ou pola normativa sectorial.

                     iv.Aos efectos de poder levar os cans ceibos polas áreas ou espazos previamente delimitados, as certificacións terán unha validez de 5 anos. Transcorrido o dito prazo, deberán renovarse co gallo de acreditar que se seguen a cumprir os mesmos requisitos.

Artigo 10. Espazos reservados aos animais de compañía domésticos ou parques caninos

 

1.         O Concello poderá determinar espazos reservados para o recreo dos animais de compañía domésticos, a socialización e a realización das súas necesidades fisiolóxicas en condicións correctas de hixiene.

2.         Os animais de compañía poderán estar libres, baixo a responsabilidade do seu propietario, neste lugares habilitados. De acordo co establecido na normativa estatal reguladora da materia e tendo en conta o ámbito competencia, esta condición non será de aplicación aos animais que teñan a consideración de potencialmente perigosos de acordo coa normativa vixente.

3.         A utilización destes espazos rexerase polas seguintes normas de uso:

a.         Estes espazos deberán estar pechados para evitar a fuxida ou a perda dos animais de compañía, polo que deben abrirse soamente o tempo estritamente necesario para a entrada ou a saída.

b.         Estes espazos deberán ser utilizados responsablemente polos propietarios ou posuidores dos animais que deberán coidar os seus animais, evitando a fuxida dos mesmos e as loitas ou enfrontamentos con outros animais.

c.         Nestes espazos é obrigatoria a recollida inmediata dos excrementos dos animais de xeito hixiénico, depositando os mesmos nos colectores ou lugares habilitados polo Concello para a súa posterior recollida.

d.         Non se poderá alimentar os animais neste espazo, evitando así comportamentos agresivos entre os mesmos. Neste apartado non se inclúen pequenos premios utilizados no adestramento. Tamén queda prohibido o consumo de alcohol ou comida dentro do recinto.

e.         Non estará permitido o adestramento para ataque, defensa, garda ou similares. Si o estarán outras alternativas ou modalidades de adestramento de carácter non violento.

f.               Nestes espazos está prohibida a entrada de cadelas en celo.

g.         Prohíbese o paso de cans con correa de dentes ou puntas, así como introducir materiais punzantes ou cristais no recinto.

h.         Están prohibidos xogos que impliquen agresividade ou competición entre cans.

i.                Está prohibida a entrada de menores nos recintos, agás que o fagan acompañados dun adulto.

j.                Os cans que manifesten un comportamento agresivo deben ser retirados inmediatamente do recinto.

k.         Queda prohibido o uso de recinto para calquera outra actividade que non sexa o esparexemento dos cans.

 

Artigo 11. Transporte dos animais de compañía

1.         Sen prexuízo do cumprimento da normativa vixente na materia, o transporte dos animais de compañía efectuarase segundo as peculiaridades propias de cada especie, co espazo, as dimensións e os requisitos hixiénico-sanitarios axeitados, de acordo co que se determine regulamentariamente. Durante o seu transporte, os animais deberán ser alimentados e abeberados segundo se estableza regulamentariamente pola normativa autonómica. Así mesmo, empregaranse equipos axeitados na carga e descarga de animais que non produzan danos ou sufrimentos.

2.         Non se poderán transportar animais feridos ou enfermos, salvo:

a.    Que se trate de animais levemente feridos ou enfermos, cuxo transporte non sexa causa de lesións ou sufrimentos innecesarios.

b.    Que os animais sexan transportados co obxecto de os someter á atención, ao diagnóstico e/ou ao tratamento veterinario. Na medida do posible, no caso de animais residentes en establecementos autorizados, a atención veterinaria intentarase aplicar no propio establecemento, en prol do seu benestar.

c.     No transporte e na permanencia en vehículos de particulares estacionados, incluídos os seus remolques, o animal dispoñerá de ventilación e temperaturas adecuadas, así como de espazo abondo que lle permita levantarse, xirar e tombarse.

3.         Queda prohibido o transporte de animais de compañía nos maleteiros totalmente pechados e sen ventilación axeitada, así como levalos atados a vehículos de motor en marcha.

