Solicitamos su permiso para obtener datos estadísticos de su navegación en esta web, en cumplimiento del Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta el uso de cookies. Acepto | Más información

CONVENIOS DE COLABORACIÓN CON OTROS ENTES LOCALES Convenios de colaboración suscritos por el Ayuntamiento de Narón, con otros ayuntamientos.

Publicado por ADPFC

Inclúense neste campo os Convenios de colaboración subscritos entre o Concello de Narón e outros Concellos para a prestación de diversos servicios. 

CONVENIO CONCELLO DE NARÓN - CONCELLO DE VALDOVIÑO (prestación material de servicios saneamento zonas limítrofes) 

CONVENIO DE COLABORACIÓN SUBSCRITO ENTRE OS CONCELLOS DE NARÓN E VALDOVIÑO DUN SERVIZO PÚBLICO MUNICIPAL

En Narón, a dez de xullo de dous mil vinte.

REUNIDOS

Dunha parte o Concello de Narón, e no seu nome e representación a súa Alcaldesa-Presidenta, Dª. Marián Ferreiro Díaz, facultada para a sinatura deste documento, polo Pleno municipal na sesión celebrada o vinte e oito de xuño de dous mil dezaoito; e en virtude do disposto na lexislación vixente.

Doutra parte o Concello de Valdoviño, e no seu nome e representación o seu Alcalde-Presidente, D. Alberto González Fernández, facultado polas mesmas disposicións legais e polo acordo adoptado polo Pleno municipal desa localidade de data seis de febreiro de dous mil vinte.

EXPOÑEN

Que as partes se recoñecen plena capacidade para firmar o presente Convenio.

PRIMEIRO. - MARCO NORMATIVO

Que o artigo 48 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do Sector Público faculta ás Administracións Públicas, seus organismos públicos e entidades de dereito público vinculados ou dependentes, no ámbito das súas respectivas competencias, á subscribir convenios con suxeitos de dereito público e privado, sen que iso poida supoñer cesión da titularidade da competencia.

Pola súa banda o artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local (en adiante LBRL), prevé que os municipios, para a xestión dos seus intereses e no ámbito das súas competencias poden promover actividades e prestar os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal nos termos previstos nese artigo, dispoñendo que exercerán, en todo caso e como competencias propias, nos termos da lexislación do Estado e da CCAA, o abastecemento de auga potable a domicilio e a evacuación e o tratamento das augas residuais.

Competencia que novamente se menciona na relación de servizos do artigo 26 de esa disposición legal, para todas aquelas entidades con independencia da súa poboación, ao citar de modo expreso o abastecemento domiciliario de auga potable e o alcantarillado.

Así mesmo o artigo 57 da LBRL, permite a colaboración e cooperación entre as administracións públicas, tanto na prestación de servizos locais como noutros asuntos de interese común; que se desenvolverá con carácter voluntario, poidendo ter lugar, en todo caso, mediante a creación de consorcios ou convenios interadministrativos; en tanto que o artigo 198 da Lei 5/1997, da Administración Local de Galicia (LALGA), establece que as Entidades Locais poderán celebrar Convenios de cooperación entre si para a máis eficaz xestión e prestación de servizos da súa competencia. E prosegue decindo que as  partes poderán coordinar as súas políticas de fomento dirixidas a un mesmo sector, distribuír as subvencións outorgadas por unha delas con referencia ao ámbito territorial ou poboación doutra, executar puntualmente obras ou servizos da competencia dunha das partes, compartir as sedes, locais ou edificios que sexan precisos para o desenvolvemento de competencias concorrentes, ceder e aceptar a cesión de uso dos bens patrimoniais, desenvolver actividades de carácter prestacional e adoptar as medidas oportunas para alcanzar calquera outra finalidade de contido análogo ás anteriores.

 

SEGUNDO.- SITUACIÓN XURÍDICA ACTUAL NA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS OBXECTO CONVENIO DE COLABORACIÓN

Na actualidade os municipios asinantes están a prestar os servizos referenciados a través de entidades interpostas. Así o Concello de Narón conta cunha empresa mixta municipal de capital maioritariamente público, adxudicataria da súa prestación; en tanto o Concello de Valdoviño ten formalizada unha concesión administrativa do servizo en virtude das posibilidades outorgadas pola lexislación contractual en vigor.

 

TERCEIRO.- SITUACIÓN FÍSICA DE VARIAS EDIFICACIÓNS

Os termos municipais de Narón e Valdoviño se atopan ubicados no noroeste da provincia de A Coruña.

