PLAN NORMATIVO 2021 PLAN NORMATIVO 2021
Publicado por ADPFC
1º.- OBXECTO:
En virtude do disposto no artigo 132 da LPACAP e na Directriz nº 4 da Regulación da participación cidadá na planificación, elaboración e avaliación da normativa municipal no Concello de Narón, faise público o Plan normativo do Concello de Narón para o exercicio de 2021 aprobado polo Pleno municipal na sesión celebrada o día 29 de outubro de 2020.
A Lei de Bases de Réxime local, no seu artigo 4.1 recoñece aos municipios – na súa calidade de administracións públicas de carácter territorial- a potestade regulamentaria, isto é a facultade de elaborar e aprobar disposicións xurídicas de carácter xeral que implican a innovación do ordenamento xurídico;
en tanto o Título VI da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aborda a potestade normativa das entidades públicas, recollendo os principios aos que ten que axustarse no seu exercicio a administración titular, e facer así efectivos os dereitos constitucionais nese ámbito, apostando pola mellora da planificación normativa ex ante – a fin de lograr unha superior seguridade xurídica e a predictibilidade do ordenamento xurídico– mediante a divulgación dun plan anual no que se recollerán as propostas regulamentarias que vaian a ser elevadas para a súa aprobación o exercicio seguinte.
En cumprimento desa normativa de das previsións establecidas nas directrices sobre a planificación, revisión e procedemento de elaboración das ordenanzas e regulamentos municipais neste consistorio, o Pleno municipal de Narón principiaba dende o 2018 a tramitación dos seus Plans normativos para os exercicios seguintes, que incluía as previsións de actualización / ou nova redacción de diversos regulamentos e ordenanzas en varios sectores da actividade pública.
O obxectivo estratéxico destes Plans o constitúe a posta en valor da normativa municipal entendida como un instrumento de participación cidadá, de modernización da propia administración, o seu persoal e os servizos a prestar á veciñanza; e acadar disposicións rigorosas, claras e útiles, sen perder de vista a estrita suxeición e a necesaria coherencia que debe guiar a potestade normativa municipal, respecto da promulgada polas demais administracións territoriais; en tanto resultarán obxectivos operativos a promoción da adecuación das normas municipais á lexislación vixente baixo o prisma da simplificación, modernización e racionalización das mesmas; e o logro dun superior coñecemento e comprensión desas disposicións normativas que deben guiar a nosa convivencia democrática.
Neste intre procede dar cabal continuidade á tarefa iniciada e someter a aprobación plenaria antes do 31 de outubro deste ano, o documento comprensivo do Plan normativo para o vindeiro exercicio de 2021, no que se recollerán as propostas regulamentarias que vaian a ser elevadas ou estea previsto elevar, para a súa aprobación, nese período temporal; sendo competente para a súa impulsión a alcaldía municipal.
Polo exposto, e coa pretensión de seguir un proceso estruturado de análise da necesidade ou conveniencia de aprobar novas disposicións ou modificar as normas vixentes, requiriuse aos distintos departamentos municipais e aos seus delegados, a remisión das iniciativas normativas que se estimase preciso acadar no exercicio entrante.
Á vista do anterior o Pleno municipal do Concello de Narón, na sesión celebrada o 29 de outubro de 2020 acordou o seguinte:
PRIMEIRO.- Prestar aprobación ao Plan normativo anual do Concello de Narón para o exercicio de 2021, no que se prevé a elaboración e posterior tramitación e aprobación das seguintes normas xurídicas ou a modificación das actualmente en vigor:
REGULAMENTOS E PLANS |
A.- Departamento de Socio comunitario.
INICIATIVA: REGULAMENTO DO PROGRAMA XANTAR NA CASA DO CONCELLO DE NARÓN
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no artigo 29.1, modificado pola Lei 8/2016, de 8 de xullo, establece as “Formas de prestación dos servizos sociais”, contemplando que os servizos sociais serán prestados polas administracións públicas galegas a través das seguintes fórmulas: a) xestión directa; b) xestión indirecta no marco da normativa reguladora dos contratos do sector público; c) mediante réxime de concierto social previsto na lei; d) mediante convenios con entidades sen ánimo de lucro. O Concello de Narón está adherido ao Consorcio Galego de Servizos de Igualade e Benestar por medio de convenio asinado con data 09-09-2010, manifestando a vontade de formar parte da implantación do programa “Xantar na Casa”, estándose a tramitar un novo convenio de colaboración para o ano 2021. Este programa se concibe como un servizo de atención aos colectivos de persoas maiores e persoas en situación de risco de exclusión coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida, prestando un apoio dentro do propio domicilio, no que se atopan cunha serie de limitacións e que lles impide ter unha adecuada cobertura alimenticia. En base a isto, faise necesario proceder á regulación do sistema de acceso a este programa, do procedemento de concesión e xestión, e do financiamento do servizo.
B.- Departamento de Urbanismo
INICIATIVA: PLAN DE INSPECCIÓN MUNICIPAL DE ACTIVIDADES
En cumprimento das prescricións establecidas na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, o Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos e a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades de Galicia, redactarase un Plan de Inspección municipal de actividades co obxectivo de determinar as actuacións prioritarias do Servizo de Urbanismo deste Concello no tocante á función inspectora das actividades sometidas a licenza, comunicación previa ou declaración responsable, coa finalidade de mellorar a calidade e eficiencia das funcións de inspección e comprobación que a normativa vixente encomenda ás Administracións locais.
C.- Departamento de Servizos
Á vista do escrito recibido dende Augas de Galicia, con relación ao “requerimento para a adecuación da ordenanza de saneamento ao Decreto 141/2012 e a tramitación de permisos vertedura”, faise necesaria a adaptación do REGULAMENTO DO SERVIZO MUNICIPAL DE ABASTECEMENTO DE AUGA E SANEAMENTO DO CONCELLO DE NARON ao Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia.
Así mesmo faise constar a previsión da aprobación da modificación de diversas ordenanzas fiscais para 2021, excluídas deste Plan.
SEGUNDO.- Ordenar á publicación deste acordo na web municipal de transparencia e proseguir cos trámites contemplados nas directrices aprobadas polo Pleno municipal de data 29 de xullo de 2017.
TERCEIRO.- Autorizar á alcaldía-presidencia para a realización e execución de cantos trámites precisos resulten para a efectividade destes acordos.
2º.- ANUNCIO DE APROBACIÓN INICIAL PLAN NORMATIVO 2021
Plan de inspección de actividades
Regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento do Concello de Narón
3º.- ANUNCIO DE APROBACIÓN DEFINITIVA PLAN NORMATIVO 2021
Plan de inspección de actividades
Regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento do Concello de Narón
Areas temáticas