CAPITULO IV. Dos animais potencialmente perigosos

 

Artigo 12. Animais potencialmente perigosos

1.         Considéranse animais potencialmente perigosos aqueles animais de compañía pertencentes tanto á fauna autóctona coma alóctona que, con independencia da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertenzan, poidan causar a morte ou provocar lesións ás persoas ou a outros animais, ou producir danos de certa entidade ás cousas, excepto o suposto previsto no artigo 1.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. É dicir, non teñen a consideración legal de cans potencialmente perigosos os que pertencen ás Forzas Armadas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Corpos de Policía das Comunidades Autónomas, Policía local e empresas de seguridade con autorización oficial.

2.         En todo caso, entenderase por cans potencialmente perigosos aqueles nos que concorran calquera das condicións seguintes:

a.         Cans que polas súas características raciais poidan ser aptos para o adestramento para a garda e defensa, e en concreto os cans pertencentes ás seguintes razas: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquín (ca de bou), rottweiler, bull terrier, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu, e mais as restantes razas que poidan determinarse na normativa estatal sobre animais potencialmente perigosos de obrigado cumprimento. Tamén serán considerados potencialmente perigosos os cruzamentos en primeira xeración destas razas ou os cruzamentos destas razas con outras.

b.         Cans que foron adestrados para a garda e defensa.

c.         Cans que tiveron algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou ás cousas, ou aqueles que manifesten un carácter marcadamente agresivo. Nestes casos, a potencial perigosidade deberá ser apreciada pola autoridade municipal, de oficio ou despois de notificación ou denuncia, atendendo criterios obxectivos e logo do informe dunha ou dun profesional veterinario designado para o efecto.

Artigo 13. Licenza

 

1.         A tenza e a custodia dun animal cualificado como potencialmente perigoso requirirá da obtención previa dunha licenza administrativa que será outorgada polo concello de residencia do solicitante, previa acreditación documental dos seguintes requisitos:

a.         Ser maior de idade.

b.         Non ter sido condenado por delitos de homicidio, lesións, tortura, contra a liberdade e integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación ou banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á tenza de animais potencialmente perigosos.

c.         Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico dos animais potencialmente perigosos. Non obstante, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licenza, ter sido sancionado coa suspensión temporal da mesma, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente.

O cumprimento dos requisitos establecidos nos epígrafes b) e c) deste apartado acreditaranse mediante os certificados negativos expedidos polos rexistros correspondentes.

d.         Acreditación de dispoñer da capacidade física e a aptitude psicolóxica para a tenza de animais potencialmente perigosos.

A capacidade e a aptitude psicolóxica acreditaranse mediante os certificados obtidos de conformidade co disposto no Real decreto 287/2002, do 22 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.

e.         Acreditación de que o propietario do animal ten formalizado un seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de cento vinte cinco mil euros, que renovará anualmente, polos danos a terceiros que puideran ser causados polo seu animal, incluso se o animal fose cedido a outra persoa para o seu coidado. Dita acreditación realizarase mediante a presentación dunha copia cotexada ou compulsada da póliza de seguros ou ben mediante un certificado acreditativo da compañía de seguros correspondente, así como da presentación da fotocopia do último recibo de pagamento. Deberá figurar o número identificativo do microchip do animal na póliza do seguro.

f.               A obtención da licenza para a tenza de animais salvaxes en catividade, considerados como potencialmente perigosos, requirirá, ademais dos requisitos especificados anteriormente, posuír instalacións axeitadas para albergar o animal e medidas de seguridade para impedir a fuxida do mesmo. Este apartado acreditarase mediante unha memoria descritiva subscrita por un veterinario, biólogo ou outros facultativos superiores ou medios nos que nos seus plans de estudos quede acreditado o coñecemento ou estudio de etoloxía animal.