Dentro do municipio de Valdoviño existen vivendas, ubicadas nas proximidades aos límites físicos ou lindeiros fixados entre os dous Concellos, igualmente cercanas a colectores de saneamento e/ou abastecemento, pertencentes ás redes municipais do Concello de Narón, xestionadas pola empresa mixta Compañía de Servicios Medioambientales do Atlántico S.A. (en adiante COSMA), que na actualidade carecen dun servizo de titularidade municipal de saneamento/abastecemento sostible; resultando nestes intres tecnicamente viable a conexión destes predios a aquelas redes, a través de acometidas ou pequenas ampliacións de rede a estes colectores.

 

CUARTO.- OBXECTO E CRITERIOS XERAIS DA COLABORACIÓN

Con independencia das competencias formais asignadas a cada Consistorio pola lexislación vixente; así como a necesaria cobertura, normativamente prevista, na prestación de determinados servizos públicos por parte doutras administracións públicas de ámbito territorial superior (que especialmente atañe e afecta aos municipios de menor poboación) e da súa obrigatoriedade ou mero carácter potestativo, o certo é que o interese público que demandan as cidadanías de ámbolos dous concellos, así como a axeitada satisfacción das necesidades e aspiracións das respectivas comunidades veciñais, permiten acadar, e mesmo poden aconsellar, á búsqueda de solucións imaxinativas e novidosas que, dentro dun escrupuloso respecto e acatamento da normativa en vigor, sirvan para afrontar e resolver e superar os novos retos derivados da difícil situación socio económica pola que o Estado e as administracións públicas en xeral, están a atravesar.

O presente convenio ten precisamente por obxecto satisfacer cabalmente demandas municipais dun modo satisfactorio para as partes asinantes implicadas e, especialmente para as súas veciñanzas, por estimar e entender que a prestación polos seus propios medios ou a través de entidades supra municipais (en ocasións legalmente competentes) non permiten acadar os niveis de eficacia, dilixencia, calidade e satisfacción que a fórmula elixida agora, ofrece.

Se pretende pois regular a colaboración puntual entre os devanditos municipios de Narón e Valdoviño para a prestación axeitada do servizo público, esencial e reservado, de evacuación de augas residuais a diversos inmobles ubicados no termo municipal de Valdoviño, ainda que limítrofes co de Narón, por parte deste último Consistorio, a través da mercantil concesionaria interposta.

As actuacións derivadas do presente Convenio se realizan dentro dun escrupuloso respecto ao marco competencial establecido na normativa vixente en materia de réxime local, e posibilitan acadar unha solución medioambiental e sostible á problemática derivada da xestión dos residuos do saneamento das vivendas afectadas polo mesmo; tendo en conta as dificultades técnicas (perfís dos terreos e distribución actual do trazado) e económicas que a ampliación das redes do Concello de Valdoviño ata aqueles inmobles suporía, así como a proximidade dos mesmos ás redes de saneamento do Concello de Narón, xa existentes e en axeitado funcionamento.

A efectiva xestión deste servizo asegurará un axeitado tratamento deses residuos, minimizando desta forma o risco de afección a terreos colindantes sitos tanto no termo municipal de Valdoviño como no propio termo municipal de Narón.

 Por todo canto antecede as partes

ESTIPULAN

Conveniar a colaboración referida de acordo coas seguintes

C L Á U S U L A S

PRIMEIRA.- OBXECTO

Os Concellos asinantes acordan a través dun convenio de colaboración a prestación material do servizo de evacuación e tratamento das augas residuais nas vivendas sitas (ou a executar) no termo municipal de Valdoviño, ubicadas nas zonas delimitadas no Informe técnico e planimetría que se adxunta como ANEXO I a este documento, aprobado polos respectivos Concellos.

Na súa virtude o Concello de Narón, a través da sociedade mixta concesionaria do seu servizo público de abastecemento de auga e evacuación (COSMA), se compromete á axeitada prestación dese servizo aos titulares daqueles inmobles e edificacións ubicados no termo municipal limítrofe de Valdoviño.

SEGUNDA.- ALCANCE E LÍMITES DO CONVENIO

O Concello de Valdoviño se compromete a facilitar unha relación dos inmobles, vivendas e particulares afectados polo disposto neste Convenio, á que se acompañará documento acreditativo da previa petición escrita dos/das veciños/as interesados na prestación deste servizo nas condicións expostas. O citado documento, debidamente asinado por aqueles interesados, fará expresa mención do compromiso por eles asumido de abonar ao Concello de Valdoviño os custos económicos derivados da efectiva implantación (obras de acometida e cantas actuacións materiais precisas resulten) e as tarifas pola prestación posterior do servizo de evacuación e depuración das augas residuais. Tales contías serán recadadas polo Concello de Valdoviño segundo as súa propia normativa.

