Solicitamos su permiso para obtener datos estadísticos de su navegación en esta web, en cumplimiento del Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta el uso de cookies. Acepto | Más información

PLAN NORMATIVO 2025 PLAN NORMATIVO 2025

Publicado por ADPFC

1º.- OBXECTO:

 

En virtude do disposto no artigo 132 da LPACAP e na Directriz nº 4 da Regulación da participación cidadá na planificación, elaboración e avaliación da normativa municipal no Concello de Narón, faise público o Plan normativo do Concello de Narón para o exercicio de 2025 aprobado polo Pleno municipal na sesión celebrada o día 31 de outubro de 2025.

 

PLAN NORMATIVO DO CONCELLO DE NARÓN PARA 2025

A Lei de Bases de Réxime local, no seu artigo 4.1 recoñece aos municipios – na súa calidade de administracións públicas de carácter territorial- a potestade regulamentaria, isto é a facultade de elaborar e aprobar disposicións xurídicas de carácter xeral que implican a innovación do ordenamento xurídico;

en tanto o Título VI da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aborda a potestade normativa das entidades públicas, recollendo os principios aos que ten que axustarse no seu exercicio a administración titular, e facer así efectivos os dereitos constitucionais nese ámbito, apostando pola mellora da planificación normativa ex ante – a fin de lograr unha superior seguridade xurídica e a predictibilidade do ordenamento xurídico– mediante a divulgación dun plan anual no que se recollerán as propostas regulamentarias que vaian a ser elevadas para a súa aprobación o exercicio seguinte.

En cumprimento desa normativa e das previsións establecidas nas directrices sobre a planificación, revisión e procedemento de elaboración das ordenanzas e regulamentos municipais neste consistorio, o Pleno municipal de Narón principiaba dende o 2018 a tramitación dos seus Plans normativos para os exercicios seguintes, que incluía as previsións de actualización / ou nova redacción de diversos regulamentos e ordenanzas en varios sectores da actividade pública.

O obxectivo estratéxico destes Plans o constitúe a posta en valor da normativa municipal entendida como un instrumento de participación cidadá, de modernización da propia administración, o seu persoal e os servizos a prestar á veciñanza; e acadar disposicións rigorosas, claras e útiles, sen perder de vista a estrita suxeición e a necesaria coherencia que debe guiar a potestade normativa municipal, respecto da promulgada polas demais administracións territoriais; en tanto resultarán obxectivos operativos a promoción da adecuación das normas municipais á lexislación vixente baixo o prisma da simplificación, modernización e racionalización das mesmas; e o logro dun superior coñecemento e comprensión desas disposicións normativas que deben guiar a nosa convivencia democrática. 

Neste intre procede dar cabal continuidade á tarefa iniciada e someter a aprobación plenaria, o documento comprensivo do Plan normativo para o vindeiro exercicio de 2025, no que se recollerán as propostas regulamentarias que vaian a ser elevadas ou estea previsto elevar, para a súa aprobación, nese período temporal; sendo competente para a súa impulsión a alcaldía municipal.

Polo exposto, e coa pretensión de seguir un proceso estruturado de análise da necesidade ou conveniencia de aprobar novas disposicións ou modificar as normas vixentes, requiriuse aos distintos departamentos municipais e aos seus delegados, a remisión das iniciativas normativas que se estimase preciso acadar no exercicio entrante.

Á vista do anterior o Pleno municipal do Concello de Narón, na sesión celebrada o 31 de outubro de 2024, deu a súa conformidade aos acordos seguintes:

 

PRIMEIRO.- Prestar aprobación ao Plan normativo anual do Concello de Narón para o exercicio de 2025, no que se prevé a elaboración e posterior tramitación e aprobación das seguintes normas xurídicas, polas razóns que a continuación se expoñen:

 

REGULAMENTOS

A.- Departamento de SERVIZO SOCIOCOMUNITARIO

INICIATIVA: MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DO CONCELLO DE NARÓN

A normativa actual, cuxa modificación se pretende, foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno o día 31 de outubro de 2019 e publicado o seu texto definitivo no BOP do 8 de abril de 2020.

 

O Concello Pleno, en sesión ordinaria do día 27 de marzo de 2024, aprobou por unanimidade incluír no Plan Normativo do ano 2025 a modificación do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Narón.

 

INICIATIVA: REGULAMENTO DE ACTIVIDADES DE CONCILIACIÓN

Actualmente, o Concello de Narón non ten regulación específica para o desenvolvemento das distintas convocatorias de actividades de conciliación en períodos de vacacións escolares desenvoltas polo Servizo Sociocomunitario, establecéndose os requisitos nas bases das distintas convocatorias.

 

Coa finalidade de dotar o acceso a ditas actividades de seguridade xurídica, dando información previa ás familias que precisen de actividades de conciliación, faise necesario regulalas.

B.- Departamento de ARQUIVO

INICIATIVA: REGULAMENTO DO ARQUIVO DO CONCELLO DE NARÓN

A heteroxeneidade dos documentos producidos polas Administracións públicas, os cambios derivados da incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación, a aparición de novos modelos de xestión, con sistemas mixtos dixitais e en papel, configuraron un novo escenario que demanda completar o tratamento tradicional dos arquivos cunha regulamentación de maior alcance e perspectiva. A creación dun Regulamento do Arquivo Municipal de Narón faise, pois, necesaria de cara a afrontar os retos que nos plantexa este novo escenario pero tamén para mellorar as condicións de conservación e posta a disposición dos documentos que conservamos en papel.

 

Así mesmo faise constar a previsión da aprobación da modificación de diversas ordenanzas fiscais e outras normas de contido económico para 2025, excluídas deste Plan.

SEGUNDO.- Ordenar á publicación deste acordo na web municipal de transparencia e proseguir cos trámites contemplados nas directrices aprobadas polo Pleno municipal de data 29 de xullo de 2017.

 

TERCEIRO.- Autorizar á alcaldía-presidencia para a realización e execución de cantos trámites precisos resulten para a efectividade destes acordos.

Areas temáticas