2.         Para os efectos da expedición da licenza no caso de persoas posuidoras distintas á propietaria do animal, será válido o seguro de responsabilidade civil subscrito por esta última. No caso de posuír varios animais potencialmente perigosos será esixible unha única licenza, sempre e cando todos os animais conten co correspondente seguro de responsabilidade civil. Deberán figurar os números identificativos dos microchips dos animais nas pólizas dos seguros.

3.         A licenza administrativa será outorgada ou renovada, a petición do interesado, polo órgano municipal competente unha vez verificado o cumprimento dos requisitos establecidos no apartado primeiro deste artigo.

4.         A licenza terá un período de validez de cinco anos e poderá ser renovada por períodos sucesivos de igual duración, coa finalidade de comprobar que o interesado segue a cumprir os requisitos que se lle esixiron para a súa obtención. Non obstante, a licenza perderá a súa vixencia no momento no que o seu titular deixe de cumprir calquera dos requisitos establecidos no apartado anterior. Calquera variación dos datos que figuran na licenza deberá ser comunicada polo seu titular no prazo de 15 días, contados dende a data en que se produza, ao concello.

5.         A intervención, medida cautelar ou suspensión que afecte á licenza administrativa en vigor, acordada en vía xudicial ou administrativa, serán causa para denegar a expedición de outra nova ou a súa renovación ata que aquelas se levantasen.

6.         Procederá a anulación da licenza concedida cando se incumpran as condicións que motivaron a súa concesión.

7.         A anulación da licenza dará lugar á perda do dereito da tenza do animal. O propietario procederá, no prazo máximo de 15 días, á entrega do animal a un novo propietario que posúa licenza en vigor. De non atoparse un novo propietario no prazo referido, farase a entrega do animal no centro de recollida de animais do concello.

 

Artigo 14. Rexistro de animais potencialmente perigosos

 

1.         O propietario ou titular dos animais potencialmente perigosos deberá inscribilos no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, no prazo máximo de quince días dende a obtención da licenza correspondente. Para o caso do segundo e posteriores animais, o dito prazo comezará a computarse desde a adquisición do animal.

2.         Para a inscrición no rexistro o propietario deberá acreditar a identificación do animal, presentar o documento acreditativo entregado polo veterinario responsable da identificación e comunicar os datos relativos ao nome e apelidos do propietario ou posuidor, domicilio, teléfono e DNI e os datos relativos á especie do animal, raza, sexo, data de nacemento, características morfolóxicas, función/aptitude (compañía ou garda, defensa, caza), código de identificación e domicilio habitual do animal. Así mesmo, se o propietario obtivo a licenza noutro concello, deberá presentar fotocopia compulsada do documento acreditativo da licenza e da póliza do seguro de responsabilidade civil e do último recibo en vigor.

3.         Será motivo de inscrición no rexistro municipal o traslado temporal ao termo municipal por un período superior a tres meses.

4.         O propietario ou titular dos animais potencialmente perigosos disporá dun prazo máximo de 15 días para comunicar: a morte (mediante certificado veterinario), venda, doazón, traslado, roubo (mediante denuncia), perda do animal, esterilización ou calquera variación nos datos do rexistro, excepto nos casos de agresión, nos que a comunicación será inmediata.

 

Artigo 15. Obrigas dos propietarios e veterinarios de animais potencialmente perigosos

 

1.         As persoas propietarias ou posuidoras de animais potencialmente perigosos teñen que tomar as medidas necesarias para evitar posibles molestias e prexuízos a persoas, animais e bens, e terán que cumprir todos os requirimentos previstos na lexislación vixente de animais potencialmente perigosos.

2.         As instalacións destinadas a albergaren animais potencialmente perigosos deberán reunir os requisitos que se establezan regulamentariamente. En todo caso, deberanse observar as medidas de seguridade que eviten a fuxida destes animais ou o contacto con eles, respectando de todos os modos a súa protección e benestar.