O listado de interesados asinantes cos compromisos descritos, se acompañará como ANEXO II a este Convenio.

O Concello de Narón, pola súa banda, e a través da empresa mixta concesionaria do servizo, se compromete á implantación e mantemento do devandito servizo naqueles inmobles a través da exclusiva execución das acometidas nos lugares nos que previamente existe a rede, dentro do seu termo municipal.

TERCEIRA.- OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS

Os/As titulares das vivendas afectadas (ou que se execute) por este convenio fican suxeitos ás obrigas derivadas da normativa municipal do Concello de Narón neste ámbito; isto é o REGULAMENTO DO SERVIZO MUNICIPAL DE ABASTECEMENTO DE AUGA E SANEAMENTO DO CONCELLO DE NARÓN.

A sociedade mercantil COSMA, S.A. como concesionaria do servizo percibirá as liquidación das tarifas pola prestación do servizo, de acordo coas recollidas na ordenanza fiscal vixente en cada momento (actualmente a número 8) así como o canon da auga correspondente (tributo autonómico).

CUARTA.- DAS TARIFAS

O pago desas liquidacións efectuarase directamente polo Concello de Valdoviño ao concesionario do servizo (COSMA, S.A.), a través do procedemento establecido ao efecto na ordenanza fiscal vixente en cada momento, sen que poida alegar en ningún caso, a falta de abono efectivo a ese concello, das correspondentes tarifas polos veciños afectados e usuarios do servicio.

 

QUINTA.-  REVISIÓN DAS TARIFAS

O Concello de Valdoviño comprométese a aceptar a revisión das tarifas e a forma de pago que se establezan por parte do Concello de Narón polo subministro que se establece neste convenio e nas ordenanzas fiscais correspondentes.

 

SEXTA.- INCUMPRIMENTOS

A inobservancia das obrigas reseñada nas cláusulas anteriores polo Concello de Valdoviño, darán lugar á inmediata cesación na prestación do servizo obxecto do convenio.

SÉTIMA.- COMISIÓN DE SEGUIMENTO

Establécese unha Comisión de Seguimento que estará composta por un representante técnico de cada concello ou das concesionarias, presidido polos concelleiros de Obras de cada administración asinantes que se reunirán cantas veces sexa necesario, a petición de calquera das Administracións, para desenvolver as seguintes actuacións:

·       Impulsar e avaliar o cumprimento deste convenio, propoñendo as actuacións que se consideren precisas.

·       Interpretar, en caso de dúbida, o contido do convenio.

·       Propoñer ás partes a resolución das posibles controversias que puideran xurdir na aplicación do convenio.

·       Incluír as novas vivendas e edificacións que se executen nas zonas delimitadas neste documento

 

OITAVA.- FORMALIZACIÓN

O presente Convenio se formalizará mediante a súa sinatura e será publicado no Boletín Oficial da Provincia.

OITAVA.- EXTINCIÓN DO CONVENIO

1. O presente Convenio se extinguirá:

a) Por mutuo acordo das partes.

b) Por denuncia das partes cunha antelación mínima de 2 meses á data da extinción.

c) Pola implantación do servizo obxecto do convenio polo Concello de Valdoviño.

NOVENA.- VIXENCIA

 

Este Convenio terá unha vixencia de tres anos, prorrogándose automaticamente por períodos anuais, agás denuncia dalgunha das partes formulada cunha antelación mínima de dous meses á terminación dun dos períodos.

 

DÉCIMA.- RÉXIME XURÍDICO E COMPETENCIA XURISDICCIONAL

O presente Convenio de colaboración ten natureza interadministrativa, e queda excluído do ámbito de aplicación da Lei de Contratos do sector público, tal como establece o seu artigo 4.1.c) do  Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, que aproba o  texto refundido da Lei de Contratos del Sector Público. Para a resolución das posibles dúbidas ou lagoas que puideran plantexarse na súa aplicación se estará ao disposto na normativa de procedemento administrativo común.

 

O Xulgado do Contencioso- administrativo de Ferrol resulta competente para coñece en única instancia dos recursos que se poidan deducir en relación co presente convenio.

UNDÉCIMA.- ENTRADA EN VIGOR

O presente Convenio entrará en vigor, unha vez sexa aprobado polos plenos municipais e publicado o seu texto no Boletín Oficial da Provincia.

    E en proba de conformidade con canto antecede, asinan dous exemplares do presente Convenio, no lugar e data indicados ut supra.

 

CONVENIO CONCELLO DE NARÓN - CONCELLO DE SAN SADURNIÑO  (prestación de diversos servizos en materia de abastecemento, saneamento, depuración e asistencia ténica) 

  PUBLICACIÓN NO BOP

Areas temáticas