3.         En particular, as condicións de aloxamento deben cumprir os seguintes requisitos:

a.         As paredes e os cercados deben ser suficientemente altos e consistentes e deben estar ben fixados para soportar o peso e a presión do animal.

b.         As portas das instalacións deben ser resistentes e efectivas como o resto do recinto, e deseñadas para evitar que os animais poidan desaxustar ou abrir eles mesmos os mecanismos de seguridade.

c.         O recinto ten que estar convenientemente sinalizado coa advertencia de que hai un animal potencialmente perigoso no interior.

4.         Quen teña en propiedade ou posúa un animal potencialmente perigoso que agrida persoas ou outros animais causándolles feridas de mordedura será responsable de que o animal sexa sometido a recoñecemento dunha veterinaria ou dun veterinario en exercicio libre da profesión en dúas ocasións dentro dos quince días seguintes á agresión. Neste recoñecemento o veterinario ou a veterinaria responsable emitirá un certificado no que conste se o animal presenta ou non síntomas de doenza infecto-contaxiosa, que comunicará ás autoridades competentes en sanidade animal no caso de sospeita.

5.         Os cans potencialmente perigosos terán que circular, nas vías públicas e nos lugares e espazos de uso público en xeral, atados con correa non extensible de menos de dous metros de longo, provistos da correspondente buceira homologada e axeitada para a súa raza.

6.         A esterilización dos animais potencialmente perigosos, ademais de se poder facer por vontade das persoas propietarias, realizarase obrigatoriamente por mandato ou resolución das autoridades administrativas ou xudiciais.

7.         Os propietarios e as propietarias deste tipo de animais deberán comunicar ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) a súa castración ou esterilización, coa remisión da copia da certificación veterinaria acreditativa do devandito feito no prazo de tres días, contados desde que a esterilización ou castración se levase a cabo.

8.         Regulamentariamente a administración autonómica desenvolverá o procedemento administrativo necesario para acordar a esterilización dun animal potencialmente perigoso polo órgano territorial de dirección da consellaría competente en materia de protección animal, naqueles supostos de reiteradas agresións ás persoas ou danos a outros animais.

9.         As autoridades municipais poderán practicar a incautación daqueles animais potencialmente perigosos nos casos en que non se reúnan os requisitos establecidos nesta ordenanza, recluíndoos ata que estes se cumpran. O propietario, ou responsable do animal no momento da incautación, deberá sufragar os gastos ocasionados e derivados da retirada e manutención do animal.

 

CAPITULO V. XESTIÓN MUNICIPAL DAS COLONIAS FELINAS

 

Artigo 16. Colonias felinas

 

1.         O concello poderá establecer lugares destinados a colonias felinas controladas, como un posible destino das comunidades de gatos sen propietario ou propietaria que vivan na rúa, sempre que as condicións do contorno o permitan, co fin da súa protección e control poboacional.

2.         Os gatos integrantes destas colonias deberán ser capturados para a súa marcaxe, esterilización e control sanitario. A identificación realizarase a nome do concello, ao que lle compete a vixilancia e o control sanitario destas poboacións.

3.         O concello poderá controlar as colonias felinas por si mesmo ou asociado, en réxime de xestión directa ou indirecta. Así mesmo, poderá subscribir convenios de colaboración nesta materia con outras administracións públicas e entidades, como as asociacións de protección e defensa dos animais, conforme as condicións e requisitos que se determinen nos convenios reguladores.

4.         Co obxecto de compatibilizar a convivencia veciñal e evitar o rechazo da cidadanía, velar polo benestar dos animais, minimizar as molestias e levar o control administrativo das colonias, as entidades que colaboren co control sanitario, vixilancia, alimentación, recollida, esterilización ou marcaxe deberán contar coa autorización expresa do concello para este cometido.

 

TITULO TERCEIRO – INFRACCIÓNS, PRODECEMENTO SANCIONADOR E SANCIÓNS

 

CAPITULO I. Das infraccións

 

Artigo 17. Infraccións

 

Consideraranse infraccións administrativas os actos ou omisións que contraveñan as normas contidas na presente ordenanza.

 

As infraccións cometidas no relativo á tenza ou posesión de animais potencialmente perigosos sancionaranse de acordo co establecido na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.

 

De acordo coa presente Ordenanza, as infraccións tipificaranse como segue a continuación:

 

1.         Infraccións leves:

 

a.         A venda, doazón ou cesión de animais a menores de dezaseis anos ou a persoas incapacitadas sen autorización de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.

b.         O regalo de animais de compañía como recompensa ou premio en eventos ou atraccións públicas.

c.         A exhibición dos animais de compañía destinados á venda en escaparates ou zonas expostas á vía pública ou a modo de reclamo comercial.

d.         Non manter os animais en condicións hixiénico-sanitarias axeitadas e/ou non someter os animais aos recoñecementos veterinarios precisos.

e.         Manter os animais en instalacións que non reúnan os requisitos previstos no artigo 4.4.e), é dicir, instalacións en condicións inadecuadas, desde o punto de vista hixiéni-cosanitario ou ambiental.

f.               Non facilitar aos animais a alimentación e bebida abondas e axeitadas ás súas necesidades, agás por prescrición veterinaria, salvo que o prexuízo para o animal sexa grave ou moi grave. De se producir un dano para o animal grave ou moi grave, esta conduta cualificarase como un suposto de maltrato tipificado como infracción grave ou moi grave, segundo as consecuencias que diso deriven.

g.         Exercer a venda de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados.

h.         Transportar animais en condicións inaxeitadas ou en maleteiros que non estean especialmente adaptados, incumprindo as obrigas previstas no artigo 11 desta ordenanza, sempre que os animais non sufran danos. De se producir danos no animal, esta infracción cualificarase como infracción grave.

i.                A non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía na vía pública.

j.                Alimentar os animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás situacións que poidan comprometer o benestar dos animais, así como alimentalos naqueles lugares reservados polo concello para o gozo dos mesmos.

k.         Non adoptar as medidas necesarias para impedir que o animal poida acceder libremente ás vías ou aos espazos públicos ou privados, así como non impedir o libre acceso do animal a outros animais ou o contacto sen permiso con persoas ou cousas, e así mesmo non impedir a entrada do animal en recintos ou lugares non autorizados.

l.                Manter no mesmo recinto ou en vivenda privada máis de cinco animais, incumprindo os requisitos do artigo 6.2.

m.        Non manter actualizados os datos comunicados aos rexistros obrigatorios previstos na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

n.         Non contar coa formación necesaria para o manexo e a atención dos animais aloxados nos centros de cría, venda e importación de animais.

o.         O baño de animais en fontes públicas, estanques ou similares, así como permitir que estes beban directamente das fontes de consumo público.

p.         A inobservancia da prohibición das miccións dos animais nas fachadas dos edificios e naquel mobiliario urbano destinado ao uso por parte dos peóns como son bancos, marquesiñas de transporte público, fontes públicas…etc. Exceptúanse desta prohibición os elementos de sinalización vertical e de iluminación (semáforos, sinais e farois).

q.         Non respectar as normas de uso dos parques de esparexemento canino establecidas no artigo 10.

r.               A utilización en calquera elemento das fachadas, na vía pública e espazos privados de uso público, produtos que polas súas características de perigosidade poidan causar calquera tipo de dano a persoas ou animais. En concreto, a utilización de xofre nos anteditos espazos para evitar as miccións dos animais.

s.         Non mostrar a acreditación sinalada no artigo 9.6.a) cando sexa requirida por un axente da autoridade ou incumprir calquera outra obriga derivada do establecido no dito artigo 9.6. Non obstante, levar o can solto fóra dos horarios ou zonas establecidas terá a consideración de infracción leve tipificada no artigo 17.1.k), aínda que se posúa a acreditación referida no artigo 9.6..a).

t.               Calquera outra actuación que vulnere o disposto nesta Ordenanza e que non este tipificada como infracción grave ou moi grave.

 

2.         Infraccións graves:

1.  En materia de benestar animal:

a.         O maltrato aos animais que lles cause dor, sufrimento, lesións ou danos non invalidantes nin irreversibles.

b.         Non proporcionar aos animais os tratamentos necesarios para evitar o seu sufrimento.

c.         A non identificación dos animais, cando esta sexa obrigatoria conforme o previsto na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

d.         A utilización de calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou empecer a mobilidade dos animais, lles produza dor, danos, sufrimento, menoscabo ou estrés innecesario, en especial os que lles impidan manter a cabeza na posición natural, agás prescrición veterinaria, ou manter os animais da especie canina atados de forma permanente ou limitarlles os movementos que son necesarios durante a maior parte do día, e o emprego de instrumentos ou métodos daniños de suxeición, retención ou educación, como os colares eléctricos que produzan descargas.

e.         Levar animais atados a vehículos a motor en marcha.

f.               Non adoptar as medidas necesarias para evitar a reprodución incontrolada dos animais, consonte o previsto na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

g.         O abandono dos animais de compañía, nos termos previstos na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

h.         A venda reiterada de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados. Enténdese por venda reiterada o feito dunha persoa ter sido denunciada pola comisión desta infracción ata en dúas ocasións no prazo dun ano.

i.                A venda de animais silvestres mantidos en catividade fóra dos establecementos autorizados.

j.                O incumprimento das obrigas establecidas na  Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia para os establecementos que teñan a consideración de núcleo zoolóxico, e non obter a autorización previa da consellería competente para os eventos con animais de compañía, excepto o establecido como infracción moi grave na dita lei, e o transporte inaxeitado de animais de compañía incumprindo as obrigas previstas no artigo 11 desta ordenanza, sempre que os animais sufran danos.

k.         A utilización dos animais en traballos que os inmobilicen causándolles dor.

l.                A venda de animais enfermos ou con defectos coñecidos pola parte vendedora, agás que a enfermidade sexa infecto-contaxiosa o que terá a consideración de moi grave.

m.        A cría con fins comerciais ou a comercialización de animais sen cumprir os requisitos previstos na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

n.         A recollida de animais vagabundos ou extraviados sen a correspondente autorización, agás os supostos previstos no artigo 5.5.

o.         A cesión en adopción de animais abandonados sen cumprir os requisitos establecidos na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

p.         Ser titular dun establecemento que teña a consideración de núcleo zoolóxico sen posuír as autorizacións administrativas previstas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

q.         Non ter subscrito o seguro de responsabilidade civil no caso dos propietarios de animais potencialmente perigosos.

r.               A negativa ou resistencia a subministrar datos ou a facilitar a información requirida polas autoridades competentes, ou os seus axentes, co fin de cumprir as funcións establecidas na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, así como a subministración intencionada de información inexacta ou de documentación falsa.

s.         Empregar animais para desempeñar traballos contravindo o establecido no artigo 4.4.f), utilizalos como reclamo na mendicidade ou en calquera outra actividade ambulante, ou o seu uso en atraccións feirais e outras asimilables, agás autorización da autoridade competente.

t.               A comisión dunha infracción administrativa leve cando no prazo dun ano o suxeito fose sancionado por unha ou máis infraccións leves e a resolución ou as resolucións sancionadoras resultasen firmes na vía administrativa.

2. En materia de animais potencialmente perigosos:

a.         Deixar solto un animal potencialmente perigoso ou non ter adoptado as medidas necesarias para evitar a súa fuxida ou extravío.

b.         Incumprir a obriga de identificar ao animal.

c.         Omitir a inscrición no rexistro.

d.         Atoparse o can potencialmente perigoso en lugares públicos sen bozo ou non suxeito con cadea.

e.         O transporte de animais potencialmente perigosos coa vulneración do disposto na normativa sobre benestar animal, ou sen adoptar as medidas precautorias que as circunstancias aconsellen para garantir a seguridade das persoas, bens e outros animais, durante os tempos de transporte e espera de carga e descarga.

f.               A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes ou os seus axentes, así como o subministro de información inexacta ou de documentación falsa.

 

3.         Infraccións moi graves:

1.  En materia de benestar animal:

 

a.         O maltrato aos animais que lles cause a morte ou lles provoque lesións ou danos invalidantes ou irreversibles.

b.         A manipulación da identificación dos animais de compañía en todos os supostos.

c.         A organización e realización de pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade que leve consigo malos tratos, crueldade ou sufrimento.

d.         A venda de animais con doenza infecto-contaxiosa coñecida pola parte vendedora.

e.         A mutilación dos animais sen prescrición e control veterinario e mais a esterilización e intervención cirúrxica de animais non efectuadas por unha ou un profesional veterinario.

f.               A subministración de estimulantes non autorizados ou de substancias que poidan atentar contra a saúde dos animais de compañía, agás prescrición veterinaria.

g.         A contravención da orde de inmobilización dos animais acordada polas autoridades competentes.

h.         A obstaculización do cumprimento das medidas provisionais.

i.                Educar os animais de forma agresiva, estresante ou violenta, así como instigalos ou preparalos para pelexas ou ataques nos termos sinalados no artigo 4.q) desta ordenanza.

j.                Non tomar as medidas necesarias para evitar que os animais causen danos á saúde pública ou animal ou á seguridade pública.

k.         Disparar intencionadamente contra os animais, agás nos supostos establecidos no artigo 15 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia e referidos no artigo 2.13 desta ordenanza.

l.                A práctica da eutanasia dos animais vulnerando o disposto no artigo 15 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

m.        O emprego e a tenza de animais de especies silvestres nos circos.

n.         A comisión dunha infracción administrativa grave cando no prazo dun ano o mesmo suxeito fose sancionado pola comisión dunha ou varias infraccións graves e a resolución ou as resolucións sancionadoras resultasen firmes na vía administrativa.

2. En materia de animais potencialmente perigosos:

a.         Abandonar un animal potencialmente perigoso, de calquera especie e calquera can, entendéndose por animal abandonado, tanto aquel que vaia preceptivamente identificado, como os que non leven ningunha identificación sobre a súa orixe ou propietario, sempre que non vaian acompañados de persoa algunha.

b.         Ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licenza.

c.         Vender ou transmitir por calquera título un can ou animal potencialmente perigoso a que careza de licenza.

d.         Adestrar animais para activar a súa agresividade ou para finalidades prohibidas.

e.         Adestrar animais potencialmente perigosos por quen careza de certificado de capacitación.

f.               A organización ou celebración de concursos, exercicios, exhibicións ou espectáculos de animais potencialmente perigosos, ou a súa participación en eles, destinados a demostrar a agresividade dos animais.

 

CAPITULO II. POTESTADE SANCIONADORA

 

Artigo 18. Procedemento e competencia sancionadora

 

1.         O procedemento sancionador previsto nesta ordenanza tramitarase de conformidade coa lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2.         Os órganos competentes para instruír os expedientes sancionadores e sancionar serán os establecidos nas respectivas normativas reguladoras, correspondendo ao alcalde ou alcaldesa do concello a competencia para sancionar as infraccións leves nas alíneas c), i), j), o), p), q), r) e s) do artigo 17.1 desta nesta ordenanza.

 

Artigo 19.Sancións

 

As sancións aplicables por infraccións leves que sexan competencia do concello serán sancionadas con apercibimento ou sanción económica de 100 a 500 euros de acordo co establecido na normativa autonómica.

 

Artigo 20. Comiso de animais e outras sancións.

 

1.         Cando as circunstancias o aconsellen, ben cando sexa requirido pola administración autonómica ou ben cando autoridade municipal o considere necesario poderase obrigar a trasladar e recluír nun centro autorizado aos animais:

a.         Portadores dalgunha zoonose.

b.         Causantes de agresión a persoas, animais ou obxectos.

c.         Con signos de maltrato físico.

A autoridade municipal esixirá que os custos derivados corran a cargo da persoa propietaria ou posuidora.

2.         Tamén as autoridades municipais poderán comisar os animais cando existan indicios racionais de infracción do que se dispón nesta ordenanza e mentres perduren as circunstancias que o determinaron. Neste caso comunicarase a medida cautelar á consellería competente co fin de que ratifique ou non dentro do seu ámbito competencial, a dita medida.

3.         Se a administración competente así o determina, as infraccións tipificadas nos apartados anteriores poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, comiso, esterilización ou sacrificio de animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou indefinida da licenza para a tenza de animais potencialmente perigosos.

 

Artigo 21. Responsabilidades

 

1.         Son responsables das sancións tipificadas nesta ordenanza, todas aquelas persoas que participasen na comisión do feito infractor por calquera título, sexan persoas físicas ou persoas xurídicas. Excepto nos supostos nos que sexan menores de idade, onde responderán os pais, titores ou aqueles que dispoñan da custodia legal.

2.         En ausencia do propietario será responsable subsidiario a persoa que no momento de producirse a acción leve o animal.

3.         Son responsables os titulares das licenzas ou autorizacións, cando por motivo do exercicio dun dereito concedido nas mesmas, se realice algunha das infraccións tipificadas nesta ordenanza.

 

Artigo 22. Gradación das sancións

1.         A imposición das sancións previstas nesta ordenanza graduarase de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, tendo en conta ademais os seguintes criterios:

a.         A transcendencia social ou sanitaria e a natureza do prexuízo causado pola infracción.

b.         O ánimo de lucro e a contía do beneficio económico obtido na comisión da infracción.

c.         O asañamento ou o grao de crueldade na comisión da infracción.

d.         A reincidencia, pola comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme na vía administrativa. Se concorre a reincidencia, a sanción pecuniaria que se debe impoñer incrementarase nun cincuenta por cento da contía máxima prevista da escala correspondente ao tipo infractor.

e.         A intencionalidade.

f.               A realización de actos para ocultar o seu descubrimento.

g.         A agrupación e organización para a comisión da infracción.

h.         O número de animais afectados.

2.         No suposto de que uns mesmos feitos sexan constitutivos de dúas ou máis infraccións administrativas das previstas nesta ordenanza impoñerase a sanción correspondente á infracción de maior gravidade, que se graduará atendendo a cualificación e o número de infraccións concorrentes.

3.         As sancións que se impoñan aos distintos responsables dunha mesma infracción terán entre si carácter independente.

Artigo 23. Prescrición das infraccións e sancións

1.         De acordo co establecido na normativa autonómica, as infraccións administrativas leves prescribirán no prazo dun ano, as infraccións graves no prazo de dous anos e as moi graves no prazo de tres anos.

2.         O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a correr desde que rematase a conduta infractora.

3.         As sancións administrativas impostas por infraccións leves prescribirán aos dous anos, por infraccións graves aos tres anos e por infraccións moi graves aos catro anos, contados desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para presentar recurso contra ela. No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo legalmente previsto para a resolución do dito recurso.

Artigo 24. Caducidade do procedemento sancionador

1.         De acordo co establecido na normativa autoónomica, nos procedementos sancionadores instruídos en aplicación desta ordenanza deberá ditarse e notificarse a oportuna resolución no prazo máximo dun ano, contado a partir do momento en que se acordou a súa iniciación.

2.         A falta de notificación da resolución á persoa interesada no devandito prazo determinará a caducidade do procedemento, agás nos supostos en que o procedemento se paralizase por causas imputables ás persoas interesadas ou se acordase a súa suspensión nos casos previstos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o que interromperá o cómputo do prazo para resolver e notificar a resolución.

3.         Ao se iniciar un procedemento sancionador, de os feitos poderen ser presuntamente constitutivos de delito ou falta, poñerase en coñecemento do Ministerio Fiscal, con remisión do actuado. En aplicación do principio de non bis in idem, a instrución de causa penal perante os tribunais de xustiza suspenderá a tramitación do expediente administrativo sancionador que fose incoado polos mesmos feitos.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

 

A presente ordenanza derroga expresamente a Ordenanza reguladora para a tenza, defensa e protección dos animais de compañía e potencialmente perigosos publicada no Boletín Oficial da Provincia núm.3 do 04.01.2003.

 

 

 

 

Areas temáticas